O gran filme sobre a mina de Corcoesto

Imaxe do trailer do documental © C. P.

O gran documental sobre a pretendida mina de Corcoesto e todo o conflito que a arrodea. Iso pretende ser Tesouro de Corcoesto, a fita que a directora galega Cora Peña, xunto cun reducido equipo multidisciplinar, está a gravar desde hai meses sobre o proxecto a ceo aberto que a multinacional canadense pretende abrir na comarca de Bergantiños e á que só lle faltan as garantías económicas que a Xunta lle exixe para que se faga realidade. Todo malia a masiva posición contraria da sociedade, a oposición política e o rexeitamento de expertos que alertan das graves consecuencias sociais, económicas ou medioambientais que tería na zona.

"Queremos axudar a que a cidadanía galega estea mais informada e teña máis datos que a permitan situarse neste conflito", di Cora Peña

"Co documental queremos axudar a que a cidadanía galega estea mais informada e teña máis datos que a permitan situarse neste conflito", explica a Praza Cora Peña, a directora, que se atopa en plena rodaxe e embarcada nun complexo proceso de recollida de documentación que a leva tamén a América Latina ou Madrid. O resultado pretende unha cinta que con detalle e profundidade esclareza a realidade do proxecto que se pretende en Corcoesto e que sería a "punta de lanza" da nova política mineira da Xunta.

Para logralo, Cora Peña e o seu equipo buscan finaciamento a través dunha campaña de micromecenado por internet (crowdfunding) desde a plataforma Goteo co que pretenden apoio económico e social que lles dea a independencia necesaria para tratar o tema "sen inxerencias". "Esta forma de financiamento ten varias vantaxes, sobre todo que nos permite independencia á hora de traballar tendo en conta que tratamos un tema moi controvertido e moi condicionado polos aparatos e grupos de poder. Se empregásemos as vías comúns de financiamento, a través dun gran grupo de comunicación, estariamos afectados e teriamos que exercer unha autocensura que así non temos", explica a directora, que é "optimista" en canto á posibilidade de acadar os cartos mínimos para seguir co proxecto. "Quedan poucos días, pero tamén pouco por conseguir", lembra.

Peña ten experiencia en proxectos sobre neoextractivismo e sobre a afectación medioambiental destes grandes proxectos mineiros. O seu anterior filme, Apash, los de fuera, trata un tema semellante, pero desde a órbita da socidade xíbara da Amazonía peruana. E, aínda que poida parecelo, as diferenzas son cada vez menores entre aquelas desfeitas no terceiro mundo e o que se pretende aquí.

"Ata hai ben pouco, esta megaminería estaba reservada ao terceiro mundo, pero isto xa non é así"

"Ata hai ben pouco, a megaminería con este grao de afectación sobre o territorio estaba reservada ao terceiro mundo: América Latina, África ou partes de Asia. Aquí entendíase que había un mecanismo de control medioambiental, social e político que non o permitía, pero isto xa se está a tumbar", asegura Cora Peña, que recorda que as multinacionais extractivas, "aínda co risco de se enfrontar a unha sociedade máis preparada para se defender, acaban entrando porque os gobernos europeos tamén llelo permiten". "O mercado ábrese a estas explotacións", di.

Ademais, repara (e fai reparar) nunha curiosa coincidencia: "os proxectos deste tipo máis polémicos e comprometidos están nos países máis afectados pola crise. En Grecia hai unha gran polémica por outro proxecto megamineiro aurífero". "Estas empresas válense da crise, da necesidade urxente de traballo... É unha ollada moi curtopracista que funciona moi ben cando hai xente desesperada porque non hai medios para vivir", denuncia unha directora que recoñece ter especial "sensibilidade" en temas como o de Corcoesto, sobre todo tras o seu anterior traballo.

A directora repara na coincidencia de que este tipo de proxectos "sempre acaban nos países máis afectados pola crise"

"Era un conflito parecido, nunha sociedade diferente e do terceiro mundo, pero supuxo abrirme os ollos a un proceso no que estamos todos inmersos, o dun capitalismo actual que incrementa a explotación dos recursos entrando nunha fase moi perigosa. A megaminería non é unha broma. Afecta moi de cheo as xentes e o medio no que viven", explica Cora Peña, que recoñece que unha vez que coñeceu a realidade destes proxectos mineiros foille "difícil despreocuparse".

No vindeiro mes de outubro, a directora galega comezará co proceso de edición e guión logo de horas e horas de gravación, pero non pecha as portas a seguir coa rodaxe, xa que está convencida de que "nos vindeiros meses seguirán acontecendo cousas moi importantes para o proxecto de Corcoesto". En canto estea rematado, o documental será de libre difusión, tanto en proxeccións gratuítas como a través de internet, co obxectivo de proporcionar unha ferramenta para o debate na sociedade galega sobre este controvertido tema. Será o gran filme sobre a megaminería que ameaza Bergantiños e Galicia.

Imaxe do trailer do documental © C. P.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.