O PP liquida a xustiza universal e obvia as reivindicacións da familia Couso

Maribel Permuy e Lola Jiménez, nai e viúva de José Couso, en abril de 2013 CC-BY-SA eldiario.es

A familia de José Couso non se rende. Este martes a súa nai, Maribel Permuy, e o seu irmán, Javier Couso, reuníronse a petición propia con todos os grupos parlamentarios, incluído o PP, que esperou até o último momento para contestar a solicitude. Con estas xuntanzas, a familia Couso quere expresar a súa profunda preocupación pola reforma que o Goberno pretende aprobar vía exprés, sen consultas, para limitar, até case anular, a xustiza universal.

O PP usa a maioría absoluta para dar o primeiro paso para liquidar a xustiza universal no mesmo día que recibe a familia Couso

Pero a toma en consideración da devandita reforma da Lei do Poder Xudicial apróbase este martes no Congreso. É o primeiro paso para poñer o punto final para varios procesos xudiciais abertos, como o que investiga a morte de José Couso en Iraq por un ataque estadounidense premeditado, os xenocidios de Guatemala ou Ruanda, o asasinato de sacerdotes no Salvador ou as torturas en Guantánamo, entre outros como a causa contra Jiang Zemin. Nin un só grupo parlamentario apoiou o PP, que usou a súa maioría absoluta para sacar adiante o primeiro trámite para limitar a xurisdición universal.

No debate no Congreso, o PP defendeu que a reforma "non crea espazos de impunidade para ninguén" e asegurou que "seguirá permitindo queu os delitos máis graves sigan sendo xulgados de maneira máis efectiva que antes". Pola contra, o PSOE denunciou que a devandita reforma "eliminará a xurisdición universal en pro da impunidade de graves crimes contra a humanidade". "Estabamos á cabeza da defensa dos dereitos humanos e, de aprobarse isto, quedaremos á cola. Esta é a súa marca España", recriminou a voceira Soraya Rodríguez.

Olaia Fernández Davila, voceira do BNG, acusou o Goberno de "antepoñer a submisión aos Estados Unidos á protección dos seus cidadáns" e de "esnaquizar os dereitos humanos e garantir a impunidade". "Entre facer xustiza a José Couso ou agraciar os seus asasinos, elixiron o segundo", engadiu Joan Tardà, portavoz de ERC, que denunciou que o Executivo quere "internacionalizar o seu  modelo de xustiza, que dinamita un fito da época democrática". Amaiur lembrou tamén o cámara galego e advertiu da situación  na que quedan os  membros de ONG que acoden a países onde se violan dereitos humanos. "Que se pode esperar dun Goberno que non persegue os crimes da ditadura franquista?", insistiu. Críticas semellantes xurdiron de PNV, CiU, IU e UPyD. Todos os grupos agás o PP anunciaron que non ían apoiar a proposta.

"O Goberno antepón a submisión aos Estados Unidos á protección dos seus cidadáns", denuncia o BNG

Todo pasou na Cámara o mesmo día no que a familia de José Couso se reunía cos grupos do Congreso para pedir que se paralizase esta reforma que suporía o final da investigación sobre o asasinato do cámara galego. "É unha inmoralidade e un atentado contra a democracia", dixo Javier Couso. "É un torpedo dirixido contra a separación de poderes que marca a nosa Constitución, e un golpe mortal á independencia do poder xudicial. Cando os xuíces toman decisións que non gustan ao Goberno, perséguenos ou, como ocorreu no caso da investigación sobre o asasinato do meu irmán, cámbiase arbitrariamente a lei para impedirlles continuar co seu traballo?, engadiu.

Pasaron case once anos desde aquel fatídico 8 de abril de 2003 no que o exército estadounidense lanzou tres ataques contra tres sedes da prensa estranxeira en Bagdad, matando tres xornalistas, un deles José Couso, e ferindo varios máis. Desde aquela, o caso Couso converteuse nun símbolo de loita pola xustiza universal. O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz segue investigando, e reiterou en varias ocasións a orde de procura e captura contra os militares estadounidenses involucrados.

Tanto as autoridades españolas como as estadounidenses, así como a propia Interpol, ignoraron esta orde de busca e captura, pero aínda así o caso Couso é, até o de agora, a única causa no mundo que está a ser investigada contra integrantes do exército dos EUA. Trátase polo  tanto de todo un símbolo. "Con esta reforma lánzase unha mensaxe ao mundo moi perigosa: asasinar ou torturar españois sairá gratis en determinados casos, como o do asasinato do meu irmán", lamenta Javier Couso na conversa mantida con eldiario.es.

"A reforma lanza  unha mensaxe moi perigosa: asasinar ou torturar españois sairá gratis en determinados casos"

 

A vía do recurso ante o Tribunal Constitucional

A familia Couso reuniuse ao longo da mañá deste martes con Izquierda Unida, o PSOE, UPyD, o Grupo Mixto -entre eles o BNG-, CIU e PNV. A todos eles solicitoulles o rexeitamento da reforma e a adopción de medidas que poidan pospola ou evitala. Por exemplo, segundo a lei, 50 deputados ou 50 senadores poderían presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a lei, ante o Tribunal Constitucional. O PSOE si ten 50 deputados. O grupo parlamentario socialista dixo que estudará seriamente a posibilidade de presentar o devandito recurso.

"Os parlamentarios teñen nas súas mans ferramentas para tentar deter esta lei que pretende esmagar a xustiza universal. É o que lles propomos hoxe: que o fagan, para que non se convertan en responsables pasivos dun tremendo pau ao dereito internacional", explicou Javier Couso.

O PP foi o único grupo parlamentario que esperou até o final para contestar a solicitude de reunión da familia. Pero ao final tamén accedeu a unha xuntanza que foi tensa, segundo explicou a familia Couso. O voceiro popular de Xustiza anuncioulles que trasladará os seus argumentos ao Goberno, pero recoñeceu que non sabe "se terán maior ou menor reflexo no resultado final".

"Se a Couso o asasinase un etarra, tería o apoio do Goberno, pero matárono militares dos EUA", di a nai do cámara galego

"Case tivemos que mendigar unha reunión e ao final pedíronnos perdón", explicou Javier Couso, quen definiu como "crispado" un encontro no que recordou aos populares que a súa familia é "vítima" e que recibila "vai no seu cargo". A nai do cámara asasinado foi clara e recriminoulle aos representantes do PP que se o tivese "asasinado un terrorista de ETA" non os terían tratado así e terían o seu apoio desde o principio. Permuy recoñeceu que se encheron os ollos de bágoas mentres reivindicaba a condición de vítima do seu fillo e denunciaba os agravios cos afectados polos atentados da banda terrorista, pero asegurou que non recibira resposta ningunha dos deputados.

"Se a José Couso o asesinase un etarra, tería o apioo do Goberno, pero foron os militares estadounidenses", insistiu a nai do cámara ferrolán, filla, neta e viúva de militares. "Non temos moita confianza, pero si queriamos que visen a cara da familia da vítima", lembrou o irmán.

Onte luns, horas despois de que varios medios de comunicación se fixesen eco de que o PP era o único grupo que se negaba a reunirse coa familia Couso, un asesor do grupo Popular enviaba un mail a Javier Couso no que expresaba a súa intención de recibirlos. Pouco antes do cinco da tarde, e xa telefonicamente, o PP confirmaba a reunión. De pouco valeu.

Reunión da familia Couso co grupo mixto no Congreso © Marta Jara
Cartel en lembranza de José Couso Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.