O seis xuíces instrutores da Audiencia Nacional deberían arquivar desde este luns a ducia de causas que manteñen abertas baixo o principio de xustiza universal despois de que o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicase o pasado venres a limitación desta norma, imposta polo PP cun cambio lexislativo rexeitado por toda a oposición. Suporía o fin, entre outras, da investigación do asasinato do cámara galego José Couso, asasinado por militares estadounidenses en Iraq hai agora case once anos.
Obrigados pola modificación do Goberno, os maxistrados deberían ditar os autos de arquivo de cada unha das causas, tras comprobar que se cumpren os requisitos da reforma do artigo 23 da Lei Orgánica do Poder Xudicial (LOPX) aprobada polas Cortes logo dun trámite de urxencia que pon fin ao principio de xustiza universal e que limita a persecución dos delitos de xenocidio e lesa humanidade aos procedementos que se dirixan contra españois ou contra cidadáns desa nacionalidade cuxa extradición fose denegada. A reforma non fai máis que eliminar a xurisdición universal en pro da impunidade de graves crimes contra a humanidade e, no caso de Couso, contradi a IV Convención de Xenebra relativa á protección de persoas civís en tempo de guerra. E isto foi o que levou o xuíz Pedraz a decidir "inaplicar" a reforma da xustiza universal e seguir adiante co procedemento do cámara galego.
O xuíz Pedraz aclara nun auto que segue adiante nun caso que se debería arquivar segundo as intencións da reforma lexislativa do PP
"Vemos como este Goberno, patrioteiro de mentira, sucumbe ás presións de países estranxeiros para arquivar, con premeditación e alevosía e sen facer caso ningún a toda a oposición, casos como o de José Couso. Matar xornalistas e españois pode saír gratis a partir do día de hoxe", di David Couso, irmán do cámara asasinado en Iraq e voceiro da familia, que di "valorar o auto" de Pedraz tendo en conta que o Executivo xa deicidiu "poñer fin á investigación ante as presións de terceiros países".
Para David, a submisión do Executivo español a grandes potencias como os Estados Unidos "lévase demostrando desde hai tempo". "Desde a non condena por parte do Goberno de Aznar, pasando polo arquivo da causa ou polo feito de que por primeira vez na súa historia a Interpol non levase a cabo unha orde de busca e captura", lembra, tras insistir en que España "rachou de raíz coa investigación sobre o asasinato dun compatriota".
Malia a consumación da liquidación da xustiza universal, a familia non se detén aquí. Nin moito menos. Agardarán a como evolucionan os acontecementos e até onde chega o recurso de inconstitucionalidade que anunciou o PSOE. No caso de que Pedraz non emitise o auto, a idea era continuar na pelexa. "Se non vai adiante, seremos nós os que acudiremos ao Constitucional e ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo", aclaraba o voceiro.
"Sempre tivemos esperanza e confianza na Xustiza española", di David Couso, irmán do cámara asasinado
Polo momento, a primeira boa noticia xa chegou, xa que o maxistrado Santiago Pedraz vén decidiu non arquivar o caso, ao entender que a reforma lexislativa supón unha violación da IV Convención de Xenebra en canto á protección de persoas civís en conflitos bélicos. A familia de Couso mantén a esperanza. "Sempre a tivemos porque o feito de que fose o único caso contra militares dos EUA dicía moito de España e da súa maxistratura, que investiga un caso onde hai imaxes, testemuños e evidencias de que aquilo foi un asasinato, a pesar da morea de mentiras que nos contaron".
Así, o xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz rexeita o arquivo da causa aberta nun auto no que lembra que os delitos contra "persoas e ben protexidos no caso de conflito armado" estaban contemplados na lei española antes da reforma, xa que o tratado que rexe para estes é a IV Convención de Xenebra de 1949, que o Estado "asinou, ratificou e publicou". Ao subscribir o tratado, España "obrígase a perseguir o delito sexa cal for a nacionalidade dos alutores e estan onde estean", recorda.
Pedraz lembra que os delitos como o de Couso xa estaban contemplados na lei española antes da reforma
"Pelexamos pola xustiza e pola verdade e a familia non tira a toalla; non imos parar e seguiremos loitando", insiste David Couso, que recorda que o vindeiro 6 de abril volverán conmemorar o asasinato do seu irmán ante a Embaixada dos Estados Unidos.
Pero o golpe á xustiza universal dado polo Goberno do PP non suporía só o arquivo do caso de Couso, senón tamén outros procedementos nos que se investigan os xenocidios no Tíbet, Guatemala, o Sahara e Ruanda, o Holocausto nazi, os voos da CIA, o asalto á Frota da Liberdade, os ataques contra o campo de refuxiados de Ashraf (Iraq) e as torturas ao movemento Falun Gong. "Nós nunca fixemos unha loita partidista por José, porque isto tamén é unha defensa das causas dos saharauis, dos palestinos, do Tibet...", engade.
"Este país asinou as catro convencions de Xenebra onde se habilita a capacidade dun Estado para investigar un crime de guerra ou un ataque deliberado contra a prensa ou a poboación civil, pero vemos como, en actiude xenoflexa, sucumben ás presións doutros países", remata.