As 'mareas' cidadás galegas buscan xa un espazo de encontro

Xuntanza da Marea Atlántica na Coruña © Marea Atlántica

As mareas cidadás parecen destinadas a entenderse. Así llo parece cando menos á Marea Atlántica da Coruña, proceso pioneiro en Galicia no intento da confluencia política de base cidadá, que vén de "emprazar" a "aquelas iniciativas cidadás e populares" que se "recoñezan" e compartan os elementos comúns a crear "un espazo de encontro e diálogo onde intercambiar obxectivos e experiencias".

A Marea Atlántica chama a crear "un espazo de encontro e diálogo onde intercambiar obxectivos e experiencias"

Porque desde que o pasado mes de xullo agromou o proceso na Coruña, moitos outros foron aparecendo tanto nas cidades galegas -desde a base cidadá ou impulsadas por forzas políticas a favor da confluencia- como en vilas e diversas localidades seguindo o ronsel do manifesto Somos Maioría. Comparten boa parte do seu ideario e obxectivos, pero a súa coordinación é aínda escasa ante o carácter municipalista e de ámbito local das distintas iniciativas.

"Somos conscientes de que unha das posibilidades abertas ao 'sumarnos á rebelión democrática que vén' dende a bisbarra da Coruña é que, como está a acontecer, persoas doutros lugares do país, sensibles ante o tempo político que vivimos e interpeladas pola proposta, inicien, atendendo as singularidades de cada vila, concello ou cidade, o camiño para construír fórmulas que, baixo a fórmula da marea cidadá ou non, busquen a confluencia da cidadanía e as organizacións sociais e políticas", advirte a Marea Atlántica nun comunicado, no que di "celebrar" e observar "con optimismo a aparición destes procesos no país.

O proceso iniciado na Coruña aclara que non ten "vocación ningunha de tutelaxe nin validación", senón o obxectivo de buscar "sinerxías"

Así, e ante esta proliferación, a Marea Atlántica manifesta a súa vocación de "cooperar e colaborar", pero sen "vocación ningunha de tutelaxe nin de validación". A idea é buscar "sinerxías" con aquelas iniciativas que compartan os seus principios. Xa que logo, con aquelas iniciativas "que entendan a democratización, o protagonismo social, a confluencia e a vontade expresa de devolverlle o poder municipal á cidadanía como elementos nucleares do seu proceso". Todo, tal e como aclaran, baixo a premisa de que os procesos "teñan un marcado carácter cidadán" e que sexan "proceso de confluencia por abaixo". En definitiva, como insisten, a cooperación con proxectos que "estean atentos a desenvolver protocolos que eviten a monopolización e a tutela de organizacións políticas, e que comprendan que o compromiso ético que queremos trasladar ás institucións fundaméntase en mecanismos de transparencia abertos á cidadanía".

Nesa demanda irrenunciable da base cidadá e da ausencia de tutelaxe das organizacións políticas baséase un ofrecemento no que coinciden a maioría das iniciativas xurdidas nas diferentes cidades galegas, aínda que algunha delas fose impulsada desde algúns partidos co compromiso de se diluír dentro das mareas.

A chamada súmase á feita por Somos Maioría, que ve nas 'mareas' iniciativas "compatibles" e "partes dun mesmo proceso"

Esta chamada da Marea Atlántica súmase á feita por Somos Maioría, que procura tamén cooperación e posta en común de obxectivos coas diversas iniciativas que ao seu abeiro xurdiron en diferentes vilas e comarcas do país. O vindeiro domingo os impulsores destes diferentes procesos reuniranse en Compostela nunha "xuntanza nacional", logo de que os voceiros da plataforma deixasen xa claro que as diferentes mareas "son compatibles e partes dun mesmo proceso" e que non pretenden "solapar" ningunha delas, senón todo o contrario.

O obxectivo desta reunión de Somos Maioría é, como aclara nun comunicado, "promover e alentar e candidaturas cidadáns plurais a partir do protagonismo directo da cidadanía, coa procura da harmonía de principios comúns e programas concretos, a nivel local e galego".

"Parécenos primordial que sexan procesos que recollan o valioso de experiencias municipais que demostrasen estar contra a destrución do público e pola transformación e mellora efectiva da vida dos cidadáns", aclara a marea coruñesa, que aposta por que estes procesos "teñan no seu horizonte organizativo a construción de ecosistemas inclusivos para todos aqueles actores políticos e sociais que se sitúan nitidamente á marxe das políticas de recortes e da austeridade". Para conseguilo, apelan ao "diálogo" que axude a construír "unha atmosfera de comodidade e cooperación"

Xuntanza da Marea Atlántica na Coruña © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.