A ría de Cedeira é unha das menos coñecidas de Galicia. Pero a súa beleza e o seu valor marisqueiro e medioambiental están fóra de toda dúbida. É por iso que constitúe, xunto coa dos Miñarzos, en Lira, o único espazo protexido como Reserva Mariña de Interés Pesqueiro. No fondo da ría, xa no casco urbano da vila, atópase a praia da Madalena, un areal sen area, por mor dos sucesivos temporais deste inverno, que fixeron retroceder a liña de costa até as dunas, formando practicamente un muro vertical. O Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente comezou esta semana unhas obras de recheo, co aplauso do Concello, que buscan a recuperación do aspecto orixinal da praia antes da chegada dos primeiros turistas. Porén, estas actuacións teñen enfronte unha parte importante dos habitantes de Cedeira e a numerosos colectivos: Anova, BNG, Esquerda Unida, Adega e a plataforma SomosCedeira.
A oposición chega en primeiro lugar polo que consideran un desbalde de cartos, ao redor de 250 mil euros só no recheo de area, que ademais cren que será totalmente ineficaz. Será o terceiro recheo que se realiza na praia dende 2001, e os dous anteriores tiveron unha duración moi curta, xa que o mar acabou levando de novo toda a nova area depositada. Colectivos ecoloxistas denuncian que a explicación para este desgaste da praia hai que buscala na construción, hai 15 anos dun novo dique no peirao, que alterou o sistema de correntes mariñas, unha hipótese que comparte o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente nun informe.
Advírtese de que estas obras serían moi prexudiciais para a ría, pois a area do recheo sairía do dragado do fondo mariño
Ademais, advírtese de que estas obras serían moi prexudiciais para a ría, pois a area do recheo sairía do dragado do fondo mariño. Ministerio e Concello aseguran que as actuacións realizaranse en zonas nas que os bancos marisqueiros non se vexan afectados, pero os devanditos colectivos denunciantes lembran que estas obras non pasaron polo necesario procedemento ordinario de avaliación ambiental, obrigatorio ao tratarse dun espazo protexido. Por ese motivo, hai uns días presentaron unha denuncia ante o Seprona por un presunto delito contra o Medio Ambiente e coa acusación de incorrer en prevaricación.
Ademais, os colectivos denunciantes, xunto co PSdeG-PSOE e a Asociación de Veciños Piñeiro, solicitaron hai semanas a celebración dun pleno no Concello para debater a conveniencia e legalidade das obras, pois acusan ao alcalde de buscar unicamente unha solución parcial para mellorar o aspecto da praia de cara ao verán.
Nunha concentración convocada hai uns días e na que medio cento de veciños e veciñas protestaron na praia sinalaron que "as políticas do século pasado non serven para o noso presente" e que "aos ideais ecolóxicos hai que sumarlle novos valores alicerzados na eficiencia no uso de recursos, na responsabilidade coas persoas e a sociedade, no equilibrio co natureza e na independencia das institucións públicas respecto dos poderes económicos". Esixen a realización de traballos de avaliación ambiental e un estudo integral da situación de toda a ría, no canto de seguir "tirando cartos públicos ao mar" e realizando "parches". Lembran, ademais, que estas obras se complementan con outra actuación, aínda máis cara (máis de medio millóns de euros), que busca o encanamento da parte final do río Condomiñas, e que tamén afecta a este espazo mariño protexido.