"Cantas veces temos que dicirlle non a Hidralia?"

Protesta ante a sede de Hidralia na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

O pasado 7 de abril o líder indíxena Daniel Pedro Mateo foi secuestrado e posteriormente asasinado por opoñerse á construción da hidroeléctrica que a transnacional Hidralia Energía, con sede na Coruña, promove en en Santa Cruz de Barillas, en Guatemala. O caso recorda moito ao sucedido hai case un ano, o 1 de maio, cando outro líder indíxena oposto ao proxecto, Andrés Francisco Miguel, tamén foi asasinado. Non se puido probar este vencello directo entre a súa morte e a súa oposición ao proxecto, aínda que as autoridades se apresuraron a desementir toda relación e culparon a un enfrontamento entre veciños e mesmo a un asunto relacionado con drogas. 

Sexa como for, nos días seguintes o autoritario goberno de Guatemala presidido por Otto Pérez, decretou o estado de sitio na rexión e 600 soldados tomaron a vila, botando abaixo as portas das casas, esnaquizando as colleitas, detendo 21 persoas e traendo á memoria os tempos do xenocidio indíxena no país. Semanas despois foron detidos como sospeitosos do asasinato dous españois, gardas de seguridade das obras da central eléctrica.

O proxecto de Hidralia derivou nun ambiente de violencia e represión contra os opositores á hidroeléctrica

Estas dúas mortes enmárcanse nun ambiente de violencia xerado ao redor deste polémico proxecto. Hidralia Energía instálase en Guatemala en 2008 e comeza a traballar nunha serie de proxectos de produción de enerxía hidroeléctrica en centroamérica coa conivencia dalgúns gobernos da rexión, comezando polo guatemalteco. Entre eles está o de Santa Cruz Barillas, unha pequena central de apenas 5.000 kW, xestionado pola empresa Hidro Santa Cruz e que dende o inicio contou coa oposición das comunidades indíxenas da zona. Non só porque se trate dun macroproxecto que podería borrar do mapa literalmente as súas comunidades, senón porque estas persoas se opoñen ao modelo enerxético proposto: explotación para a exportación e porque din que a empresa se negou a negociar con eles en todo momento. Ademais, argumentan quen en 2007 os habitantes da rexión votaron masivamente en referendo contra a instalación na zona de explotacións mineiras, petrolíferas ou eléctricas.

"Na consulta, a cidadanía dixo claramente que non quería o proxecto, pero aínda así comezáronse os traballos; logo chegaron as mortes e os feridos, como dous homes que se negaron a venderlle as terras á compañía", denunciaron este martes Natalia Atz Sunuc e Paula Irene del Cid Vargas, representantes da coordinadora que agrupa os 38 colectivos que rexeitan a instalación hidroeléctrica e que se trasladaron á Coruña para denunciar a situación e protestar diante mesmo da sede de Hidralia na Coruña, apoiados por varios activistas sociais e con pancartas nas que se podía ler: "A mesma situación, a mesma resistencia: Galiza-Guatemala" ou "Hidralia: Cantas mulleres precisa violar para producir luz?".

Natalia Atz e Paula Irene del Cid denuncian asasinatos, violacións, represión e meses de cadea para os activistas contrarios ao proxecto

Ademais os colectivos de mulleres da rexión denuncian igualmente a responsabilidade da empresa coruñesa dos abusos e violencia que -alertan- están sufrindo as mulleres das comunidades indixenas desta rexión de Guatemala. Estes colectivos afírman que "a presenza de uniformes no seu territorio convértese nunha ameaza constante de violación sexual".

Así, lembran a represión e os nove meses de cadea que sufriron once cidadáns "acusados de sedición ou terrorismo" por feitos que "terían ocorrido de maneira simultánea". "É unha incoherencia", lembran, tras advertir de que "non foron escoitados polos xuíces" para acabar sendo xulgados na capital, a 500 quilómetros, pero sen darlle opción a escoitar os cargos na súa lingua nai, que non é o castelán.

"As persoas que se negan a vender as terras son as acusadas, van á cadea, perden os seus empregos e corren o risco de que lles sexan embargados os seus terreos polas débedas que acumulan", explican Natalia e Paula Irene, que insisten en alertar da situación que sofren as mulleres da súa comunidade. "Son perseguidas e ameazadas e moitas delas quedan sen marido nin fillos", engaden. 

"Acúsannos de estar contra o desenvolvemento, pero o que estamos é contra este tipo de desenvolvemento"

Ademais, reiteran a oposición xeral da cidadanía ao proxecto de Hidralia -"non somos dous ou tres, somos moreas de persoas en contra", lembran-, que "xeraría moi poucos empregos a cambio de provocar unha enorme división no tecido social", á marxe da destrución do territorio e da súa forma de vida. "Acúsannos de situarnos en contra do desenvolvemento, pero o que non queremos é este tipo de desenvolvemento", aseguran. "Cantas veces temos que dicir que non?", pregúntanse, resumindo un conflito que equiparan na orixe ao que acontece en Galicia con proxectos mineiros como o de Corcoesto.

O proxecto está paralizado á falta dunha última licenza municipal e é precisamente o Concello quen sofre as presións de cidadanía e empresa. "Mentres a xente lle pide que a rexeite, a empresa presiona a través dos seus avogados para que lle dea o visto e prace"

Este martes a partir das 19:30 Natalia Atz Sunuc e Paula Irene del Cid Vargas participarán nun coloquio na Casa Museo Casares Quiroga con afectadas pola mina de ouro que Edgewater quere explotar en Corcoesto: Unha mesma situación, unha mesma resistencia. Guatemala e Galiza. O xoves manterán encontros cos grupos parlamentarios de AGE e BNG e ofrecerán unha palestra en Compostela sobre "Estado de sitio e violencia patriarcal en Barillas". O venres, en Vigo, manterán un encontro cos movementos sociais da cidade, organizado por Amigas da Terra e a Marcha Mundial das Mulleres.

 

'A trama enerxética'

No caso de Hidralia, ademais, cómpre poñer sobre a mesa, como xa o fixeron algúns medios latinoamericanos, coma a Agencia Latinoamericana de Información, o seu documentado pasado de conflitos e ilegalidades. Foi fundada en 2006 polo empresario Luis Castro Valdivia, agora tamén representante legal de Hidro Santa Cruz; o seu irmán David é CEO de Hidralia e propietario e accionista maioritario de Hidro Santa Cruz. Porén, xa dende os anos oitenta  Luis Castro Valdivia creou unha multitude de sociedades interpostas que foron recibindo distintas concesións para a construción de minicentrais e centrais eólicas.

Nesta trama enerxética, revelada polos medios de comunicación e denunciada polo TSXG, tamén foron acusados Francisco Vázquez, Antonio Fontenla e o ex director xeral de Industria da Xunta, Ramón Ordás Badía, cuñado de Luis Castro Valdivia. As acusacións por tráfico de influencias, prevaricación e fraude foron desestimadas polo Xulgado de Instrución número 1 da Coruña en 2010, pero unha sentenza do TSXG de 23 de xuño de 2011 confirma as malas prácticas do proxectos. Foi no momento en que era máis forte a presión contra os Castro Valdivia por parte de medios de comunicación coma La Opinión, organizacións ecoloxistas coma ADEGA ou partidos coma o BNG, que decidiron iniciar a súa aventura americana, que polo que se ve tampouco está ausente de conflitos e polémicas.

Persoas das comunidades indíxenas despois do ataque do exército © Plaza Pública
Protesta contra Hidralia na Coruña CC-BY 15M Montealto
Natalia Atz Sunuc e Paula Irene del Cid Vargas, na Coruña CC-BY 15M Montealto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.