As obras da Mariña que baten coa repulsa social na Coruña

Manifestación contra as obras da Mariña na Coruña CC-BY Plataforma Non ás Obras da Mariña

As obras levantarán o centro da Coruña, a zona da Mariña que, coas súas galerías que serven de espello ao mar, representan un dos símbolos (turísticos e non turísticos) da cidade. Faranse para construír un polémico túnel de catro carrís que tratará de desviar o tráfico baixo terra e soterrar así os milleiros de vehículos que cada día pasan por unha área que pasará a ser peonil. Pretenden culminar  un vello proxecto aprazado durante anos pola crise e a falta de cartos e cuxos traballos comezaron xa para finalizar a principios de 2015, pouco antes das vindeiras eleccións municipais e ante as que o PP quere presentar a súa grande obra. O escurantismo que arrodea esta cara iniciativa non impide que unha parte da veciñanza se organice xa na plataforma Non ás Obras da Mariña, que se concentra cada semana e inicia unha campaña informativa entre a cidadanía. O seu propósito: deter unha infraestrutura que consideran "un desbalde", unha idea "faraónica", de gasto excesivo, chea de "sospeitas" e que consideran o paradigma "dun concepto de urbe equivocado".

A obra soterra os coches no centro pero habilita un túnel con catro carrís nun proxecto que se achegará aos 50 millóns de euros

As sospeitas comezan  no custo da obra, que o Concello non dá aclarado. Urbanismo cifra nuns 20 millóns de euros o gasto público, ao que habería que engadir os 30 que achegaría a empresa privada a cambio da explotación dun aparcadoiro e dunha futura área comercial. "Chámalle aluguer do espazo público ou agasallo", di Santiago Lamelo, voceiro da plataforma contraria ás obras. "Pero se indagamos, hai moito máis; o custo total pode chegar aos 50 millóns", engade. Eses son os cálculos que todos fan para todas as actuacións previstas, divididas en varios proxectos.

Só a construción desa vía subterránea, que conectará co da praza María Pita e co aparcamento do Parrote, elevarase a uns 11 millóns de euros. A Autoridade Portuaria achegará dous millóns. E o resto? De momento, o Concello apandará con case todo, porque malia que confía en que outras administracións se involucren, Fomento non confirmou nada, tampouco para urbanizar toda a superficie peonil, de máis de 50.000 metros cadrados e que se estenderá desde a Mariña ata a zona do Parrote, aínda en obras pola construción dun polémico aparcadoiro privado que deu cos restos da antiga muralla da cidade. Esta urbanización do espazo enfronte ás coñecidas galerías carece aínda de proxecto e de adxudicación ningunha.

A Autoridade Portuaria adxudicou as obras, con rebaixa, a Copasa, empresa "sospeitosa e que sae nos papeis de Bárcenas"

O Porto adxudicou estas primeiras obras -previa importante rebaixa do prezo inicial- á construtora Copasa, unha firma que enche de receos tanto á oposición -toda ela en contra do proxecto- como ao movemento social que tamén se opón. "Temos a sospeita da corrupción, porque sempre que  hai unha concesión de obra pública a hai, pero neste caso máis porque Copasa sae nos papeis de Bárcenas e nas pesquisas da UDEF; ademais, o seu presidente tivo que declarar ante o xuíz Ruz para explicar as doazóns que fai ao PP e as concesións que obtén a cambio. Á empresa sempre foi coñecida como a construtora do Partido Popular", sinala Santiago Lamelo, voceiro dun colectivo que repara tamén no feito de que a desafectación e posterior venda dos terreos portuarios acabarán por financiar o porto exterior da Coruña, que acumula centos de millóns de euros de gasto.

Que este macroproxecto era prioritario para o alcalde Carlos Negreira é máis que obvio. Por iso decidiu adiar outras obras das que seguen pendentes a Cidade Vella ou a zona da Pescadería, que seguen a esperar que se revise o plan especial de protección e reforma interior (Pepri) e que aturan deficiencias en accesos, infraestruturas e urbanismo máis que evidentes con só dar un paseo polos barrios.

O goberno local priorizou esta obra por riba doutras e doutros barrios con graves deficiencias

"É un desbalde aínda que a obra se realizase en mellor momento económico, pero hoxe en día, aínda é máis escandaloso. Mentres aturamos recortes sociais ou o Concello se queixa de que non ten cartos para certos equipamentos públicos, deciden gastar esta cantidade de cartos neste túnel", insiste a plataforma, que lembra que a degradación de múltiples zonas da Coruña aumenta mentres o principal investimento en anos se dedica á Mariña. "Hai escaseza de zonas deportivas abertas, hai xente desafiuzada á que o Concello non dá solucións porque di ter dificultades económicas... É necesario isto?", pregúntase o colectivo contario ás obras.

"Hai moitas necesidades en todos os barrios, algúns deles con graves deficiencias incluso no saneamento e en infraestruturas clave. A situación é un desastre e estamos de acordo en que esta zona turística e importante para a cidade tamén se pode mellorar, pero non deste xeito e mentres se desatenden outras áreas", insiste Santiago Lamelo, que aclara tamén que o proxecto da Mariña "reflicte un modelo de cidade e medioambiental trabucado". Porque a zona será peonil, pero iso non significa que se desvíe ou vete o tráfico nesta porta de entrada á zona antiga da rube. "O que se fai é construír un túnel de catro carrís para que os vehículos poidan pasar por baixo da terra, polo que o tráfico non se reduce". Falamos dunha cidade na que entran máis de 140.000 coches diariamente e da que é a segunda capital de provincial máis pequena do Estado, con menos de 38 quilómetros cadrados.

"Mentres aturamos recortes sociais e o Concello quéixase de falta de cartos, decídese gastar todo isto nesta obra", quéixase a plataforma contraria ao proxecto

"Unha cidade moderna ten que ter outro concepto de futuro e temos exemplos no Estado, pero tamén en Europa. Desde logo, a tendencia das urbes que se teñen como modelo non van por este camiño", engade Lamelo. O propio PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sustentable) da cidade recomenda a redución do tráfico na cidade, especialmente no centro, pero nada se di neste proxecto de que se vai facer cos taxis e co transporte público ou de se se van facilitar espazos para outros vehículos como as bicicletas. Tampouco se ten claro o que se fará cos restos da fortificación que aparecerán co túnel. O goberno local incluso obviou un proxecto do urbanista González Cebrián que gañou o concurso de ideas do Porto e do Concello hai xa seis anos. Encargoulle a outro arquitecto o túnel e o espazo superior.

A Plataforma Non ás Obras da Mariña maniféstase todos os xoves e lcelebra asembleas informativas

A Plataforma Non ás Obras da Mariña seguirase manifestando e, sobre todo, informando á cidadanía dun proxecto do que pouco se fala. "A Mariña é moi mellorable e a xente é consciente diso, pero hai que explicar ben as cousas e estamos nesa fase; hai veciños que están claramente en contra e outros que dubidan, pero o noso labor é informar", di Lamelo. Esa será o seu obxectivo nos vindeiros días. Todos os xoves, seguiranse concentrando e celebrando asembleas.

Obras do Parrote, ao carón da Mariña © Concello da Coruña
O tenente de alcalde, Martín Fernández, informa das obras do túnel da Mariña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.