A Coruña volverá saír á rúa contra as touradas "e contra a 'tauromafia"

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

A Coruña sairá á rúa contra "a pervivencia das touradas subsidiadas". Logo do éxito da última convocatoria contra a celebración deste polémico espectáculo na cidade, a plataforma Galicia Mellor sen Touradas (GMST) volve convocar a cidadanía a unha marcha que se celebrará ás 12 do mediodía do vindeiro domingo 5 de outubro, coincidindo coa última xornada da feira taurina que, agás sorpresa, mañá martes anunciará o Concello tras desvelar o nome da única que empresa que se presentou ao concurso.

Galicia Mellor sen Touradas convoca a cidadanía "contra a pervivencia das touradas subsidiadas"

Farao despois de fracasar no seu intento de que se celebrase a feira no mes de agosto, como viña sendo habitual nos últimos anos. Malia que nun principio todo parecía indicar que ningunha empresa se presentara ao concurso, como ocorrera no verán, será o empresario Tomás Entero, de Tauro Siglo XXI, quen asumirá o evento, tal e como el mesmo recoñece nunha entrevista. A presión do lobby taurino -con ofrecementos de toureiros a torear gratis para "salvar a festa nacional"- e as facilidades do Concello da Coruña ao espectáculo permiten "a pervivencia" delas na cidade, tal e como denuncia GMST.

"O Concello promove unha licitación reducida e dispensará un mínimo de 100.000 euros á feira en cada edición"

"O goberno municipal promove unha licitación de formato reducido da feira taurina e dispensará un mínimo 100.000 euros das arcas públicas por cada edición", lembra o voceiro, Rubén Pérez, que resumiu a "necesidade de protesta" no marco dunha "conciencia cívica maioritaria contra a tauromafia", un entramado que, segundo aclara, na cidade "enguliu 600.000 euros dende 2011 e que supuxo dúas sentenzas do TSXG por unha concesión irregular e deficiencias de seguridade do propio Coliseum.

GMST insiste en cuestionar a "pervivencia" das touradas "nunha cidade onde o 75,5% das coruñesas e coruñeses rexeitan os subsidios a esta actividade de violencia cos animais", tal e como demostran as últimas enquisas, e onde a afluencia de público é cada vez menor e case irrisorio de non terse en contas as invitacións.

O Concello da Coruña, tras o fracaso de agosto, licitou de novo o concurso nun intento de atraer algunha oferta, rebaixou nun 60% (de 2.500 a 1.000 euros) o que a empresa beneficiaria debería abonar en concepto de canon polo uso do recinto municipal e fixou a posibilidade de que, ademais da corrida de outubro, a empresa adxudicataria puidese organizar a feira taurina durante os dous vindeiros anos, nos meses de xullo e agosto, nun contrato que mesmo se podería prorrogar outros dous anos.

Ademais, para facilitar o interese das empresas xestoras de espectáculos taurinos, reducira este ano (na primeira licitación, que quedou deserta) as dimensións da feira, que se celebraría unicamente en dous días (no canto de tres). De igual xeito, prometeu seguir subvencionando parcialmente a súa celebración, achegando con cartos públicos o aluguer do Coliseum, o custo da montaxe da praza de touros, e tamén cedendo de balde as actuacións da banda de música municipal. En total, esta subvención pública indirecta suma uns 95.000 euros, unha cantidade case tan alta coma os 104.000 euros recadados o pasado ano por Eventauro a través da venda de entradas, da que se exclúen, obviamente, o elevado alto de invitacións que disimulan a escasa afluencia de público.

LIbera e Franz Weber colaborarán nunha campaña "multimedia" para difundir a convocatoria da manifestación

A manifestación terá lugar o domingo, 5 de Outubro, ás 12 horas, con saída dende o Obelisco e finalizando na praza de María Pita, espazo onde se atopa o "centro orixinal" da Coruña e praza do pazo do goberno local. A Asociación Animalista Libera e a Fondation Franz Weber sumarán, por segundo ano consecutivo, como organizacións convocantes e traballarán con GMST nos pasos previos dunha campaña "multimedia" que inclúe a difusión da manifestación en radio, coa producción dun anuncio que conta coa música de Susana Seivane, en prensa escrita, publicidade en redes sociais e os xa máis clásicos carteis verdes que inundaron a cidade o pasado ano.

Rubén Pérez tamén lembrou como "con cada céntimo que o Partido Popular está a subsidiar a supervivencia da tauromaquia na cidade dende comezos da lexislatura poderíanse financiar 60.000 horas do servizo de atención domiciliaria de persoas dependentes, ter contratado unha trintena de traballadores sociais ou manter abertas catro escolas infantís municipais durante un ano".

Touradas no Coliseum da Coruña no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.