A ILP contra os desafiuzamentos chega ao Parlamento

Mobilización de Stop Desafiuzamentos Lugo © Stop Desafiuzamentos Lugo

As diferentes plataformas antidesafiuzamentos e de afectados pola hipoteca de Galicia presentarán este martes a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) contra os desaloxos. Logo de meses de contactos e xuntanzas, as organizacións levan á Cámara unha protesta que chega tras o éxito -e posterior rexeitamento por parte do PP- da ILP que aterrou no Congreso dos Deputados co apoio do millón e medio de sinaturas presentadas pola PAH.

A ILP pide modificar a lei de Vivenda e Solo e crear unha nova que paralice os desaloxos, instaure o aluguer social e permita expropiar as vivendas baleiras aos bancos

O propósito dos diferentes colectivos contra os desaloxos é proxectar a nivel autonómico o problema da vivenda e "sobre todo e especialmente da vivenda desocupada e do aluguer social", explican. O obxectivo: a modificación da actual lei de Vivenda e Solo de Galicia e a creación dunha nova norma que "vaia na liña das actuais leis de Navarra e, sobre todo, de Andalucía", ademais da "paralización inmediata dos desafiuzamentos",  a instauración do "aluguer social na vivenda habitual" e a opción de embargar as vivendas que os bancos manteñen baleiras e pechadas.

As plataformas lembran que, "malia o silencio administrativo", os desafiuzamentos seguen a ser unha realidade en Galicia e recordan que o Consello Xeral do Poder Xudicial alertou dun incremento dos desaloxos, un "grave problema habitacional" que no país mínguase un chisco "polo colchón familiar e a especial configuración da vivenda".

As plataformas lembran que "a Xunta ten plenas competencias para modificar o marco lexislativo na problemática xeral da vivenda"

A presentación desta ILP aposta por reabrir o debate en Galicia logo de que o Goberno do PP rexeitase no Congreso a proposta apoiada por máis de medio millón de sinaturas e a maioría da oposición e que solicitaba a "dación en pagamento retroactiva e a fin dos desafiuzamentos". Os impulsores traen agora a iniciativa ao Hórreo "porque a Xunta ten plenas competencias para modificar o marco lexislativo na problemática xeral da vivenda" e tamén porque os últimos datos indican que case o 20% das vivendas do país están baleiras e porque a vivenda é un dereito recoñecido na Constitución que na práctica só é considerada "un simple ben de consumo suxeito ás leis do mercado".

Así, na ILP as plataformas antidesafiuzamentos e de afectados pola  hipoteca reclaman que se modifique actual Lei do Vivenda e Solo de Galicia do 2012 en tres puntos. Solicitan modificacións lexislativas que permitan embargar ás entidades bancarias as vivendas das persoas que están sendo desafiuzadas e que estas se oferten en réxime de aluguer social. Ao tempo, piden á Xunta "a inmediata paralización dos desafiuzamentos en Galicia e o aluguer social na vivenda habitual".

Tamén reclaman a expropiación das vivendas baleiras en mans da entidades financeiras e da Sareb. "Aínda que o artigo 33 da Constitución consagra o dereito á propiedade privada, establecendo que se trata dun dereito cuxo contido vén delimitado pola súa función social, a Constitución non tutela, xa que logo, usos antisociais do dereito de propiedade".

As PAHs e os grupos de Stop Desafiuzamentos piden o apoi da sociedade civil á ILP e convocan a unha concentración ante o Parlamento

As PAHs e os grupos Stop Desafiuzamentos de Galicia fan un chamamento á sociedade civil, aos partidos de esquerda e nacionalistas, aos sindicatos e ás organizacións sociais para que apoien esta proposta de cambios lexislativos. Ademais, tamén chaman aos movementos sociais galegos e á cidadanía compostelá para que acuda mañá martes 18 ás 11.30 á entrada do Parlamento "en apoio da ILP".

As diferentes plataformas son conscientes de que a maioría absoluta do PP en Galicia fai "case imposible" que a ILP sexa aceptada, pero a iniciativa vai moito máis aló dese resultado final. "Queremos lanzar unha mensaxe, a de que non pode haber casas baleiras mentres se está a desafiuzar a xente e hai unha clara emerxencia social e habitacional", explicaba a Praza Adolfo Telmo, voceiro da PAH de Vigo-Tui, que aclara que é "unha carreira de fondo e de concienciación". "Queremos que o programa sexa asumido polos partidos da oposición, porque pensamos tamén no futuro e en promover un cambio e ofrecer, a partir da lei, unha saída a todas as familias en dificultades", engade.

Manifestación contra os desafiuzamentos en Ourense © Jorge M. de la Calle

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.