O que fora delegado do Goberno en Galicia durante a catástrofe do Prestige, e actual director xeral da Garda Civil, Arsenio Fernández de Mesa, asegurou que "non se estaba enganando a ninguén" ao transmitir a información sobre xestión do sinistro do Prestige. Así o manifestou durante a súa declaración no macroxuízo que se celebra na Coruña. "A mentira tiña un percorrido moi curto e en 24 horas podíase saber todo, así que non tiña sentido ningún enganar nin mentir a ninguén", dixo a preguntas de varios avogados. Para un dos maiores protagonistas daquelas datas, "a xestión levada a cabo polas autoridades marítimas españolas foi impecable".
"Ninguén do Goberno tiña a intención de enganar a sociedade galega", aclarou
"Ningunha persoa do Goberno tiña a intención de enganar a sociedade galega porque en 24 horas podíase saber a verdade", insistiu Fernández de Mesa, que chegou a acusar a prensa do caos informativo e das acusacións de mentiras e manipulacións que se verteron sobre a Administración naqueles días. "Non se reflectía nin se transcribía exactamente o que eu dicía" xustificouse o ex delegado do Goberno, que aclarou que "a touro pasado todo é moi fácil" e que insistiu que el só se dedicaba a transmitir a información que lle trasladaban as autoridades marítimas. "Só obedecía", dixo.
De Mesa eludiu responsabilidades e insistiu en que non tiña "capacidade" para tomar decisións e que non deu "instrución ningunha"
Ademais, De Mesa insistiu unha e outra vez en que el non tiña "capacidade" ningunha para tomar decisións durante a xestión da catástrofe, malia que presidía o órgano reitor constituído tras o sinistro e a pesar de que chegou a estar imputado. "Nin autoritas nin potestas" dixo. Segundo o ex delegado do Goberno, as decisións correspondían "á autoridade marítima", en alusión ao que era director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, que "non tomaba as decisións só, senón cos seus asesores".
Por outra banda, e en resposta ás declaracións da empresa de rescate Smit Salvage, que o acusou de ser quen "máis insistía" en afastar o buque, De Mesa volveu aclarar que non deu "instrución ningunha a ninguén" e eludiu calquera tipo de responsabilidade. Ademais, asegurou que el di "a verdade", pero dubidou "que outros poidan dicir o mesmo", en referencia a outras declaracións durante o xuízo. "Nós defendiamos os intereses de España, os intereses dos demais, que cadaquén diga...", chegou a manifestar.
O actual director xeral da Garda Civil asegurou tamén en varias ocasións que os técnicos encargados da xestión da catástrofe "valoraron todas as posibilidades" para diminuír a catástrofe, pero si aclarou que "nin legalmente nin polo calado" era posible meter o barco no porto de Ferrol nin no da Coruña. Ademais, tamén aclarou que "nin en España nin en Europa existía un porto refuxio" ao que se puidese levar o buque, polas "condicións do mar, do barco e do seu goberno".
"Se o barco se metese nalgún porto, aquí estariamos os mesmos e igual algún na cadea; estaríannos recriminando non telo afastado", asegurou tamén.