A folga na CRTVG mantén un masivo seguimento malia os intentos da dirección por desconvocala

Concentración de persoal da CRTVG en San Marcos no segundo día de paros © CUT CRTVG

Novo apoio masivo á segunda xornada de paros na CRTVG co gallo da folga convocada contra o "desmantelamento" e a "manipulación" nos medios públicos galegos. A programación da TVG volveu ser afectada durante a convocatoria da mañá --de 12.30 a 14.30--, o que obrigou a canle a suspender a emisión d'A Revista e botar no seu lugar unha redifusión do espazo gastronómico O caderno de Isabel, ademais de tirar dalgunha peza xa gravada no informativo Galicia Noticias

Mentres na pantalla a Corporación advertía de que estaba a emitir "programación diferente á habitual por mor da convocatoria de paros", fóra unha nova concentración, "con máis xente e caras novas e diferentes ás do pasado martes", volveu reclamar "unha radiotelevisión pública ao servizo de Galicia" e a dimisión do director xeral. 

O seguimento da folga mantense nun 80% e as concentracións na sede contaron "con máis xente e caras novas"

Foi nunha xornada que contou cun seguimento como mínimo igual, do 80%, ao de hai dous días nuns paros que continuarán nesta e nas vindeiras semanas tras fracasar o intento da dirección de que o comité desconvocase a folga na xuntanza celebrada esta mañá. Nela, a CRTVG solicitou a desconvocatoria dos paros a cambio de abrir unha negociación en diferentes mesas sectoriais para analizar unhas demandas da que se excluía calquera compromiso en canto á fin da produción propia e das externalizacións, segundo indica o comité. 

"Xa estivemos en mesas e xa hai mecanismos para negociar o que demandamos", explican desde o comité de folga, que considera que é con este con quen a empresa pode xa debater as reclamacións que levaron a maioría do persoal a secundar uns paros que volverán o sábado, un día despois doutro venres negro. "Se queren concreción, xa concretaremos nós as peticións", reivindican. 

Malia ser preguntada hai xa varios días por este diario, a dirección da CRTVG non fixo aínda valoración ningunha do paro nin quixo dar cifras sobre o seguimento da folga. 

Concentración de persoal da CRTVG en San Marcos durante o segundo día de paros parciais na folga dos medios públicos / © CRTVG

O persoal da CRTVG volveu apoiar masivamente os paros un día antes dunha nova mobilización contra a manipulación informativa, que sumará neste venres 27 semanas. O colectivo Defende a Galega, impulsor destas protestas, xa aclarou que apoia a folga como "calquera outra reivindicación que afecte a calidade do servizo público" na CRTVG, "pero entende que son os sindicatos os que deben levar a voz das mobilizacións que convocan".

Na actualidade, son unhas 950 persoas, entre fixas e eventuais, as que están convocadas a esta folga que continuará. Os seguintes paros parciais de dúas horas en cada unha das quendas serán os días 24, 26, 28 e 30 deste mes e o 2 de decembro. Ademais, hai convocado un paro xeral de 24 horas para o 19 de Nadal. No medio, máis venres negros e máis mobilización. 

O persoal reclama recuperar a produción propia e as conexións en directo, redefinir a dimensión do persoal ou a fin da manipulación

O comité reivindica con estes paros a necesidade de "recuperar a produción propia interna" con programas informativos e de debate e entretemento producidos internamente, así como o "regreso" dun formato contedor semellante ao Xabarín para o público infantil ou a "recuperación das conexións en directo nos servizos informativos. Negociacións para unha mellor "dimensión" do cadro de persoal ou a fin da "utilización fraudulenta da contratación en prácticas" son outras das demandas laborais nunha folga na que a "erradicación da manipulación informativa" e o cumprimento íntegro da lei de medios do ano 2011 é tamén reivindicación de cabeceira.

Ás esixencias do persoal incorporáronse dous aspectos relacionados coas mobilizacións contra a manipulación. O comité pide a "fin da política represiva" mediante o "arquivo" do expediente disciplinario aberto ao locutor Carlos Jiménez e a "reparación pública do dano causado" á xornalista Tati Moyano co expediente que a atinxiu, arquivado o pasado outubro. Solicitan, asemade, a "apertura dunha mesa paritaria" para "aclarar e interpretar as normativas" nas que a área de Recursos Humanos baseou ambos expedientes.

O comité pide a "fin da política represiva" mediante o "arquivo" do expediente disciplinario aberto ao locutor Carlos Jiménez

A empresa, pola súa banda, nega a existencia de tal "política represiva". Ademais, xa aclarara que "non está de acordo na diagnose de manipulación informativa", segundo relata o comité e "nega a súa existencia". Ademais, a dirección agrega que non ten competencias para a creación duns dos órganos contemplados na propia lei, o Consello de Informativos, porque depende do Consello de Administración, órgano de seis membros con maioría de representantes designados polo PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.