O Consello de Europa censura a política lingüística da Xunta

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Outro duro informe europeo contra a política lingüística da Xunta. O Comité de Ministros do Consello de Europa vén de aprobar as recomendacións a España con motivo do terceiro ciclo de seguimento do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, nos que analiza a situación dos idiomas cooficiais no Estado. Non deixa en moi bo lugar ao Goberno de Feijóo que, tal e como se prevía, atoparase de novo con fortes críticas ao seu tratamento á lingua propia no comezo do seu mandato.

Así, mentres o documento cualifica de "exemplar" a protección e promoción do catalán e do éuscaro por parte das administracións, no caso do galego, o comité expresa a súa preocupación "pola redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio"

O Consello de Europa critica a situación na que o Decreto do Plurilingüismo deixa a lingua propia no ensino

O informe, como era de esperar, é duro coa política lingüística da Xunta de Galicia ao destacar a escasa protección do galego en numerosos ámbitos e ao criticar a situación na que o criticado decreto do plurilingüismo deixa a lingua propia do país no ensino.

Así, o informe do Comité de Ministros do Consello de Europa “convida as autoridades a que tome medidas de modo que a introdución forzosa do modelo trilingüe na educación non afecte a educación na lingua propia”, xa que asegura que despois de consultar con expertos e avaliar a súa aplicación en Galicia, comprobouse que “o ensino ao 50% en galego non se cumpre na práctica”.

O informe insta a Xunta a que o modelo trilingüe non afecte o galego e pide "un número suficiente de escolas que ofreza educación completamente ou esencialmente en lingua galega"

Así, o Comité de Expertos di estar “preocupado” pola redución “da educación en galego” nas escolas, así como “o apoio” que recibe a lingua propia. Ademais, lembra ás autoridades que malia que a lexislación vixente non implica unha educación plena en galego, si é necesario “que haxa un número suficiente de escolas que ofreza educación completamente ou esencialmente en galego”, xa que ese é un dereio “dos pais que así o desexen” e porque se ten que “garantir” que se cumpran as escollas das familias, algo que non ocorre en ningún caso, especialmente en Educación Infantil, onde malia que, por exemplo, o 40% das familias urbanas escolleu a lingua galega como a principal para o ensino dos seus fillos, nin tan sequera un 10% das escolas ofrecen esa opción. De feito, o Consello de Europa “insta” as autoridades para que “fagan posible” esa educación en galego en Primaria e Secuncaria.

Os expertos quéixanse da falta de información sobre a situación do ensino por parte da Xunta

Pero o Comité de Expertos tamén centra as súas críticas na falta de información por parte da Xunta de Galicia para comprobar se en realidade se cumpre coa normativa e se asegura a ensinanza en galego das materias que veñen determinadas no currículo escolar. Igualmente, quéixase de que tampouco recibiu a información suficiente para determinar se os docentes teñen o coñecemento axeitado do galego para impartir as materias nese idioma nos diversos centros escolares.  “As autoridades unha vez máis non responderon ás peticións dunha información específica feitas polo Comité de Expertos nos seus informes anteriores”, lembra o Consello de Europa, que tamén considera cumpridas algunhas das esixencias solicitadas hai catro anos, pero que se centra sobre todo nas eivas que sofre o galego na educación.

En termos globais, o Consello de Europa felicita a España "polo seu elevado grao de compromiso e os seus continuados esforzos" na protección e promoción das súas linguas cooficiais, malia considerar que en ámbitos como o sanitario e o xudicial aínda se detectan eivas.

A consideración de cada unha das linguas, no entanto, é diferente. Así, mentres os expertos aseguran que o catalán se beneficia dun "excelente apoio" por parte das autoridades locais, polo que se cumpren a maioría dos compromisos da Carta "de maneira exemplar", e que o caso do éuscaro tamén é "exemplar", no caso do galego é diferente.

Así, o comité expresa a súa preocupación "pola redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio" e alerta que non hai radios nin televisións privadas que emitan en galego, tras destacar o peche de diarios impresos no idioma propio. A mesma crítica se verte contra a situación do catalán-valenciano.

 

HABERÁ AMPLIACIÓN

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.