O Consello de Ministros aprobou este venres o anteproxecto de Lei Orgánica de Protección da Vida do Concibido e os Dereitos da Muller Embarazada, que reforma a actual Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e Interrupción Voluntaria do Embarazo. A nova norma pon o foco no non nado. O ministro deixouno moi claro na presentación do anteproxecto: "Non podemos facer depender a vida do nascituru da vontade da muller".
"Ese concibido é un ben xurídico que debemos protexer. Pero non é un ben xurídico absoluto" porque poden entrar en conflito cos da nai. "O que non poden facer os poderes públicos é ignorar o conflito".
A nova lei só prevé dous supostos para o aborto: o risco para a saúde da nai e o embarazo consecuencia dunha violación
Así, restrínxese os casos nos que a muller poderá abortar ao volver a un sistema de supostos en lugar do actual de prazos. A regulación que impulsou Gallardón só prevé dous supostos para o aborto: o risco para a saúde da nai e casos nos que o embarazo sexa consecuencia dunha violación. Que o feto teña algún tipo de patoloxía moi grave ou algún tipo de discapacidade non se contempla a posibilidade de abortar. A menos que esa situación signifique un risco para a nai. "Non hai embrións de primeira ou de segunda como non hai cidadáns de primeira e de segunda".
Outro dos cambios que introduce a lexislación é a "obxección de conciencia": autoriza os médicos da sanidade pública a negarse por razóns ideolóxicas a practicar un aborto.
Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros, o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, que impulsou a polémica norma, explicou que con esta aprobación leva a cabo o cumprimento dun "compromiso electoral". O ministro encargouse de destacar en numerosas oportunidades que coa nova lexislación non existe ningún tipo de reproche penal para a muller. "A muller nunca é culpable", algo que, segundo o ministro "o PSOE non entendera".
A nova regulación ten que someterse agora ao trámite parlamentario e deberá someterse aos órganos consultivos, como o Consello de Estado.
Vólvese aos supostos da lei de 1985. As mulleres xa non terán dereito a abortar, senón que terán que xustificar que os intereses do non nacido entran en conflito cos propios
Pero, que é o que cambia?:
- Prazos: Até agora as mulleres podían abortar sen alegar ningunha razón nas primeiras 14 semanas de xestación. É unha lei de prazos similar á que hai na maioría de países da Unión Europea como Holanda ou Francia. Na maioría dos países da UE hai lei de prazos. Isto elimínase. Vólvese aos supostos da lei de 1985. As mulleres xa non terán dereito a abortar, senón que terán que xustificar que os intereses do non nacido entran en conflito cos propios.
-
Menores de 16 e 17 anos: Coa lei de 2010 as menores de 16 e 17 anos teñen que informar aos seus pais, a menos que aleguen causas especiais para non facelo. Por exemplo, mala relación cos seus proxenitores ou que estes puidesen obrigalas a non abortar. Esta posibilidade xa non existe. Os pais terán a obrigación de acompañalas e a potestade de decidir sobre elas.
-
Supostos: Os supostos son os dous que había na lei anterior: violación, risco para a saúde física ou psíquica da nai (até a semana 22) pero elimínase o suposto das anomalías fetais como tal.
-
Enfermidade do feto: Coa lexislación de 2010 un embarazo de máis de 22 semanas só pode interromperse se existen "anomalías fetais incompatibles coa vida" e para iso debe constar o diagnóstico nun ditame emitido con anterioridade por un médico especialista que non sexa o que practique a intervención. Tamén se autoriza o aborto cando se detecte no feto unha enfermidade extremadamente grave e incurable, que debe ser confirmado por un comité clínico.
Agora o suposto de enfermidade do feto elimínase, e queda supeditado aos efectos que esa doenza xere na súa nai. Débese garantir que a muller sufrirá un dano "non irreversible pero si importante e duradeiro" na súa saúde física ou psíquica. Para iso pídese un informe motivado por dous médicos especialistas que non poden nin sequera traballar no centro no que se practique o aborto. "Non supón desconfianza para a muller senón garantía para ela", sinalou o ministro. Nos casos dun aborto de urxencia non fará falta este informe.
No caso de enfermidades incompatibles coa vida o requisito será dobre: un informe médico que confirme os riscos para a nai e outro que probe a patoloxía do feto de acordo co Comité de Bioética de España.
-
Aborto ou parto inducido: Todo isto vale até a semana 22. A partir dese momento as mulleres non poderán ser sometidas a un aborto. No caso dun acreditado risco para a vida da nai, practicarase un parto inducido, xa que, segundo argumentou o ministro, a OMS sinala que ás 22 semanas un feto podería vivir fóra do corpo da nai.
- Procesos de información: Vaise a ofrecer ás mulleres información e asesoramento sobre os seus dereitos e as axudas das que poida dispor. Tratarase de informacion clínica persoal e personalizada., que se brindará de forma verbal (non só por escrito) e terá en conta o grao de madurez e a idade da muller. Este servizo estará a cargo de profesionais do sistema público e estará orientado a ofrecer ás embarazada alternativas ao aborto. Gallardón confirmou que non se enviarán á muller imaxes da ecografía onde apareza o feto tal e como propuxo UPN no Congreso dos Deputados. Despois de recibir esta información a muller verase obrigada a un período de reflexión de sete días, catro máis dos que establecía a lei até agora.
"Estamos en shock"
A Plataforma Galega en Defensa do Aborto advertía xa da "legalización da propiedade colectiva do corpo das mulleres" que suporía a nova lei do aborto. Aínda así, e confirmada a norma aprobada polo Consello de Ministros, o colectivo cre que o resultado "é aínda peor do agardado". "Non só volve ao modelo anterior, senón que trata as mulleres como minusválidas mentais, como menores de idade que deben ser protexidas e coidadas", asegura Raquel, unha das voceiras.
"Sempre mantivemos a esperanza de que o Goberno non fose capaz de chegar a tanto"
"Estamos tristes e en shock; sempre mantivemos a esperanza de que o Goberno non fose capaz de sacar adiante unha reforma tal, porque é unha ofensa ás mulleres e á poboación; non agardabamos que chegasen a tanto", insiste, tras aclarar que, "o máis duro", máis aló dos detalles que devolven o dereito moitas décadas atrás, é "o tratamento que a norma dá ao xénero feminino como de segunda categoría, como vítimas e xente a protexer que non é capaz de decidir por si mesma". Malia todo, advirten de que seguirán adiante coas protestas e as mobilizacións, as primeiras convocadas xa para esta tarde ás 19 horas:
Vigo: Marco
Coruña: Obelisco
Ourense: Casa do Concello
Compostela: sede do PP (Alfredo Brañas)
Ferrol: Casa do Concello
Lugo: Subdelegación do Goberno
Pontevedra: Praza da Peregrina
A Mariña: Casa do Concello de Ribadeo
Cangas: Casa do Concello