As análises da Xunta confirman a presenza de augas tóxicas nas balsas mineiras e as zonas de vertedura do Monte Neme, na Costa da Morte, segundo a contestación que da Consellería de Sanidade recibiu a plataforma Salvemos Cabana e logo de que a principios do mes de febreiro rachase unha das balsas mineiras e arrasase varias zonas de Malpica e Carballo.
A medición revela "alarmantes niveis de aluminio e baixos niveis de pH", así como a presenza de augas ácidas tóxicas, segundo Salvemos Cabana
O colectivo solicitáralle á Administración unha análise completa das masas hídricas e dos puntos de drenaxe do Monte Neme. Na súa resposta, a Subdirección Xeral de Control de Riscos Ambientais para a Saúde advertiulle que Augas de Galicia xa "realizou" e aínda "está a realizar analíticas", tanto dos puntos de vertedura como das zonas receptoras. Segundo datos aos que tivo acceso Salvemos Cabana, a medición deu como resultado uns "alarmantes niveis de aluminio e baixos niveis de pH", ao igual que a presenza de augas ácidas tóxicas derivadas de anteriores actividades mineiras, aínda que destas últimas aínda se descoñece o seu grao de incidencia sobre as captacións de auga para o consumo humano, en especial nas zonas potencialmente afectadas do Concello de Carballo.
Ademais, a Xunta recoñece na súa contestación, á que tivo acceso Praza, que a Consellería de Sanidade, desde que tivo coñecemento da problemática xurdida, está realizando as actuacións sanitarias necesarias para protexer a saúde da poboación que potencialmente puidese estar exposta".
A minaría levada a cabo no século XX no Monte Neme centrouse dende 1915, e de xeito intermitente durante máis de seis décadas, na explotación metalífera de wolframio e estaño incluíndo procesos de trituración e moenda, "o que podería ter incidido na presenza de residuos tóxicos ácidos nas masas de auga almacenadas no cumio do monte". Estes residuos supoñen, segundo Salvemos Cabana, un perigo a nivel de saúde ambiental "en caso de novas verteduras ou a instalación de canalizacións de drenaxe como solución de urxencia", xa que os filóns, fundamentalmente de seixo, están mineralizados ademais de con wolframita e casiterita, con outros elementos como a calcopirita, a sheelita e a arsenopirita, sendo algúns particularmente ricos en sulfuros metálicos.
As verteduras do pasado mes de febreiro descubriron unha contaminación da que levaban meses advertindo particulares e colectivos
As análises e advertencia dos riscos da antiga explotación do Monte Neme xorden a partir do accidente sucedido o pasado 10 de febreiro, que causou un desastre "sen precedentes" nas localidades de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica de Bergantiños) ao orixinar unha vertedura de máis de 24.000 m³ de auga e lodos cuxa composición, segundo agora se demostra, está lonxe de ser inocua. "De non ser polo arboredo que tapiza ese sector do monte, podería ter causado danos persoais difíciles de imaxinar", advirte Salvemos Cabana, que lembra que este desastre "levaba sendo anunciado desde hai tempo" por varios colectivos e particulares.
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, botara balóns fóra e culpara o mal tempo ante unha pregunta parlamentaria formulada por Carme Adán (BNG) sobre as razóns polas que o Goberno galego non adoptara medidas preventivas na canteira abandonada, aínda que a Administración reaccionou nas últimas semanas. "De non acontecer estes feitos, a Dirección Xeral de Minas non chegaría a actuar coa celeridade obrigada que demostrou durante os últimos dous meses", lembra o colectivo.
Salvemos Cabana denuncia tamén unha vertedura incontrolada de augas ácidas e presenta alegacións ao proxecto de clausura da explotación polos seus riscos
Vertedura incontrolada e clausura incompleta da mina
Porque Salvemos Cabana tamén denunciou ao Seprona unha vertedura incontrolada de augas ácidas noutra das balsas pertencente á concesión Reconquista e vén de presentar alegacións ao proxecto de abandono e clausura do grupo mineiro ao considerar que se "quere efectuar unha restauración incompleta que deixará á marxe zonas nun evidente estado de degradación procedentes da antiga explotación metalífera".
A vertedura denunciada está xa a derivar, segundo a plataforma, monte abaixo en dirección á localidade de Nétoma, en Razo. A empresa Leitosa, concesionaria da última explotación mineira do Monte Neme, solicitara en 2011 unha autorización oficial para verter ao Dominio Públicoa Hidráulico e facía referencia a "augas residuais industriais e de escorrentía depuradas", o que en ningún caso se corresponde coa situación observable sobre o terrero. "Confirma unha vez máis o escaso control que a Dirección Xeral de Minas exerceu da zona ata a data do accidente", engade o colectivo.
A plataforma tamén presentou alegacións ao proxecto de restauración e clausura do grupo mineiro, ao considerar que se trata dunha restauración claramente incompleta e que centra a maior parte dos recursos no maior oco da explotación, deixando á marxe a outras zonas procedentes da antiga explotación metalífera, ás que se considera como "restauradas" pero que "presentan un máis que evidente estado de degradación".
Do mesmo xeito, alertan dunha pretendida cuberta herbácea sobre a área afectada que podería destinarse ao uso gandeiro pero cuxa zona non foi avaliada para medir o seu estado de contaminación, polo que "podería ter un efecto directo sobre a cadea trófica".
Salvemos Cabana advirte que, segundo a Lei 3/2008, de Ordenación da Minaría de Galicia, tanto a Xunta, pola súa falta de verificación de cumprimento da normativa, como a empresa mineira estarían a incumprir as súas obrigas legais. A compañía Leitosa, concesionaria da antiga canteira e responsable da balsa de residuos que rebentou hai dez días, foi propiedade de Francisco Cotino (imputado na trama de financiamento ilegal do PP, a rede Gürtel) até a súa venda a outra sociedade, que en 2012 entrou en concurso voluntario de acreedores.
Expertos en medioambiente advirten das consecuencias da explotación do Monte Neme e atopan semellanzas coa mina de cobre e ouro a ceo aberto de Touro, pechada hai 25 anos. Este espazo é sinalado decote como un "exemplo" de restauración do medio ambiente, pero desde varias entidades ecoloxistas denúnciase que os residuos que segue xerando contaminan os campos e ríos próximos. Ese é o perigo que, aínda cunha restauración, tería esta antiga mina da Costa da Morte.