Unha sociedade desabastecida, con coches e avións abandonados entre as silveiras e fábricas pechadas entre protestas oposta a outra sociedade rural, que reconstrúe as vellas casas da aldea e que aposta polos recursos renovábeis e naturais e por construír unha economía duradeira no tempo. Iso é o que reproduce o vídeo presentación da Guía para o descenso enerxético, un libro iniciativa da asociación Véspera de Nada e que pretende "preparar a sociedade galega para vivir sen petróleo".
O libro é unha obra colectiva na que participan moitos membros da Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo e que está dirixida por Manuel Casal Lodeiro e supervisada por Xoán Ramón Doldán, profesor de Economía Aplicada na USC, presidente da asociación e da Red de Economía Ecológica en España. Unha guía que prepara a sociedade para un país sen petróleo, unha posibilidade futura que é vista en tantas ocasións con escepticismo pero que, como lembra o coordinador, está apoiada "en numerosas evidencias científicas e baseada nunha morea de análises.
A guía pretende preparar a sociedade para unha Galicia sen petróleo
"Un recurso non renovable como o petróleo, se é empregado cada vez en maior medida, chegará un momento no que xa non estea dispoñible; o petróleo non se vai acabar xa, pero o que si vai rematar é a capacidade de extraer tanta cantidade; é o combustible desta economía e se non é capaz de dar enerxía para continuar con este ritmo de produción, é evidente que temos un problema", explica Xoán Ramón Doldán, que lembra a necesidade de "reformular a nosa economía e pensar en modelos diferentes".
O problema é o denominado peak oil, termo en inglés co que se coñece a chegada do petróleo ao seu punto máximo de extracción a nivel mundial, momento a partir do cal comeza un declive irreversible. "A propia Axencia Internacional da Enerxía, despois de moitos anos eludindo pronunciarse, ou mesmo negando o problema, tivo que recoñecer que xa chegamos a ese punto", insisten desde Véspera de Nada, que alerta que "a partir de agora será todo costa abaixo e a sociedade ten que se preparar para as repercusións, que xa están aquí en forma de crise económica". A estreita relación entre crecemento económico e crecemento do consumo de enerxía é o motivo. "Sen enerxía, non pode haber actividade económica. E se a primeira decrece, a segunda é imposible que medre", aseguran apoiándose nos numerosos informes e datos científicos que manexan e que publican periodicamente no seu blog. Ademais, sen enerxía dabondo os estados tamén se ven incapaces de manteren os servizos públicos e unha estrutura complexa "moi consumidora de enerxía".
Ante esta situación, e logo de varios debates internos, os membros da asociación pensaron en facer algo para ilustrar os problemas derivados do peak oil e acabaron convencéndos de que tiñan que, "non só facer un labor de difusión e divulgación do problema, senón intentar dar espostas de como se pode actuar nunha economía afectada por este problema". "Logo fómolo adaptando á realidade galego e o que comezou sendo unha idea para un pequeno folleto foi engordando até se converter nun libro", explica Doldán.
O libro promove "unha mudanza desde a base" e pretende "axudar na transformación do modelo enerxético e produtivo dominante"
Ao comprobar que as administracións públicas non cumpren co deber de preparar a sociedade "desde arriba", Véspera de Nada decidiu promover "a mudanza desde a base" e "axudar na transformación do modelo enerxético e produtivo hoxe dominante no mundo e na Galiza,
baseado no uso masivo de combustíbeis fósiles, en particular do petróleo". O crecemento económico "sen precedentes" que se ten
producido no mundo durante o último século e medio foi posible "grazas á abundancia desta enerxía barata e dispoñíbel en cantidades
crecentes", explica o profesor Doldán.
Segundo as previsións que manexan os expertos no tema a enerxía vai ser cada vez máis cara e menos abundante, e iso obrigará a mudar de raíz o modelo económico actual. "É precisamente na base social onde debe comezar a transformación", aclaran. Por iso, dirixen o libro a todas as familias, empresas e colectivos sociais do país e lanzan unha campaña de crowdfunding para financiar a súa publicación. En dous días, xa recadaron o 20% do obxectivo final e confían en lograr unha cantidade que é "indispensable" para rematar o proxecto.
A guía incúe accións que realizar no ámbito individual, veciñao ou da administración nun escenario de "crise enerxética profunda"
Recomendacións para ser menos dependentes do petróleo
A guía, como explica Véspera de Nada, pretende "explicar a situación enerxética e a repercusión que vai ter para os cidadáns", pero tamén "dar resposta a moitos interrogantes que se formulan persoas e colectivos que emprenderon ou pensan emprender esta transformación para un mundo de menor enerxía" .Así, incluirá accións que realizarmos no ámbito individual, familiar, veciñal, nas administracións locais ou en pequenas empresas en campos como o transporte, a alimentación, a saúde ou a educación nun escenario de "crise enerxética profunda".
O libro responderá a cuestións como que podemos cambiar na nosa vida cotiá para ser menos dependentes do petróleo, que negocios poden ser viables no futuro, que vulnerabilidades poden ter as empresas e como facer fronte a elas, como contribuír desde as administracións locais a unha relocalización da vida económica, como repensar o urbanismo, a vivenda ou o transporte...
"Estamos nun tipo de sociedade que nos pode arrastrar a situacións cada vez máis duras ou podemos dar o paso para transformarnos noutra sociedade diferente, que aposte polos recursos renovábeis e que constrúa unha economía duradeira no tempo", engade Doldán, que explica que este futuro "debe ser máis rural e isto non ten por que ser peor se somos capaces de construílo de forma solidaria". "Se o deixamos pasar, o tránsito será máis problemático, por iso avogamos por esta saída máis tranquila, pero urxente, unha saída na que debemos buscar solucións colecivas e desde abaixo", asegura.
"A crise económica actual non vai rematar nunca e debe desembocar nunha transformación radical de toda a sociedade, nunha civilización moi
diferente á actual civilización industrial", insiste a asociación, que pretende con esta guía "contribuír á construción desa nova Galica pospetróleo" e que sexan os galegos e galegas os que poñan en marcha esa "auténtica revolución".