Hai unha semana, o xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Vigo, que hai uns días deulle a razón á Asociación pola Memoria Histórica do 36, e condenou o goberno local da cidade a proceder "de maneira inmediata" a derrubar a Cruz do Castro por ser "unha humillación para os vencidos" e que incumpre a Lei de Memoria Histórica de 2007. A cruz foi construída en 1961 para homenaxear os caídos do bando franquista, os mesmos que se alzaron contra a legalidade republicana.
"Eu non quero unir a meu pai con eses tipos. Eu o que quero é que se recoñeza o asasinato de meu pai e o meu tío, e de miles de persoas máis, uns paseados e outros con xuízo sumario"
O alcalde da cidade, Abel Caballero, anunciou que o Concello recorrerá a sentenza ante o TSXG, aínda que de momento non fixo efectivo tal recurso (ten de prazo até o día 25). O presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, Telmo Comesaña, pon en dúbida que chegue a presentalo e cre que Caballero estaría mesmo utilizando esta nova polémica como "cortina de fume" ante outros problemas internos do seu goberno (en referencia á recente imputación do concelleiro socialista Ángel Rivas, acusado de aproveitarse de obras municipais a través de subcontratas).
A entidade que preside Telmo Comesaña leva anos traballando para acadar a desaparición deste símbolo franquista, unha enorme cruz visible dende unha parte importante da cidade, e rexeita os argumento defendido dende o Concello: que o monumento perdeu en 1981 a súa significación franquista, pois un acordo municipal o converteu nunha homenaxe "a todos os caídos". O pai e o tío de Telmo Comesaña, militantes do PSOE en 1936, foron asasinados polos franquistas. "Non se pode xuntar vítimas e verdugos, hai que respectar as vítimas, persoas que foron asasinadas por pensar diferente. Eu non quero unir a meu pai con eses tipos. Eu o que quero é que se recoñeza o asasinato de meu pai e o meu tío, e de miles de persoas máis, uns paseados e outros con xuízo sumario", afirma.
"Non hai ninguén tan sereo e tan tranquilo coma os vellos. Estamos tranquilos porque detrás vén a xente nova: os netos e as netas que aínda non acaban de entender por que mataron os seus avós e bisavós"
Comesaña cre que Caballero "fixo un ridículo espantoso" na súa aparición televisiva en La Sexta (onde afirmou que en Vigo non había símbolo franquista ningún). "Mentiu, arrastrou a Vigo polo chan, un ridículo afectou á cidade", di. Cita a Declaración Universal de Dereitos Humanos e os artigos da Constitución que chaman a defender a dignidade da persoa e o respecto aos tratados internacionais e salienta que "ningún alcalde pode estar por riba desas normas".
Dende a Asociación, afírmase que "queremos traballar con serenidade, desmentir todo o que dixo. Imos seguir sen presa pero sen pausa, non imos ceder". Comesaña salienta que "dende sempre vimos sufrindo ofensas, aldraxes, insultos" e lembra que "pasamos 40 anos de ditadura, e despois outros 30 anos nos que o PP e o PSOE se encargaron de silenciar todo o que pasou. Do PP podes entendelo, porque proceden do fango do franquismo, pero do PSOE non, porque o Partido Socialista foi o que sufriu máis vítimas". Así mesmo, indica que se dirixirán "a Gómez Besteiro e a Pedro Sánchez para que aclaren a situación".
Mesmo no caso de que finalmente o Concello de Vigo recorra a sentenza, Comesaña amósase confiado no derrube do monumento: "Se recorren, que recorran, o final tardará dous anos máis, como moito", di. "Non hai ninguén tan sereo e tan tranquilo coma os vellos. Estamos tranquilos porque detrás vén a xente nova: os netos e as netas que aínda non acaban de entender por que mataron os seus avós e bisavós", conclúe.
A Coruña
A CRMH está preparando unha querela xudicial para obrigar o Concello a cumprir a lei
Na Coruña, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) leva anos denunciando a pervivencia dun número moi importante de rúas dedicadas a persoas ou feitos ligados á ditadura franquista, incumprindo non só a Lei de Memoria Histórica, senón tamén un acordo aprobado polo pleno municipal. A entidade sinalou de novo este verán que o Goberno municipal presidido por Carlos Negreira "segue empeñado en manter a homenaxe e recoñecemento social á ditadura franquista". En setembro de 2009 o pleno municipal, co voto a favor do PSOE e BNG e a abstención do PP, obrigou a eliminación de 52 símbolos franquistas, entre eles o nome de 23 rúas, ademais de 4 placas en grupos de vivendas, 21 distincións honoríficas e outros 4 monumentos.
"Non podemos soportar nin un día máis que as nosas rúas rindan homenaxe a significados golpistas como o xeneral Mola, xeneral Sanjurjo, tenente xeral Gómez Zamalloa, tenente coronel Teijeiro e Comandante Barja", sinala Rubén Afonso Lobato, presidente da asociación, que adianta que a entidade está preparando unha querela xudicial para obrigar o Concello a cumprir a lei. Os avogados da asociación xa traballana na demanda, que se presentará nos vindeiros meses. "Os acordos municipais son para cumprilos e a lexislación é para cumprila" -di- "só pedimos que o PP cumpra os acordos aprobados polo pleno".
"Estamos falando de golpistas, estamos falando da tortura, do xenocidio. Isto é impresentable"
Lobato lembra igualmente que "o goberno municipal non atende a petición de veciños dalgunhas rúas, que xa dirixiron escritos ao concello para a retirada da simboloxía franquista". Por exemplo, veciños e veciñas das rúas Teniente General Gómez Zamalloa e Praza del General Mola, solicitaron por escrito a recuperación dos nomes tradicionais desas rúas: Costa da Unión e Fonte de San Andrés. E conclúe que "manter hoxe a simboloxía franquista non só é un acto antidemocrático, senón unha ofensa á memoria das 600 persoas que na comarca da Coruña foron asasinadas pola ditadura franquista". "Estamos falando de golpistas, estamos falando da tortura, do xenocidio" -conclúe- "isto é impresentable".
Pontevedra
Tamén se fala de simboloxía franquista estes días en Pontevedra. Recentemente o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, anunciou que o Concello retirará un escudo preconstitucional da fachada do colexio público Manuel Vidal Portela. O anuncio mesmo contou co apoio do Partido Popular; o concelleiro César Abal mostrou o seu respecto á Lei de Memoria Histórica e afirmou que "se é un símbolo franquista, hai que retiralo".
Pola contra, a Asociación Cultural A Revira cualificou o anuncio de "hipocrisía", criticando que o Concello non adopte a mesma decisión cos restantes elementos simbólicos ilegais existentes na cidade. En 2012 A Revira xa demandara publicamente a retirada de todos os elementos franquistas que persisten, entres eles varias placas da Delegación Nacional de Sindicatos e un escudo franquista co lema Una Grande Libre na rúa Michelena.
Lugo
A proposta de darlle o nome de Fraga a unha rúa contou co total rexeitamento do BNG e coas dúbidas dalgúns sectores do PSOE
A cidade lucense aínda mantén aberto o debate sobre a nomenclatura do seu rueiro. En novembro de 2012 o goberno municipal lucense, daquela aínda conformado por PSdeG e BNG, iniciou o procedemento para renomear oito rúas da cidade que aínda estaban dedicadas a distintos persoeiros relacionados coa ditadura franquista, cumprindo así co fixado na lei de memoria histórica. Entre eles, o Xeneral Tella, Carlos Azcárraga, José Cedrón del Valle, o Teniente Coronel Teijeiro, os irmáns Pedrosa, Julio Ruiz de Alda, o Comandante Manso e Ramón Ferreiro.
O proceso tivo nos últimos meses algúns episodios de conflito, relacionados con algunha das propostas para bautizar de novo estas vías e prazas. Sobre todo pola relación coa ditadura franquista dalgúns dos nomes suxeridos, sobre todo, o de Manuel Fraga. A proposta de darlle o nome de Fraga a unha rúa contou co total rexeitamento do BNG e coas dúbidas dalgúns sectores do PSOE. Porén, o secretario municipal avalou nun informe a legalidade da asignación dunha rúa a Manuel Fraga. E tamén o fixo cunha das denominacións preexistentes, a de Ramón Ferreiro, que polo tanto podería manter a avenida á que dá nome dende hai décadas. Ferreiro foi militante falanxista, un camisa vieja que foi Gobernador Civil e Xefe Provincial do Movemento da provincia de Lugo en 1939.
Outras localidades
En Nigrán o BNG reclamou a retirada dunha placa de mármore destinada a lembrar a José Primo de Rivera e aos “caídos do bando vencedor”
Son moitos os concellos galegos, cidades, vilas e localidades máis pequenas, que manteñen intactos elementos simbólicos, físicos ou nas denominacións das súas rúas e espazos públicos, con ligazóns á ditadura franquista. En Nigrán, por exemplo, o BNG reclamou a retirada dunha placa de mármore “carente de calquera simboloxía relixiosa” e destinada a lembrar a José Primo de Rivera e aos “caídos do bando vencedor”, situada no Templo Votivo do Mar en Panxón, segundo publicou Valminor.info.
En Ferrol, a pesar de que foron retirados os obxectos e elementos máis rechamantes (comezando pola coñecida estatuta ecuestre do ditador, ou a cruz que dominaba a praza de Amboaxe ou os escudos franquistas presentes na Casa do Concello e na Biblioteca), mantéñense aínda algúns nomes de rúas ilegais no trazado do Arsenal, así como un escudo no antigo edificio da alfándega.