Outra condena laboral á CRTVG destapa denuncias de represión: "É unha represalia, non teño dúbidas"

Redacción na sede da CRTVG en San Marcos © CRTVG

"É unha represalia, non teño dúbida ningunha". David Fernández foi redactor da TVG durante máis de 17 anos que pasou enlazando contratacións temporais e substitucións. A principios do pasado ano —como aconteceu con outros traballadores que acabaron demandando a Corporación— foi trasladado de maneira repentina e forzada do seu posto habitual de traballo. Nunha época "convulsa", como relata, secundou varias xornadas de folga e viuse obrigado a coller unha baixa tras sufrir un cadro de ansiedade derivada do clima laboral e da súa nova situación na empresa. "Tivéronme sen facer nada, cambiábanme as quendas, non me explicaban nada dos meus novos labores, nin como utilizar o material...", relata a Praza.gal. Daquela, a baixa laboral pola que gozaba dun contrato de substitución rematou e, malia as promesas de estabilidade e ser o primeiro redactor dispoñible nas listas de contratación temporal na súa categoría, a compañía non o volveu chamar. 

David Fernández presentou entón unha demanda por despedimento improcedente e declarou como testemuña nos xuízos que a CRTVG afrontou polos repentinos traslados doutros compañeiros, que o comité intercentros sempre cualificou de "forzosos" e de "represalia" contra o persoal mobilizado nos venres negros e contra a "manipulación" ou "contra quen planta cara á dirección". 

Alfonso Rueda e Alfonso Sánchez Izquierdo, na CRTVG CC-BY-SA Xunta

"É unha represalia, non teño dúbida", di o redactor da TVG, despedido tras declarar nos xuízos contra a CRTVG e logo de que a Xustiza lle recoñecese que era indefinido

O pasado novembro, e por segunda vez, a Xustiza declarou o redactor traballador indefinido por uso abusivo e fraudulento da contratación temporal. O xulgado deu a opción á empresa de indemnizalo ou readmitilo, sendo esta última opción a habitual na Corporación, máis aínda para un posto que é o que máis contratación temporal xera. "Optaron por indemnizalo, algo que nunca sucedera nesta categoría laboral", denuncia o comité intercentros, que considera o feito "unha grave represalia". 

"Non só porque non haxa procedentes deste proceder na CRTVG nesta categoría laboral, senón porque se dá a circunstancia de que David Fernández declarou como testemuña nos recentes xuízos por traslado forzoso de medio doutros compañeiros e compañeiras", explica a representación laboral. 

Fernández relata que a súa situación na TVG "mudou de vez desde que me trasladaron á Radio Galega", nunha vaga de cambios que afectou tamén a Alberto Ordóñez, Mónica Rosas, Nuria López e Mayte Cabezas, xornalistas que demandaron por "represalias" a Corporación, que afrontou xuízos por unha presunta vulneración de dereitos fundamentais e que xa fora condenada por represaliar un traballador crítico coa dirección, nun ditame pioneiro a favor de Carlos Jiménez. 

David Fernández denuncia que foi trasladado á radio tras 17 anos na TVG con contratos temporais e que a empresa deixou de chamalo malia ser o primeiro das listas de contratación

"A miña situación é a mesma que a deles, coa diferenza de que eu facía substitucións e enlazaba contratos temporais; así llo advertín á empresa cando me cambiaron de posto e medio de traballo", explica David Fernández, que advirte que desde que persoal da CRTVG se empezou a mobilizar nos venres negros "sempre se recibe algunha insinuación para que non saias nas fotos nin te signifiques". "Se estás nunha situación de precariedade e temporalidade, é máis fácil que te convenzan", explica. "Eu tiña certa continuidade laboral, a pesar de todo, pero un día fixen folga, logo collín a baixa e declarei como testemuña nos xuízos dos meus compañeiros; foi nese momento cando se cortou toda comunicación coa dirección", aclara. 

"A primeira represalia que exercen é a de querer levarte ao seu terreo; saben que os traballadores en precario téñenos de man e amarrados e comigo quixeron facer o mesmo", denuncia Fernández, que asegura que, malia as súas preguntas, a dirección non lle deu "explicación ningunha" de por que deixaban de contar con el. "Ata que un día, directamente, deixaron de contestarme aos whatsapps", relata. 

Non só non o volveron chamar, denuncia o comité, senón que os chamamentos da listaxe de contratación na súa categoría "bloquéanse, casualmente, cando chegan ao seu nome". "E agora que obtén unha sentenza favorable que o declara traballador indefinido, a CRTVG decide, contra o seu propio criterio habitual, non readmitilo", asegura a representación laboral, que considera esta "represalia pola participación como testemuña contra a empresa nos xuízos" é "clara, indignante e intolerable". 

Redacción baleira na sede da CRTVG pola folga do 6 de marzo de 2023 CC-BY-NC-SA CIG-CRTVG

O traballador ten xa dúas sentenzas ao seu favor que o consideran persoal indefinido tras anos de uso abusivo e fraudulento da contratación temporal

"Non teño dúbida de que é unha represalia", insiste David Fernández, que advirte que "hai dez meses que os chamamentos da lista de substitución sempre se paran no meu nome". "Está claro que non queren contar comigo; a dirección amáñase para ir repartindo esas substitucións entre persoal máis afín e vanos rotando", explica. Todo malia que a última das sentenzas é a segunda que o declara indefinido nos últimos anos. Hai  uns anos, tras ser despedido dunha das delegacións da CRTVG, a Xustiza ditaminou que o despedimento fora improcedente, declarouno nulo e concedeulle a situación de indefinido. 

"Malia todo, nada me serve para ter un contrato indefinido", engade Fernández, que agarda agora outro xuízo no que, presumiblemente, un xulgado volverá certificar a súa situación de persoal indefinido e volverá condenar a CRTVG a pagarlle unha indemnización, como fixo nos casos anteriores. "Sempre fun encadeando contratos pero agora levo un ano sen traballar e a situación familiar xa é complicada", asegura. 

O comité denuncia unha "nova represalia, clara, indignante e intolerable" contra o traballador "por declarar en xuízos contra a empresa"

Desde o comité, pola súa banda, explican que pediron "sen éxito" á dirección de Recursos Humanos que "resolvese esta acción reprochable e impropia dunha empresa pública que supón, ademais, unha dilapidación de cartos inxustificable ao tratarse dun traballador moi ben situado na listaxe de contratación que a Xustiza vén de declarar indefinido por uso abusivo e fraudulento da contratación temporal", di sobre a situación dun redactor que recorreu tamén a última das sentenzas na procura da nulidade do despedimento. 

A CRTVG, cuestionada por este diario, di "non ter constancia de ningunha denuncia polos feitos" e asegura que a Corporación "aplica a normativa en vigor". 

O caso de David Fernández é outro máis no lote de conflitos e polémicas que arrodean a CRTVG, as últimas tras as denuncias de persoal, comité e oposición pola cobertura da precampaña electoral do 18F ou da crise dos pellets. Antes do Nadal, ademais, a representación dos traballadores e traballadores dos medios públicos apelara ao seu Consello de Administración para deter a "manipulación" e control político a favor do PP e logo de que tamén pedise auxilio á Xunta e ao Parlamento para pór fin ao que consideran un "delirio partidista" que tornou a TVG e a Radio Galega nos últimos anos no "máis eficaz órgano de propaganda do Partido Popular". 

Mobilización de persoal da CRTVG no Toural (Compostela) durante unha xornada de folga CC-BY-SA CUT CRTVG

No plano laboral, o pasado mes de setembro a Inspección de Traballo sancionou a CRTVG por contratar "en fraude de lei" un traballador que substituíu outro que se atopaba de vacacións, nun contexto no que o comité denuncia que "a fraude na contratación xerou nos últimos anos máis de 400 condenas por cesión ilegal ou uso abusivo e fraudulento da contratación temporal" e urxe a dirección a "non repetir unha práctica ilegal, como a contratación artística para efectuar funcións de convenio, que consideraba superada".

Ademais, a CRTVG está á espera das diferentes sentenzas logo de terse celebrado nos últimos meses varios xuízos derivados das demandas de diferentes traballadores por posibles represalias e vulneración de dereitos fundamentais. No caso de ser condenatorias, volverían sinalar a Corporación por represaliar un traballador crítico, como xa ocorreu no ditame pioneiro a favor do xornalista Carlos Jiménez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.