0 Gardados para despois

Outro venres negro nunha CRTVG que asume que os informativos "será o único" que lle quede

Redacción | @prazapublica

O persoal mobilizado da CRTVG supera xa os cinco meses de protestas. No día de Defuntos, e poucas horas despois da celebración do Samaín, traballadores e traballadoras dos medios públicos denuncian "a morte do servizo público" noutro venres negro, o 24º, no que insisten en reclamar o cumprimento íntegro da Lei de Medios Públicos aprobada sete anos atrás e en denunciar a "manipulación" nos seus contidos informativos.

O persoal mobilizado da CRTVG denuncia a "morte do servizo público" no 24º venres negro

Desta vez, persoal da TVG e da Radio Galega céntrase en denunciar "a privatización e o desmantelamento" que din que se está a producir nas canles e emisoras da Corporación, con cada vez "menos produción propia" e un "futuro fúnebre". E fano só unhas horas despois de que a propia CRTVG recoñecese que os servizos informativos "van ser o último que vai quedar" nos medios públicos. 

"Os servizos informativos van ser o último que nos quede nos medios públicos", di o director xeral da CRTVG

Así o dixo o seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, durante a súa comparecencia na Comisión da CRTVG celebrada no Parlamento o pasado mércores. Preguntado pola importancia dos servizos informativos, foi claro: "Estou de acordo respecto do seu valor nos sistemas públicos; son moi importantes e cada vez van ser máis porque van ser o último que nos quede". 

"Os servizos informativos son moi caros e non vai haber operadores privados con interese de xogar a perder", di Sánchez Izquierdo

Segundo Sánchez Izquierdo, "moi probablemente", a televisión xeralista "tal e como a concibimos" non terá nada que ver coa actual. "O resto de servizos que se ofrecen non estarán nas nosas mans, lamentablemente; nin as series de ficción, nin boa parte dos programas deportivos, nin os programas de entretemento", dixo o director xeral da Corporación, que insistiu en que, "probablemente, os servizos informativos serán o único que lles quede" aos medios públicos. Por que? "Porque son moi caros e non vai haber operadores privados con interese de xogar a perder". "O único que lles van quedar son os servizos informativos e a formación", engadiu. 

"Non foi a mellor semana para a CRTVG. Na comisión de control no Parlamento houbo palabras e actitudes que son contrarias ao que representa un servizo público", din desde o colectivo Defende a Galega.

Traballadores e traballadoras da CRTVG, con candeas no 24º venres negro / © Defende A Galega

Denuncia do PSdeG

Por outra banda, o deputado do PSdeG Julio Torrado denunciou “intencionalidade política” na CRTVG por manter na súa web durante un ano a información falsa titulada “deteñen por acoso e falsificación o tenente de alcalde de Lalín”. O parlamentario presentou unha pregunta oral na Comisión da CRTVG advertindo de que non foi detido e que se presentara voluntariamente a declarar e, “o que é máis grave, que a TVG non informou do arquivo do caso”.

O PSdeG denuncia que a TVG mantivo na web un ano unha información falsa sobre unha suposta detención do tenente de alcalde de Lalín

Torrado advertiu de que esta situación "cuestiona a obxectividade do ente, evidencia o seu uso partidista en contra do concelleiro sinalado e o seu partido, que é o PSdeG, e favorece a outro partido político a costa da confiabilidade da corporación". Reclamoulle ao director xeral da CRTVG que explique “cal é a súa perspectiva sobre este tipo de noticias sen contido real, falsas”, e preguntou “por que non se corrixiu, por que se mantén e cal é o criterio para ir contracorrente do resto dos medios e mesmo en contra de calquera suposto criterio informativo”.

Torrado asegura que unha "persoa sen identificar" interrompeu o debate "para manipular unha información en tempo real"

Sinalou que a noticia mantívose na web do ente co mesmo titular precisamente ata o momento en que se celebrou o debate deste pasado mércores, e amosou a súa sorpresa pola interrupción da sesión parlamentaria provocada por un acompañante do director xeral da CRTVG que non se identificou. Xa nas redes, Torrado amosara a súa sorpresa logo de que "unha persoa sen identificar interrompese o debate dirixíndose" a el, "subise á mesa da presidencia e camiñase pola sala sen que pasase nada". "E todo para manipular unha información en tempo rea!", queixouse. 

Julio Torrado elevou este venres unha queixa á Mesa do Parlamento logo da situación vivida na última sesión da Comisión da CRTVG. O Grupo Socialista protesta "pola actitude pasiva da Presidencia da Comisión, que ten entre as súas obrigas 'velar pola orde das sesións", chegando a "amosar xustificación pola súa parte con tal anómalo e grave comportamento”, que “alterou gravemente a orde da sesión”. Presentan así unha queixa formal polo comportamento “displicente e intolerable” da devandita Presidencia. 

© Parlamento de Galicia

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.