0 Gardados para despois

A Xunta confirma a vixencia da DIA e mantén a porta aberta á mina en Corcoesto

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A Xunta vén de confirmar de maneira oficial que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da mina a ceo aberto de Corcoesto segue vixente. Así o asegura nunha resposta escrita á pregunta formulada polo grupo parlamentario de AGE. "A DIA mantén a súa vixencia", di o director xeral de Relacións Institucionais, Gonzalo José Ordóñez, na contestación á que tivo acceso Praza e na que tamén asegura que a autorización "carece de efectos prácticos ao terse denegado a autorización substantiva de explotación mineira por razóns estritamente tecnico-económicas alleas ao ámbito ambiental".

A autorización ambiental seguirá vixente ata finais de 2017, polo que unha empresa con solvencia financeira suficiente podería relanzar a mina

Non obstante, tal e como advertían xa os colectivos contrarios ao proxecto mineiro e a oposición parlamentaria, a autorización deste trámite implica que a legalización ambiental da mina manteña a súa validez ata decembro de 2017, tempo no que a chegada dunha empresa con capacidade financeira abonda sería suficiente para relanzar o proxecto, tal e como advertiu tamén a empresa multinacional Edgewater e o propio Concello de Cabana de Bergantiños. 

A validez da DIA contrasta, ademais, co criterio do Valedor do Pobo, que nos seus inútiles intentos por conseguir que o Executivo aclarase a vixencia ou non da tramitación ambiental asegurara que o rexeitamento global da mina ten "como consecuencia que decaian todos os actos de trámite desta, entre eles a avaliación ambiental". O Alto Comisionado entendía hai medio ano que a autorización ambiental non podía seguir vixente ao estar vinculada unicamente a un proxecto que agora está cancelado, unha postura que reiterou a pasada semana no informe anual da institución.

A DIA é o trámite imprescindible máis exixente que afronta unha empresa para iniciar a explotación dunha mina

Os peores temores dos colectivos contrarios á mina a ceo aberto en Bergantiños cumpríronse. Malia a cancelación definitiva do proxecto anunciada hai menos dun mes, todos eles advertiron da posibilidade de que outra empresa -ou a mesma Edgewater no caso de conseguir a solvencia financeira requirida- teimasen na súa iniciativa. Para poder facelo, era imprescindible que a DIA -o trámite máis exixente e complicado nestes casos- seguise vixente durante os vindeiros tres anos. Tamén era necesaria unha lexislación axeitada a iniciativas coma esta, un enguedello legal que en Galicia favorece as minas a ceo aberto. De feito, o Plan Director da Rede Natura autoriza proxectos mineiros en zonas protexidas grazas ás excepcións avaladas en varias normativas da Xunta que "forman un 'puzzle' perfecto coa mesma intención", tal e como advertiu Salvemos Cabana.

Edgewater xa advertira de que tiña a tramitación ambiental e de que busca un "socio estratéxico" para reiniciar o proxecto

 

O alcalde e a empresa xa advertiran das súas intencións

A propia Edgewater presumía no seu último comunicado de que "historicamente" gozou do "apoio e a aprobación" de todo tipo de administracións e lembraba que "logo de recentes consultas co Goberno", lles fora confirmado que a tramitación ambiental "ten validez durante cinco anos, ata decembro de 2017". Por iso, aseguraba estar xa en negociacións cun "socio estratéxico" -posiblemente unha empresa de construción civil-, que traería beneficios para a compañía e para os seus accionistas "e satisfaría os criterios impostos polo Goberno de Galicia para permitir o proxecto".

Estes anuncios da multinacional mineira coinciden coas declaracións do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíños, que aclarou nunha entrevista que había empresas dispostas a "ser o apoio económico" que permitise á multinacional arranxar os problemas financeiros que lle impediron contar co visto e prace da Xunta para o proxecto mineiro, tras anunciar que a paralización da mina tan só era "o punto de arranque para un novo proxecto".

A Xunta deixa claro na súa resposta que as razóns da cancelación da mina son "estritamente técnico-económicas" e "alleas ao ámbito ambiental"

Pero ademais, a contestación oficial da Xunta respecto da DIA, unha resposta que non foi quen de darlle ao Valedor do Pobo malia varios requirimentos, aclara tamén que as razóns da cancelación do proxecto son "estritamente técnico-económicas" e "alleas ao ámbito ambiental". Xa que logo, e tal e como advirten os colectivos contrarios á explotación, nin os elevados riscos para o medio natural e a economía da zona nin a elevada presión social da cidadanía parecen ter tido efecto sobre o Goberno galego, ao que a chegada do capital suficiente para relanzar o proxecto parécelle suficiente para teimar na ameaza.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

AGE exixe que se deixe sen efecto a autorización

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) exixe a Xunta de Galicia que deixe sen efecto a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) para o proxecto mineiro en Corcoesto vixente para os vindeiros catro anos xa que, tal e como acaba vén de confirmar o propio Goberno, "segue en vixencia, o que significa que a empresa podería retomar o proxecto en caso de lograr garantías financeiras por ela mesma ou a través doutras empresas".

Deste xeito, o rexeitamento anunciado por parte da Xunta de Galicia ao proxecto "non garante que non se leve a cabo xa que a decisión basease unicamente na falla de garantía financeira presentada pola empresa Edgewater polo que no caso de lograr dita garantía podería volver a optar ao realización do proxecto", asegura Alternativa.

O deputado de AGE, Antón Sánchez, ante o evidente risco de que a empresa logre o financiamento necesario e insista na presentación deste proxecto, esixiu "que se deixe sen efecto a declaración de impacto ambiental que debería ser xa a cuestión pola que se rexeitase esta mina desde o Goberno galego se realmente estivera preocupada e defendese o noso país".