"La calle es mía" é sen dúbida unhas das frases coas que máis frecuentemente se pode identificar a Manuel Fraga Iribarne. Pronunciouna sendo o de Vilalba ministro de Gobernación o 3 de marzo de 1976, no goberno de Carlos Arias Navarro. E case corenta anos máis tarde outra rúa volverá previsiblemente ser súa, cando menos nominalmente, cando o pleno do Concello de Lugo aprobe as propostas de modificación do rueiro, entre as que se inclúe un vial que levará o nome do falecido presidente da Xunta durante 15 anos e ministro da ditadura durante case oito.
"Fraga foi membro da ditadura e tivo responsabilidades na toma de decisións que atentaron contra a vida de persoas e tamén está incurso na Lei de Memoria Histórica"
O BNG xa anunciou no outono que "non está de acordo en recuperar o nome de Manuel Fraga, cando se está nun proceso para retirar os nombres de persoas relacionadas co franquismo" e a través do que foi até unhas semanas o seu voceiro, Antón Bao, engadiu que "non ten sentido que se eliminen os nomes duns franquistas das rúas e se poñan os doutros". Na cidade de Lugo hai aínda nove rúas e vías que manteñen unha denominación vencellada co franquismo: Hermanos Pedrosa, General Tella, Ramón Montenegro, Cedrón del Valle, Ruíz de Alda, Teniente Coronel Teijeiro, Plaza Comandante Manso, Avenida Carlos Azcárraga e Avenida Ramón Ferreiro. En novembro, Bao, xusto antes de abandonar a comisión do rueiro, subliñou que "Fraga foi membro da ditadura e tivo responsabilidades na toma de decisións que atentaron contra a vida de persoas e tamén está incurso na Lei de Memoria Histórica".
O alcalde, José López Orozco, xa deixou claro o seu apoio á proposta formulada polo PP, pero os concelleiros socialistas terán liberdade de voto e o propio López Orozco recoñeceu "diverxencias" no seu grupo. O alcalde da cidade xustificou o seu voto favorable en que o político de Vilalba, ademais de ministro en varios gobernos da ditadura, foi “un dos pais da Constitución” ademáis de ter sido, “presidente de Galicia e moi vencellado a Lugo”. Porén, semella que os votos dos edís do Partido Popular, xunto cun número indeterminado de votos do PSdeG-PSOE, serán suficientes para que a moción sexa aprobada. A pesar de que nun comezo a iniciativa ía ser debatida no pleno de decembro, o PP pediu un informe xurídico sobre o cambio de nome de todas as rúas que se trata conxuntamente coa de Manuel Fraga, o que foi adiando este momento. Pode que sexa en febreiro cando se adopte unha decisión definitiva.
"Estamos a falar de todo o que pasou até que chega a democracia, non falamos do que pasou despois: uns acabaron sendo deputados, outros foron presidentes da Xunta, outros acabaron sendo presidentes de empresas eléctricas"
Precisamente este luns 20 de xaneiro presentouse na Coruña o folleto Caderno Republicano 3, titulado “O Camarada Fraga e as vítimas da represión franquista", obra do anterior presidente da CRMH, Manuel Monge. Esta publicación foi xa presentada en Lugo hai unhas semanas, un texto dedicado a "explicar a participación de Fraga na represión e a súa relación coas vítimas da ditadura". Este caderno, e sobre todo o feito de ser presentado en Lugo, buscaba incrementar a conciencia dos cidadáns e cidadás de Lugo, e tamén presionar sobre os concelleiros socialistas que decidirán cos seus votos o éxito da proposta. Monge salientaba daquela que "estamos a falar de todo o que pasou até que chega a democracia, non falamos do que pasou despois: uns acabaron sendo deputados, outros foron presidentes da Xunta, outros acabaron sendo presidentes de empresas eléctricas, como Martín Villa. Non falamos diso, falamos da súa responsabilidade como membros do Consello de Ministros".
Tamén o BNG levou a cabo unha campaña a nivel local nos últimos meses de 2013 e é probable que no momento en que a proposta estea preparada para o seu debate no pleno, o Bloque recomece as súas iniciativas de concienciación. Aquela campaña incluíu tamén as críticas ás polémicas declaracións efectuadas en agosto polo alcalde de Baralla. A Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen sufriron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, coñecida popularmente como Lei de Memoria Histórica estipula a eliminación de toda simboloxía ou honores que exalten aquel réxime ou a persoeiros relacionados co mesmo.
"Camarada Fraga"
O Decreto 154/1961, de 2 de febreiro, asinado por Francisco Franco e publicado no BOE de 9 de febreiro, sinalaba que “a propuesta del Ministro Secretario General del Movimiento, cesa el camarada Manuel Fraga Iribarne en el cargo de Delegado Nacional de Asociaciones de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, agradeciéndole los servicios prestados”. De aí o título do folleto, que repasa a súa biografía, especialmente os cargos que ocupou durante a ditadura, sendo corresponsable, como membro do Consello de Ministros, da execución do comunista Julián Grimau (1963), dos anarquistas Francisco Granado e Joaquín Delgado (1963), de Enrique Ruano (1969) ou da represión sufrida polos aperturistas participantes no chamado Contubernio de Múnich (1962), deportados ás Canarias, onde segundo Manuel Fraga “se podrán librar de las justas iras del pueblo español”.
O Caderno tamén lembra a súa xestión como Ministro de Información, durante a que o secuestro e censura previa de xornais era práctica frecuente, unha política de control e anulación da disidencia que tivo o seu mellor reflexo no peche e derrubo do crítico xornal Madrid
O Caderno tamén lembra a súa xestión como Ministro de Información, durante a que o secuestro e censura previa de xornais era práctica frecuente, unha política de control e anulación da disidencia que tivo o seu mellor reflexo no peche e derrubo do crítico xornal Madrid. Tamén subliña o seu labor como ministro da Gobernación de decembro de 1975 a xullo de 1976, durante o que a policía asasinou cinco traballadores en Vitoria con motivo dunha folga, e naque dúas persoas foron asasinadas por pistoleiros fascistas no encontro carlista en Montejurra.
O texto tamén lembra a multa de 50 mil pesetas que Manuel Fraga lle impuxo ao subdirector de La Voz de Galicia, Francisco Pillado Rivadulla, que exercía de director por ausencia do titular, pola publicación do artigo de Augusto Assía “Sobre el idioma gallego”, o 26 de xullo de 1968. O artigo afirmaba que “El idioma gallego es tratado como un estigma que hay que ocultar, y que es inepto para la gente fina. Le ocurre al idioma gallego, no sólo en la Iglesia, sino en la Universidad , en la escuela, en los estrados y en la oficinas públicas, lo que no hace todavía más que 20 años le ocurría a los negros de Estados Unidos, donde no se les dejaba entrar mas que por la escalera de servicio”. A resolución asinada polo mesmo Manuel Fraga sinalaba que o citado artigo contiña “conceptos atentadores a la verdad, el respeto debido a las instituciones, a las exigencias del mantenimiento del orden público actual y al acatamiento al punto IV de la Ley Fundamental de 17 de mayo de 1958, en el que se expresa que la unidad entre todos los hombres y las tierras de España es intangible”.
A CRMH afirma que "con estes antecedentes Manuel Fraga Iribarne debería formar parte da causa que segue a xuíza arxentina polos crimes do franquismo aínda que, lamentabelmente, non poderá comparecer". A Comisión apoia o exhorto que lle enviou esta xuíza ao Goberno para que informe se está investigando en España a existencia de “un plan sistemático, xeralizado, deliberado e planificado para aterrorizar españois partidarios da forma representativa de goberno a través da súa eliminación física e da desaparición legalizada de menores de idade con perda da súa identidade”.
O texto conclúe que "a mellor homenaxe que podemos facer hoxe ás vítimas do franquismo e ás futuras xeracións é lembrar as actividades e servizos á ditadura franquista do camarada Fraga"
O texto conclúe que "a mellor homenaxe que podemos facer hoxe ás vítimas do franquismo e ás futuras xeracións é lembrar as actividades e servizos á ditadura franquista do camarada Fraga. É tamén a mellor contribución para aprender da historia e que este tipo de crimes non se repitan xamais". E engade que "a elección de Fraga como presidente da Xunta foi unha elección do pobo galego,mais tamén unha vergoña para Galiza. Non hai outro caso en todo o Estado español, nin en Europa, donde un ministro dunha ditadura criminal chegue a ocupar cargos de responsabilidade política cando se conquista a democracia. Nunca como até agora dicir a verdade, recuperar a historia ou, simplemente, informar, tivo un carácter tan democrático e revolucionario".