O galego, "varrido" do 95% do ensino infantil nas cidades

O conselleiro de Educación, nun colexio © Xunta

No verán de 2010 a Consellería de Educación facía públicos, a través do daquela secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, os resultados da súa controvertida enquisa sobre a lingua no ensino, un inquérito que encheu de receos a boa parte da comunidade educativa e para o que a Xunta precisou os servizos dunha empresa privada, aínda que inicialmente negara tal extremo. Aquel estudo demoscópico sinalaba, entre outras cuestións, que o 53% das familias con fillos e fillas en educación infantil que responderan ás preguntas preferían que, nese nivel educativo, o ensino fose bilingüe, en galego e castelán. No inicio do seguinte curso escolar, o 2010-2011, Educación volveu preguntar pola lingua en infantil e, por provincias, na Coruña o galego foi o preferido polo 41%, en Lugo polo 42%, en Ourense polo 41% e en Pontevedra, polo 25%. Dous anos despois, estas cifras están moi lonxe de cumprírense na realidade.

Este incumprimento é, cando menos, o que detecta A Mesa pola Normalización Lingüística, que vén de realizar o seu terceiro estudo a respecto da presenza da lingua galega nas aulas de ensino infantil das sete cidades galegas. A asociación en defensa da lingua preguntou en 282 centros educativos -públicos, privados e concertados- polo idioma empregado neste nivel educativo e o resultado, resume o seu presidente, Carlos Callón, é dun verdadeiro "varrido" da lingua propia de Galicia. Non en van, e malia ás preferencias das familias do alumnado, o galego está ausente por completo no 95,04% dos centros.

Segundo "declaran" os centros consultados, a suma daqueles que empregan total ou parcialmente o galego no ensino de nenos e nenas de 3 a 6 anos non supón máis que un 4,96% do total, isto é, 14 colexios en todo o país. Nestes inclúense os 9 que din impartir todas as aulas de infantil en galego -o 3,19%- e os tres que "indican que teñen dúas liñas", unha para o galego e outra para o castelán. Estas cifras, explica Callón, supoñen que a actual situación non é "de bilingüismo, de trilingüismo nin de farrapos de gaita", senón dunha "exclusión" da lingua propia que, asegura, non ten parangón en ningunha outra autonomía con máis dun idioma.

Só nove centros das cidades declaran impartir as aulas de infantil totalmente en galego

Boa mostra da situación son tamén os números absolutos do estudo d'A Mesa. A cidade con máis centros de ensino que imparten a educación infantil en galego é Lugo, con tres colexios. Séguena Ourense, A Coruña e Santiago, con dous, e pechan a lista Ferrol, Pontevedra e Vigo, cun só colexio cada unha con aulas de infantil en galego. A sondaxe serviulle tamén á asociación para obter elocuentes datos, como o dun centro de Vigo "no que o español gañou por un só voto, pero todo o ensino infantil se imparte en castelán", ou "un de Santiago, no que din sen rubor que as familias contestaron" que desexaban "ensino eng alego, pero eles saben que a lingnua dos nenos é o español" e dan as clases neste idioma.

Desplome en dous anos

A elocuencia das cifras é aínda maior botando man dos dous anteriores estudos elaborados pol'A Mesa. No curso 2008-2009, aínda co decreto 124/2007 en vigor -establecía un "mínimo" do 50% das clases en galego- a presenza do galego no ensino infantil urbano era do 35%. No seguinte curso,  2010-2011, esa porcentaxe ficaba xa no 10%. En todos os casos, sinala Callón, isto equivale a estar "por baixo da lexislación vixente", pasando por riba de normas como a Lei de Normalización Lingüística, pero tamén obviando o propio decreto do plurilingüismo. "O decretazo di que ten que haber atención" ao alumnado que empregue o galego en aulas impartidas en castelán, así como un labor de "introdución" da lingua galega nas contornas castelán-falantes. "Pero isto non se produce", subliña.

Así as cousas, dende A Mesa pola Normalización Lingüística conclúen que "cando Feijóo fala de trilingüismo" está a empregar "o seu habitual cinismo" e "chulería par mentir", xa que "os incumprimentos son gravísimo. Alén do ensino infantil, subliña Callón, nos casos "máis positivos" o galego non chega máis alá "do 20%" do horario lectivo impartido no país.

 

 

 

O conselleiro de Educación, nun colexio © Xunta
Carlos Callón, presidente d'A Mesa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.