O PP emprega as críticas ao bipartito como escudo para bloquear no Parlamento europeo a denuncia de manipulación na CRTVG

Tiago Alvite e Andrea De Francisco, representantes do Comité Intercentros da CRTVG, no Parlamento europeo CC-BY-SA Praza.gal

Representantes do persoal dos medios públicos galegos sinalaron na Comisión de Peticións do Parlamento europeo que “a manipulación informativa é unha constante” na TVG e na Radio Galega. A súa denuncia non prosperou polos votos en contra de PP e Vox

Representantes do Comité Intercentros da CRTVG defenderon este martes na Comisión de Peticións do Parlamento europeo a súa denuncia de “manipulación” e “incumprimento” da lexislación desde hai máis dunha década nos medios públicos galegos. Unha denuncia presentada hai máis dun ano que atopou unha forte oposición en Bruxelas por parte do Partido Popular e da presidenta desta comisión, a popular Dolors Montserrat, que tratou de impedir que a exposición das traballadoras da Corporación Radio e Televisión de Galicia se chegase a producir, segundo fixo público a eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

Os traballadores da CRTVG Andrea De Francisco e Tiago Alvite sinalaron que “a manipulación informativa é unha constante” na TVG e na Radio Galega e relataron varios exemplos como a cobertura da sentenza do caso Gürtel, na que se omitiron as condenas ao PP e a relación de Pablo Crespo co PPdeG; o día no que o dato de que os prezos subiran en Galicia máis que na media do Estado desapareceu dunha información da Radio Galega e o traballador que se negou a eliminalo foi trasladado “de forma inminente”; ou como o plan de cobertura electoral dos pasados comicios galegos foi modificado pola Xunta Electoral de Galicia, que estimou parcialmente unha reclamación do BNG e amoestou a Corporación dos medios públicos por reducir o tempo dedicado á campaña nos informativos, ordenándolle incrementalo

Ana Miranda cos representantes do Comité da CRTVG CC-BY-SA BNG

Así mesmo, os representantes do comité lembraron a sentenza de vulneración da liberdade de expresión do xornalista da Radio Galega Carlos Jiménez. “Dirixímonos as institucións europeas para solicitar que sexan implementadas medidas para garantir o cumprimento da lei, da liberdade de expresión e de información”, afirmou Andrea De Francisco. Con todo, na resposta do eurodeputado galego do PP Francisco Millán Mon houbo varias mencións a que o exposto eran “opinións”, “xuízos de valor”, “casos non fundados” e cun “nesgo político” que “poderían prexudicar a boa imaxe da TVG”.

“Non me parece que exista unha violación dos principios da liberdade de prensa na TVG”, sostivo Millán Mon, quen apuntou que a Valedora do Pobo respondeu unha “petición similar” dando a razón á dirección da Corporación e non admitindo “alegacións de manipulación, control político, limitacións á liberdade de expresión, etc”. Nesta liña, o eurodeputado do PP defendeu que esta institución si tivo que actuar nos anos do bipartito: “Contrasta coa etapa de goberno PSdeG e o BNG, entre 2005 e 2009, durante a cal a Valedora do Pobo si que advertiu a Corporación da súa obriga de cumprir cos obxectivos de pluralidade e obxectividade”, aseverou.

Os 'populares' empregaron referencias á etapa do bipartito de PSdeG e BNG na Xunta, rematada hai 15 anos, para intentar restar valor as acusacións dos profesionais da CRTVG

Con idéntica argumentación, a eurodeputada do PP María Rosa Estarás Ferragut indicou que o exposto polos representantes do Comité da CRTVG “trátase dunha opinión, que conta cun apoio minoritario” e que “non está respaldado por unha resolución xudicial”. Así mesmo, repetiu a mensaxe sobre a Valedora do Pobo e foi máis alá, afirmando que durante o período no que gobernou a Xunta a coalición de PSdeG e BNG “houbo unha gran intromisión do BNG” nos medios públicos. A popular balear insistiu en que nas pasadas eleccións galegas “non houbo ningunha resolución da Xunta Electoral que puxera en dúbida a neutralidade” e volveu recorrer o bipartito para defender que “en 2009 houbo doce reprobacións da Xunta Electoral por difundir informacións que non se axustaban á realidade”.

O eurodeputado Millán Mon tamén tratou de deslexitimar a mobilización dos ‘venres negros’ entre o persoal da CRTVG que levan 307 semanas reclamando poder realizar o seu traballo como profesionais do xornalismo, o dereito á información e a liberdade de prensa. “A Corporación conta cun cadro de persoal de preto de 900 persoas, porén, teño entendido que os traballadores que participan nestas protestas dos ‘venres negros’ non chegan ao medio centenar. Estamos falando do 5,5% do total, o que ao meu xuízo non constitúe unha cifra abrumadora”, afirmou.

Nicolás González Casares cos representantes do persoal da CRTVG CC-BY-SA PSOE

"Puidemos comprobar que primeiro atacaron a lingua que empregaron os peticionarios e segundo case non tiveron dereito á réplica", criticou Ana Miranda

O Partido Popular Europeo, co apoio do grupo de ultradereita dos Conservadores e Reformistas do que participa Vox, bloqueou o avance desta denuncia no Comité de Peticións do Parlamento europeo, que contou co respaldo da eurodeputada do BNG Ana Miranda e do eurodeputado galego do PSOE Nicolás González Casares.

Miranda salientou que se trata dunha denuncia “totalmente fundada” e cualificou de “bochornoso” ver como “os tentáculos do PP de Galiza do señor Rueda e do señor Feijóo chegan de novo para evitar que Europa diga que a TVG manipula, que a TVG non é ecuánime e que a TVG non ten pluralidade política, como puido comprobar o BNG”.

Así mesmo, a deputada do Bloque en Bruxelas puxo de manifesto o intento de varios eurodeputados de impedir a réplica dos dous representantes das traballadoras dos medios de comunicación públicos galegos. “Puidemos comprobar que primeiro atacaron a lingua que empregaron os peticionarios e segundo case non tiveron dereito á réplica”, dixo.

"Os feitos denunciados vulneran a lexislación europea e ademais atentan contra o dereito a información e contra a dignidade dos profesionais", dixo Nicolás González Casares

González Casares mantivo un encontro cos representantes do Comité Intercentros da CRTVG na sede do Parlamento Europeo logo do debate onde se comprometeu a continuar trasladando á Eurocámara a petición de investigación por falla de transparencia e acoso ao cadro de persoal. “Os feitos denunciados vulneran a lexislación europea e ademais atentan contra o dereito a información e contra a dignidade dos profesionais do medio público galego”, evidenciou o socialista.

A denuncia non prosperou, como explica Nicolás González Casares, pola maioría ponderada empregada “de xeito interesado” pola unión dos votos dos representantes de PP e Vox, “demostrando unha vez máis o uso interesado e pouco democrático da Comisión”.

Pola súa banda, o Comité Intercentros asegura nun comunicado que “non cesará na súa obriga de denunciar a manipulación constante á que a actual dirección da CRTVG somete a información nos medios públicos galegos, así coma o incumprimento da Lei de Medios e a vulneración do dereito á información”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.