Xunqueira, Lagoa, Brañas: cando a toponimia sinala onde será o asolagamento

Contorna da Xunqueira, en Viveiro, afectada polas inundacións Dominio Público Delegación do Goberno de España en Galicia

No inicio da primavera de 2016 a vila de Sada sufriu graves asolagamentos. Algunhas das zonas máis afectadas foran as rúas da lagoa e do río, tamén a contorna das Brañas. En moitos deses lugares, cuxa toponimia remite á existencia de zonas húmidas ou inundadas, están na actualidade ocupadas por edificios ou, simplemente, por rúas por baixo das cales transcorren ríos canalizados.

Como en Sada hai dous anos, os topónimos da zona afectada polas inundacións de Viveiro tamén falan de auga

Apenas dous anos despois, a pasada fin de semana, o escenario da catástrofe trasladouse a Viveiro, onde a inundación matou a Amparo, unha veciña de 82 anos . Repentinas precipitacións de ata 80 litros por metro cadrado en apenas dúas horas -na contorna das nove e as once da noite do pasado domingo-, un fenómeno relativamente excepcional segundo advertiu Meteogalicia, provocaron o crecemento practicamente instantáneo de ríos e regatos, que rebordaron e levaron por diante mobiliario urbano, vehículos e construcións diversas, ademais de arrasar as instalacións de numerosos baixos comerciais e vivendas.

A alcaldesa de Viveiro e a subdelegada do Goberno central en Lugo, nunha das áreas afectadas pola enchente, na que un regato transcorre á beira das casas © Delegación do Goberno

A 'zona cero' da enchente é o barrio da Xunqueira, a rúa do mesmo nome e áreas próximas como Fontecova ou o Camiño das Aceas

Como en Sada hai dous anos, a toponimia da zona afectada en Viveiro tamén fala de auga. A 'zona cero' da enchente é o barrio da Xunqueira -"terreo moi húmido onde abundan os xuncos", segundo o dicionario da RAG- e nel, a rúa do mesmo nome e outras próximas, como a da Fontecova. Non moi lonxe está o camiño das Aceas -"muíño situado nunha ría, que aproveita para o seu funcionamento a auga acumulada durante a preamar"-. Tamén se viu afectada a zona da Ribeira, onde este martes seguían os traballos de retirada da lama e arranxo dos numerosos estragos.

Alén da rapidez e intensidade das precipitacións, na 'zona cero' dos asolagamentos de Viveiro e na súa área de influencia dáse outra circunstancia. Durante décadas, a man humana foi alargando as construcións da zona, dende edificios privados a viais públicos, en áreas susceptibles de ficaren inundadas en caso de chuvias moi intensas. Mesmo con canalizacións de regatos que desembocan no río Landro e na ría. Así é posible aprecialo ao comparar imaxes aéreas da zona tomadas hai apenas uns meses -no marco do Plan de Ortofotografía do Instituto Xeográfico Nacional- coas captadas entre 1956 e 1957 polo servizo cartográfico do exército dos Estados Unidos. A comparación de ambas imaxes amosa, ao tempo, o crecemento das explotacións forestais de eucalipto no monte máis próximo ás vivendas.

Viveiro a finais da década dos 50 do século pasado e na actualidade. En destaque, a zona máis atinxida polas inundacións. Imaxes dispoñibles no servizo de mapas da Xunta

A actividade madeireira forma parte, precisamente, das protestas veciñanza da zona -segundo recolle La Voz de Galicia na súa edición deste 20 de novembro- ao analizar o acontecido. Restos dos traballos forestais ligados ao eucalipto, explican, son guindados aos regatos da zona e dan en acumularse nos cauces, favorecendo que reborden en caso de chuvias torrenciais. A veciñanza tamén se laia da falta de "limpeza" nos leitos dos ríos, se ben Augas de Galicia apuntaba este luns que as inspeccións máis recentes na zona apuntaban a unha situación correcta do río Fontecova.

Operarios a traballar na zona afectada, nunha pequena ponte sobre un dos regatos © GE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.