Castela e León retoma en medio do curso as clases de galego que eliminara

Pintada a favor do ensino en galego no Bierzo © obierzoceibe.blogspot.com

A Junta de Castela e León retoma as clases de galego que suprimira en varios centros escolares do Bierzo. A presión social fixo posible a volta ás aulas de Bacharelato da materia de lingua galega, que se ensina nesta comarca desde hai anos e cuxa impartición é garantida nas áreas galegofalantes grazas ao Protocolo Xeral que a Administración castelá-leonesa e a Xunta de Galicia asinaron en 2006.

A presión social fixo á Junta recuar e recuperar as clases de galego, pero fíxoo no medio do curso e cando moitos alumnos xa abandonaran

Pero a recuperación das clases chega tarde e chea de atrancos. No caso do Instituto Europa de Ponferrada prodúcese mediado o curso -desde o mes de xaneiro- e con problemas herdados, xa que parte dos alumnos que se matricularan decidiran cambiar de centro para asegurarse continuar coa aprendizaxe da lingua e outros optaran por elixir outra materia optativa. Porque esas eran as dúas alternativas que lles ofrecera a Junta.

A mediados de setembro, foron as familias e o consello escolar do instituto Bergidum Flavium de Cacabelos os que denunciaron a supresión -un día antes do comezo do curso- da materia optativa de lingua galega en Bacharelato nese centro, un dos catro de Secundaria acollido ao programa de inmersión lingüística na comarca e o único desta localidade. A Junta asegurou que non había profesor de galego e, ante as protestas, decidiu trasladar o docente do IES Europa de Ponferrada a este centro. Así, os problemas trasladáronse á capital comarcal, onde se decidiu tamén suprimir a materia no Bacharelato. Ao igual que no outro caso, cos nenos xa matriculados e co material comprado. As alternativas da Administración foron claras: ou cambio de centro ou a renuncia á optativa de galego e, polo tanto, aos certificados do Celga que levan anos procurando.

As familias, os alumnos, o consello escolar dos centros e a RAG denunciaron a situación ante a Xunte a Junta

As familias dos alumnos, o consello escolar dos centros e incluso a Real Academia Galega denunciaron a situación e enviaron cartas de protestas e exixindo unha solución tanto aos centros como á Junta de Castela e León e á Xunta de Galicia. Tamén recorreron algúns cativos e pais ao colectivo cultural Fala Ceibe, que agora denuncia a situación, e ao Valedor do Pobo e ao Procurador do Común, o Defensor do Pobo na rexión. Incluso no Parlamento Galego se debateu o tema grazas a unha iniciativa do BNG.

Xabier Lago, voceiro de Fala Ceibe, está convencido de que "foi a presión social" a que fixo recuar á Junta de Castela e León, pero advirte das condicións na que se retomaron as clases. "Volveron ás aulas en xaneiro, pero con varios alumnos menos porque algúns xa cambiaran de centro e outros elixiran outras optativas... O único que fan é poñer atrancos seguido", explica quen denuncia que as continuas problemáticas creadas pola Administración arredor das clases de galego "bota para atrás aos rapaces e ás familias á hora de matricularse nos cursos vindeiros". "Teñen ganas de galego, pero estanllas quitando", repite.

"Os atrancos que pon a Junta cada ano fai reducir o número de estudantes e bota para atrás ás familias", denuncia Fala Ceibe

"O alumnado de galego comeza con moitas ganas en Infantil e en Primaria, pero en Bacharelato descende a matriculación en todos so centros onde se imparte; e cremos que este descenso débese aos atrancos e ao desánimo que estes provocan", insiste. Na actualidade, 1.078 rapaces cursan galego no Bierzo. 838 fano en Infantil e Primaria e 181 na ESO e no Bacharelato, ademais dos 59 matriculados na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.

"Que pasará agora con todas as clases que perderon os rapaces?", pregúntanse en Fala Ceibe, que lembra que a Junta alegou a ausencia dun mínimo de alumnado para suprimir as clases, malia que o protocolo asinado coa Xunta garante o ensino a calquera cativo que queira aprender galego. "Disque non había rapaces dabondo e que non había cartos, pero agora que provocaron que outros nenos deixasen as clases, recupéranas. Non ten sentido ningún", explica.

Máis dun milleiro de rapaces estudan lingua galega no Bierzo, máis de 800 deles en Infantil e Primaria

Por todo isto, o colectivo en defensa do galego no Bierzo prepara unhas xornadas para o vindeiro mes de marzo na que intentará que estean presentes representantes da Xunta e da Junta de Castela e León "para solucionar este problema". "Propoñeremos que non se trate o galego como unha optativa máis porque non é unha lingua estranxeira, senón propia na zona; ademais, está protexida polo Protocolo Xeral asinado en 2006 entre os dous gobernos autonómicos".

Alumnos de galego no Bierzo CC-BY obierzoceibe.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.