As protestas por falta de profesorado e masificación espállanse por varios centros no inicio do curso

Concentración ante o IES de Brión © ANPA Pedra Viada

Desde o pasado venres, nais, pais e alumnado manteñen a protesta e un peche no IES de Brión. Reclámanlle á Xunta máis profesorado e a deste martes é a segunda xornada de folga tras o chamamento da ANPA do centro a que ningunha familia enviase os fillos a clase. No pasado luns, apenas unha vintena de rapaces dun total de 383 matriculados asistiron á presentación e o edificio segue practicamente baleiro nun inicio de curso que acumula queixas en máis institutos e colexios. A demanda de máis docentes, máis medios e menos masificación mantén mobilizacións en Santa Comba, Ordes, Santiso ou Roxos (Compostela) contra os recortes no ensino. 

A demanda de máis docentes e máis medios  mantén mobilizacións en Santa Comba, Ordes, Santiso, Santa Comba ou Roxos

En Brión, a deste martes continúa a ser unha xornada de protesta logo da concentración que o luns volveu reivindicar "máis docentes para un ensino decente". Desde a Consellería de Educación, malia as negociacións dos últimos días, mantense que non é necesario aumentar o profesorado. O argumento é que, a pesar de que se incrementou en 31 rapaces o número de alumnado, non hai máis grupos. Desde a ANPA do centro insístese en que esa decisión provoca que 61 cativos se "masifiquen" en dous grupos de 4º de ESO, ademais de perderse un docente de reforzo para 3º da ESO e eliminarse varias optativas. Precisamente, nunha das materias que xa non se impartiría, Robótica, desenvolvéronse varios proxectos que foron premiados pola Fundación Telefónica, a Universitat Pompeu Fabra, o Colexio de Enxeñeiros de Galicia ou a propia Xunta. 

Ante esta situación, a ANPA advirte de que "se mantén a convocatoria para que os estudantes sigan sen acudir ás aulas mentres a dotación de profesorado non sexa a precisa". Ademais, aproveitando a presenza dunha unidade móbil de doazón de sangue en Bertamiráns, varias nais e pais levarán a cabo unha acción reivindicativa mentres se manteñen os contactos coa Consellería para intentar que recapaciten na súa negativa a incorporar tres docentes máis ao centro. 

As familias tampouco envían os fillos no CEIP de Santa Comba ou en Santiso reclamando máis docentes para evitar a "masificación" en diferentes cursos

A non moitos quilómetros de alí, no centro de Infantil e Primaria Barrié de la Maza de Santa Comba, a ANPA mantén tamén mobilizadas as familias, que se manifestaron ante o centro o pasado luns e non levaron a rapazada ao colexio nin ese día nin este martes. A protesta ten que ver co acontecido tamén en Brión. Segundo nais, pais e profesorado, a Consellería de Educación prometera a chegada dun docente máis para poder ter ter tres grupos no 5º curso e evitar así a masificación. A ausencia deste docente obrigará a xuntar o alumnado en tan só dous grupos, o que consideran unha "palabra incumprida" por parte da Administración. 

As mesmas acusacións érguense no CEIP Arcediago no Concello de Santiso. Son xa varios os días nos que o alumnado non é enviado a clase por parte das familias, que solicitan un docente máis en Primaria para non ter que agrupar así varios cursos desa etapa educativa. No fondo tamén, a reivindicación dun "ensino digno no rural" e a protesta polos recortes dos últimos anos, máis prexudiciais aínda en contornas afastadas de grandes áreas urbanas. Ademais, e ao igual que noutros casos, desde o centro apúntase ás promesas de xefes territoriais de Educación que logo non son correspondidas pola Xunta. 

IES de Brión, baleira polas protestas de alumnado, nais, pais e profesores / © ANPA Pedra Viada

A "masificación" nas aulas é a queixa máis común. No CEIP de Roxos, en Villestro (Santiago de Compostela), a comunidade educativa reclama o "desdobramento do 6º curso de Educación Infantil". Segundo a ANPA do centro, a ausencia de medios e profesorado provocará que se xunten nunha única aula un total de 27 nenos e nenas. "Por un ensino de calidade, por unha escola inclusiva", reclaman as nais e pais. 

En Roxos e en Ordes as ANPAS dos centros de Infantil advirten de aulas con 26 e 27 alumnos

Unha problemática semellante é a que ocorre no CEIP Castelao de Ordes. Tamén hai problemas de masificación e a ANPA do centro xa convocou ás familias da rapazada de Educación Infantil a unha xuntanza este martes. Explicarase a resposta da Consellería de Educación á solicitude de solucións a un problema que semella común xa en moitos centros galegos: "Nalgún curso, mesmo os de tres anos, este ano vai haber 26 rapaces nunha aula no canto de dividir os rapaces nas tres aulas para ese nivel que houbo en cursos pasados"

A ANPA mantivo contactos xa tanto coa dirección do centro como co Concello, o inspector de Educación e o xefe territorial da Consellería, aos que convocan tamén para a reunión."Sabemos que é fundamental para as nosas fillas e fillos estar en aulas dimensionadas para unha educación de calidade, que permitan un modelo educativo de atención individualizada, no que exista un tempo axeitado ás necesidades de cada persoa. Queremos saber que o imos ter garantizado", explican. 

Apoio da UD Santiso ás protestas do centro escolar © UDSantiso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.