"Volveríao facer; os bombeiros non estamos para botar xente das súas casas"

Roberto Rivas, terceiro pola esquerda, ante os xulgados CC-BY-SA M. Pereira

Aparcou a súa bicicleta fronte ás catro grilleiras da policía que vixiaban a concentración e recibiu os aplausos e vítores do máis dun cento de persoas que se concentraron ante os xulgados. Así chegou Roberto Rivas, o bombeiro que hai ano e medio se negou a colaborar no desafiuzamento da anciá Aurelia Rey na Coruña, á vista na que compareceu este xoves tras presentar un recurso á multa de 600 euros que a Subdelegación do Goberno lle puxo por "alteración da orde pública" logo de amosar un cartel de Stop Desafiuzamentos e tras negarse a cortar a cadea que impedía a entrada dos funcionarios xudiciais á casa da muller.

    Máis dun cento de persoas apoiaron o bombeiro multado por negarse a colaborar no desafiuzamento de Aurelia Rey

Rodeado de compañeiros cos seus cascos, membros de Stop Desahucios, veciños e familiares, Roberto Rivas atendeu aos numerosos medios alí convocados para asegurar que "volvería facer" o que fixo porque, segundo di, negarse a colaborar no desafiuzamento, ocultarse co casco e lucir un cartel de Stop Desafiuzamentos -motivos que argumenta a Subdelegación do Goberno para a multa- "non é ilegalidade ningunha".

Roberto Rivas, que falou este xoves por primeira vez ante os medios, aclarou que non quixo "aproveitar o tirón mediático" para non quitarlle o protagonismo á xente que loita polos dereitos da xente. "Non foi algo premeditado", asegurou, senón a resposta ao seu convencemento: "Os bombeiros non debemos realizar este tipo de servizos; accedimos ao traballo para facer uns determinados labores, pero entre eles non está botar a xente das súas casas", engadiu, tras advertir de que "asumiría" as consecuencias de non facer o que lle ordenou a policía. "Aceptaría as consecuencias, alegaría obxección de conciencia ou deixaría o traballo porque eu non me metín nisto para botar persoas da casa", insistiu.

Roberto Rivas denunciou á Subdelegación pola sanción que lle foi imposta e compareceu hoxe ante o xuíz xunto a seis testemuñas, entre eles axentes de policía e xornalistas.

"Collín o cartel para visibilizar con contundencia esa idea", insistiu Rivas, que aclarou tamén que a decisión de poñer o casco para ocultar o seu rostro non foi máis que para amosar que eran "todos os bombeiros" os que se opoñían a colaborar nos desafiuzamentos. Sancionado por "alterar as masas e incitar á violencia", como el mesmo detalla que lle indicaron no xulgado, o bombeiro considera que a súa multa o que intenta é situar como "ilegal" a defensa dos dereitos sociais.

    "A desobediencia civil é unha forma máis de combater a violencia legal na que vivimos", di o Roberto Rivas

"A desobediencia civil é unha forma máis de combater a violencia legal na que vivimos", asegurou con firmeza, tras insistir en que "hai leis que si que incitan a violencia". "Sanciónanme por defender principios e valores", engadiu quen aclara que non foi expedientado polo Concello. A sanción é unha máis das que a Subdelegación do Goberno impuxo tras aquela xoranda do 18 de febreiro de 2013. O voceiro parlamentario do BNG, os portavoces municipais do Bloque e de Esquerda Unida, o secretario comarcal da CIG tamén foron expedientados, aínda que por razóns diferentes.

Com lembra Stop Desafiuzamentos, e segundo datos do Ministerio de Interior, Galicia é a terceira comunidade con máis expedientes administrativos abertos, un total de 110, e xa foron impostas multas de máis de 35.000 euros no país por participar en diferentes protestas.

"Non teño medo ningún; o peor que me podía pasar era perder o meu traballo, pero o meu traballo non é botar a xente das súas casas", insistiu Rivas, que cualificou de "falsos" os atestados policiais que foron presentados como probas xudiciais e que, segundo di, omitiron partes do que aconteceu na rúa Padre Feijóo. "Non cometín delito ningún", dixo tamén o bombeiro que agradeceu a "solidariedade" da xente, visualizada nas 104.000 sinaturas de apoio que xuntou na plataforma Change.org.

    "Non teño medo ningún; o peor que me podía pasar era perder o meu traballo", asegura o bombeiro

O xesto de Roberto Rivas hai ano e medio provocou reaccións non só en parques de bombeiros como os de Alicante, Madrid, Valencia, Murcia, La Rioja, Asturias, Valladolid, Andalucía, Catalunya ou Canarias,  senón tamén noutros colectivos profesionais ao longo de todo o Estado, como cerraxeiros e xuristas.

O voceiro do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril; a concelleira socialista Yoya Neira; o portavoz nacionalista no Parlamento, Francisco Jorquera; e a viceportavoz de AGE na Cámara, Yolanda Díaz, estiveron presentes nunha concentración na que os asistentes berraron consignas como "nin xente sen casa nin casa sen xente", "ti madeiro aprende do bombeiro" ou "non pode ser, bombeiros no xulgado e corruptos no poder".

HABERÁ AMPLIACIÓN

Roberto Rivas, terceiro pola esquerda, ante os xulgados CC-BY-SA M. Pereira
Bombeiros apoian o seu compañeiro Roberto Rivas Dominio Público @gzcontrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.