O Parlamento Europeo reclama a ilegalización da Fundación Francisco Franco

Pleno da Eurocámara en 2018, en Estrasburgo Dominio Público Parlamento Europeo

O Parlamento Europeo aprobou este xoves unha resolución na que reclama a prohibición de grupos e organizacións neofascistas e coa que abre a porta á ilegalización da Fundación Francisco Franco. Con 355 votos a favor, 90 en contra e 39 abstencións, o documento insta as autoridades estatais a que prohiban de xeito efectivo esas asociacións neonazis e fascistas "e calquera outra fundación ou asociación que exalte e glorifique o nazismo e o fascismo". 

A Eurocámara insta a prohibir "calquera fundaicón ou asociación que exalte ou glorifique o nazismo e o fascismo"

O Parlamento denuncia con esta resolución que a falta dunha resposta decidida contra estes grupos posibilitou o auxe actual da xenofobia en Europa e lembra no texto o ataque en Noruega en 2011 con 77 persoas mortas, o asasinato da deputada británica Jo Cox en 2016 ou a agresión fascista contra a eurodeputada Eleonora Forenza en Italia. 

No caso de España, e logo de aprobárense as emendas, a Eurocámara alude á decisión do Congreso de exhumar dos restos de Franco e trasladalos fóra do Valle de los Caídos e asegura que se debe "proceder á retirada efectiva de todos os demais símbolos ou monumentos que exalten o alzamento militar, a guerra civil e a ditadura de Franco". E indica que aqueles que non poidan ser retirados deberían ser obxecto dunha contextualización e reinterpretación para contribuír á concienciación pública e á memoria histórica. 

O Parlamento Europeo insta á exhumación de Franco e á "retirada efectiva de todos os demais símbolos ou monumentos que exalten o alzamento militar, a guerra civil e a ditadura"

Ademais, respecto de incidentes con grupos fascistas, o Parlamento lembra a investigación aberta contra doce membros da organización neonazi Hogar Social Madrid por incitación ao odio, a condena a varias persoas polo ataque ao Centro Cultural Blanquerna, as ameazas ao presidente de SOS Racismo ou as acusacións que a Fundación Francisco Franco e a familia Franco levou a cabo contra os cidadáns que se manifestaron ante o Pazo de Meirás. Todos os eurodeputados españois votaron a favor da resolución consensuada, pero o PP de Pablo Casado votou en contra das emendas que facían referencia a casos españois como o da entidade fascista ou a do grupo neonazi madrileño. 

Y lo ha hecho con el voto en contra del PP de Pablo Casado, que votó a favor de la resolución consensuada y en contra de las tres enmiendas incorporadas que mencionan a la Fundación Francisco Franco, al Valle de los Caídos y a Hogar Social Madrid.

A resolución aprobada repara nas acusacións da Fundación Franco contra os activistas que 'ocuparon' Meirás e que hoxe declararon en Betanzos

Precisamente, neste mesmo mércores foron a declarar nos xulgados de Betanzos os 14 activistas que faltaban por comparecer ante o xuíz tras a denuncia presentada polos Franco contra os protagonistas da ocupación simbólica do Pazo en agosto do ano pasado. Os coñecidos como 19 de Meirás foron apoiados por unha concentración e reclamaron ao Estado que presente xa a demanda civil apra solicitar a devolucion das Torres ao patrimonio público. 

Concentración de apoio aos 19 de Meirás ante os xulgados de Betanzos / 19deMeirás

No Parlamento europeo, a un tempo, a resolución aprobada argumenta que a impunidade da que gozan as organizacións de extrema dereita nalgúns estados membros é unha das razóns que explican o incremento de accións violentas contra a sociedade ou minorías concretas. 

“Esta é unha gran noticia para Europa, para a democracia e para o respecto aos dereitos e as liberdades”, di Ana Miranda

“Esta é unha gran noticia para Europa, para a democracia e para o respecto aos dereitos e as liberdades”, subliñou a eurodeputada do BNG e membro do grupo Verdes-ALE, Ana Miranda, tras a votación. Ela foi unha das principais impulsoras dunha resoluciónpromovida polas eurodeputadas Eleonora Forenza (GUE) e Soraya Post (S&D) e que finalmente contou co apoio dos grupos ALDE e EPP. 

Na resolución, a Eurocámara pide aos países que condenen e sancionen con dureza todos os delitos de odio, de incitación ao odio e de busca de chibos expiatorios por parte dos políticos e funcionarios públicos, xa que estas actitudes "normalizan e reforzan o odio e a violencia". Tamén pide medidas contra a propagación desas ideas xenófobas a través de internet e a implicación dos Estados, as federacións deportivas e en particular os clubs de fútbol para queu loiten contra o fascismo e o racismo "condenando e castigando os responsables e promovendo actividades educativas positivas". 

A Fundación Francisco Franco considera a resolución do Parlamento Europeo "liberticida, sectaria e antidemocrática"

A Fundación Francisco Franco respondeu nun comunicado asegurando que a pretendida ilegalización "sitiuaríase absolutamente á marxe da orde constitucional" e cre que a resolución do Parlamento Europeo é "liberticida, sectaria e antidemocrática sen precedentes". Ademais, considera que se se puxese en cuestión a súa existencia, debería actuarse tamén contra fundacións como as de Pablo Iglesias, Largo Caballero ou José Barreiro e aquelas "de corte marxista e mesmo bolivariano". 

A entidade fascista acusa o "goberno frentepopulista" de intentar "retorcer a lexislación ou mudala se fose necesario" para "desfacerse" da Fundación Francisco Franco. Tamén ameaza con "levar ata o final a defensa da casa humilide e precaria pero que conta con dous pilares indestrutibles: a fe en Deus e o amor apaixonado a España". 

Ana Miranda, durante a votación no pleno da Eurocámara CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.