O PP rexeita abolir as touradas porque "non hai risco de que proliferen" en Galicia

Pontón amosa unha imaxe dunha tourada, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

O PP vota en contra da abolición das touradas e impide que Galicia inicie o camiño para vetar ese espectáculo taurino no país. Malia anunciar antes da votación a liberdade de voto para os seus deputados, o grupo popular votou unanimamente contra a proposición de lei presentada polo BNG para prohibir as corridas de touros mediante a eliminación da excepción normativa que este espectáculo recibe na Lei de Protección dos Animais e que foi apoiada tamén por AGE e PSdeG. Todo, a pesar de que máis dun parlamentario conservador manifestara noutras ocasións o seu rexeitamento a eses festexos.

Os argumentos do PP, no entanto, pouco tiveron que ver coa defensa estrita das touradas ou co seu apego a este espectáculo. Así, José Santiago Freire, deputado conservador encargado de defender a postura do seu grupo, considerou "innecesaria" a modificación lexislativa defendida polo BNG precisamente polo escaso apoio que aos touros hai en Galicia e ao "non existir risco de proliferación masiva" destes festexos no país.

O PP recoñece a escasa tradición dos touros en Galicia, pero ve "innecesaria" a modificación da Lei de Protección dos Animais

Ademais, o deputado do PP considerou que a iniciativa do BNG xurdiu tamén "porque a algúns lles molestan as touradas ao ser consideradas unha festa española", así como polas "ansias rupturistas cun festexo nacional". "Ou é que inflúe o acordo tomado en Cataluña contra as touradas?", preguntou. Do mesmo xeito, José Santiago Freire defendeu a postura do seu grupo atacando "as contradicións e falta de coordinación" do PSOE e aludindo á abstención pola que os socialistas optaron nun debate semellante no pleno da Deputación de Lugo ou ao apoio que o mesmo partido deu ás touradas na Coruña. "Tampouco sería a mesma opinión se preguntásemos ao PSOE de Navarra polos encerros de San Fermín ou aos socialistas andaluces", insistiu.

O grupo popular baseou a súa defensa das touradas no perigo que soporían "para o touro de lidia e as 'dehesas"

Por outra banda, Freire advertiu de que a abolición das touradas "suporía a extinción da raza do touro de lidia" e chegou a facer alusión ao problema que xeraría nas "dehesas" -un argumento que foi recollido entre o abraio e a sorpresa polo resto dos grupos- ou á falta de "aptitudes leiteiras" (sic) no touro, o que xustificaría o seu mantemento como animal destinado unicamente aos festexos taurinos. "Esta iniciativa non inclúe a abolición da Festa do Boi en Allariz", engadiu.

Así, o PP en bloque votou en contra malia anunciar liberdade de voto e a pesar da coñecida posición antitaurina dalgún dos seus deputados. Tamén votou unanimamente, pero a favor, o PSdeG, que anunciou tamén liberdade para os seus deputados no caso de que a proposta fose admitida a trámite e co obxectivo "de mellorar o texto" e lograr "unha aprobación definitiva". Pero non haberá tal.

"O interese do PP é seguir financiando un sector que cae en picado e que só se mantén polos subsidios públicos", dixo Ana Pontón (BNG)

De nada serviron os crueis relatos baseados en textos científicos e de expertos que do sufrimento dos touros durante os festexos fixeron as deputadas do BNG, Ana Pontón, e de AGE, Eva Solla. A parlamentaria nacionalista criticou os "pobres" argumentos do PP. lembrou a "barbaridade e crueldade" que supoñen as touradas e recordou "os 700 millóns que en subvencións" reciben do Estado. "O interese do PP é seguir financiando un sector que cae en picado e que só se mantén polos subsidios públicos que recibe", engadiu, tras advertir tamén dos 90.000 euros cos que o Concello da Coruña segue sufragando os festexos ou as axudas que dá a Deputación de Pontevedra. Fïxoo logo de amosar unha fotografía na que se vía a Feijóo, Louzán e Rueda gozando na praza de touros da cidade do Lérez ou outra dun animal agonizando.

"Unha sociedade avanzada é a que non permite ningún tipo de tortura, nin a persoas nin a animais", argumentou AGE

"A promoción das touradas leva subvencións públicas que ben poderían ser empregadas noutros ámbitos da sociedade", apuntou tamén Eva Solla, que cre que "o respecto ao animal é propio de sociedades avanzadas social e culturalmente". "Unha sociedade avanzada é a que non permite ningún tipo de tortura, nin a persoas nin a animais", engadiu. "Non se entende que se prohíban espectáculos que provocan dano e sufrimento aos animais e se exceptúen os touros, que sofren e senten igual que o resto de animais recollidos na lei", insistiu a parlamentaria de AGE, que lembrou, como o Bloque, que a maioría da sociedade galega "nin comprende nin gusta" dos festexos taurinos.

Pola súa banda, Patricia Vilán, voceira de Medio Ambiente do PSdeG, defendeu tamén a abolición das touradas en Galicia pola súa crueldade e "por non ser patrimonio histórico-cultural" no país. "A lei ten máis de vinte anos e todos temos evolucionado: uns máis e outros menos. As evolucións son boas porque o obxectivo era e é a protección dos animais", concluíu.

 

Pontón amosa unha imaxe dunha tourada, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública
Votación da proposta sobre as touradas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.