A Irmandade Xurídica Galega celebra o vindeiro 24 de maio en Ourense a súa sétima asemblea. Constituída o 21 de xuño 2008 logo dun acto en Celanova, aglutina xuristas (entre maxistrados, xuíces, fiscais e avogados) e funcionarios xudiciais. Unhas 150 persoas na actualidade, todas elas partidarios e defensores do uso da lingua galega na súa actividade profesional e continuadores dunha tradición que comezaran Sebastián Martínez Risco, Roberto González Pastoriza, Ramón Carballal Pernas, Valentín Paz Andrade, Lois Peña Novo ou Arturo Noguerol. Un dos seus socios fundadores, o fiscal da Audiencia de Pontevedra Benito Montero, fai agora balance e analiza tamén a situación do galego, tanto na Xustiza como a nivel global.
Como se creou e que balance fai do traballo da Irmandade Xurídica Galega?
A Irmandade Xurídica Galega (IXG) naceu hai seis anos co impulso de catro ou cinco fundadores. Algúns que levabamos tempo facendo o noso traballo na administración de Xustiza en galego decidimos que sería bo facer algo para apoiar outros compañeiros que quixeran seguir o mesmo camiño. Fomos incrementando ano a ano a xente que se sumou e que prometeu levar a cabo o seu labor profesional en galego e uníronse xuíces, fiscais, notarios, procuradores, rexistradores... O crecemento foi exponencial e xa somos sobre 150 tendo en conta as últimas incorporacións que se confirmarán nos vindeiros días.
"Queda moito por facer para normalizar o galego no ámbito da Xustiza"
Queda moito por facer polo galego na Xustiza?
Queda moito por facer, claro que si. Póñolle só varios exemplos: se hai uns vinte xuíces en Pontevedra, só hai un que sempre use o galego e algún outro que o emprega de vez en cando; se hai 50 fiscais na provincia, tan só catro ou cinco facemos o noso traballo na lingua propia. Logo, hai moitos funcionarios aos que lle gustaría facer todo en galego, pero a Xunta non ten aínda un programa informático no noso idioma. Levamos anos pedíndoo, pero temos moi pouco apoio institucional para que o galego poida ser elixido como idioma para facer o noso labor a través deste programa informático.
Pero póñense atrancos para poder empregar o galego na Xustiza?
Non hai problema ningún por utilizalo, o problema vén cando operas cun sistema informático que non cho permite ou que cho pon moi complicado. Sen haber impedimento legal ningún, si que o hai físico e institucional por non termos as ferramentas axeitadas.
"Sabemos que a normalización do galego no ámbito xudicial é moi lento, pero temos fe e ilusión porque defendemos algo normal"
De todos os xeitos, as resolucións xudiciais en galego no país seguen a ser minoritarias e non adoitan superar o 5%...
A cifra é baixa, moi baixa, pero teñamos en conta que hai anos non había ningunha. Cando eu empecei na profesión, nin unha soa palabra no ámbito da Xustiza se escribía en galego. Agora hai pouco, pero antes non había nada. A Irmandade Xurídica quere promocionar que cada vez máis xente se sume a nós e faga o seu traballo na lingua galega. Sabemos que o proceso é moi lento, pero temos fe e ilusión porque estamos loitando por unha cousa tan normal como normalizar o uso da lingua.
Hai funcionarios do ámbito xudicial que, malia usar acotío o galego, opten polo castelán por comodidade?
É certo que iso tamén pasa. Hai moita xente que é interrogada en galego, pero logo as transcricións esbríbense en castelán. Porque é máis fácil para ese funcionario, porque estudou a carreira en castelán, porque fixo as prácticas xurídicas tamén en castelán, polo programa informático... Élle moito máis cómodo e por iso o fan, pero tamén é verdade que hai moitos avogados que o fan absolutamente todo en galego. Logo hai a quen non lle importa, e mesmo prefire, empregar o galego pero a comodidade lévao a utilizar o castelán. Tamén hai quen é totalmente contrario á utiliziación da lingua galega porque cre que o castelán debe ser o único que se empregue, pero son unha minoría, unha mínima parte.
E hai algún problema para que a xente se exprese en galego nos xuízos?
Ningún, non hai problema ningún. Pode haber algún caso illado dalgún xuíz que, sendo de fóra, poña algunha pega ou pida que se exprese en castelán porque non o entende ben, pero é algo moi minoritario porque hoxe en día os xuíces saben que cadaquén pode expresarse no idioma cooficial que queira. Se non o permitise, estaría incorrendo nun delicto. A ningún se lle ocorre facer iso e, de feito, hai moitos que fan o esforzo por usar o galego e que incluso agradecen que se lles fale na lingua de aquí.
"A normalización non chegará sen un forte apoio institucional e sen a ilusión da Xunta, e a Xunta non ten ilusión por normalizar o galego, senón todo o contrario"
O galego non está normalizado na Xustiza, pero non é un problema que se encadra nunha problemática global?
Se un vai a unhas oficinas da Xunta comproba que alí a xente se expresa maioritariamente en castelán e só a insistencia dun mesmo permite que se dirixan a ti en gaelgo. Na educación pasa máis ou menos o mesmo. A normalización, sen un apoio institucional firme e forte, non é capaz de imporse. Ten que haber ilusión por parte do Goberno galego por normalizar o idioma propio e aquí non a hai, senón todo o contrario. Se poden reducir a presenza da lingua, redúcena. Parece que mesturan as cousas co nacionalismo, que entenden que canto máis galego se fale máis nacionalismo haberá... Pensarán iso, se cadra, pero ilusión por normalizar non a hai.
"É difícil ser optimista co futuro do galego cando os medios, a educación ou o cinema son maioritariamente en castelán e non hai vontade política por cambialo"
É optimista de cara ao futuro do galego?
É difícil ser optimista porque parece ser que na educación cada vez é menos obrigatorio e a formación dos rapaces é maioritariamente en castelán. Ademais, case todos os medios que coñecemos, agás a Radio Galega e a TVG, son en castelán. O cinema e todo co que nos bombardean, tamén é en castelán... É moi difícil que a xente teña o coñecemento que se debe ter do galego. A isto úneselle a falta de vontade política e, no ámbito da miña profesión, o feito de que as carreiras e as oposicións tampouco sexan en galego. Só a xente con grande ilusión por normalizar o galego dá o salto á normalización cando todo está en contra. Hai que ser sempre optimista, pero o futuro non sabemos o que deparará. Houbo linguas minorizadas que morreron e outras que se converteron en maioritarias. O que vai suceder non o sabemos, pero ilusión hai que ter e os que a temos morreremos loitando pola normalización da nosa lingua en todos os ámbitos.