O Comité de Expertos do Consello de Europa visitará Galicia este luns para avaliar a política lingüística

Fernando Ramallo, profesor da UVigo © Universidade de Vigo

O comité de expertos sobre linguas rexionais e minoritarias é un organismo dependente do Consello de Europa encargado de velar polo cumprimento, en cada un dos Estados da UE, dos compromisos adquiridos por cada país en relación coa Carta Europea das Linguas Minoritarias, que entrou en vigor en 1998. Ao Comité vén de incorporarse o profesor do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo Fernando Ramallo, primeiro galego e terceiro español en desempeñar este cargo, que con anterioridade desempeñaron os profesores Alberto López e Alberto Pérez, da Universidad del País Vasco e da Universidad de Navarra, respectivamente.

Ramallo destaca que “formar parte deste Comité supón traballar a prol da dignificación, do recoñecemento social e dos dereitos da linguas minoritarias e tamén é unha sorte de compromiso coas minorías lingüísticas de Europa, entendidas como minorías sociais que precisan políticas públicas que contribúan á súa fortaleza socioeconómica, educativa e cultural”. En canto á Carta en si, salienta o seu valor e utilidade para acadar melloras lexislativas para moitas linguas e comunidades, pero sinálalle algunhas eivas necesitadas dalgunha actualización: "a Carta é de 1998, e dela está ausentes por exemplo, todo o relativo aos medios de comunicación dixitais, ou á linguaxe de signos".

O nomeamento produciuse en decembro do ano pasado, sendo Ramallo elixido entre outras varias propostas, e ao profesor da Universidade de Vigo foille notificado a pasada primavera. Dende entón xa participou en dúas xuntanzas do comité (reúnese tres veces ao ano, durante catro días en Estrasburgo) e a vindeira semana Ramallo formará parte do grupo que durante cinco días examinará o grao de cumprimento da Carta a cargo do Estado Español, e que se entrevistará con autoridades e tamén con entidades e ongs interesadas en informar sobre o grao de cumprimento dos dereitos lingüísticos.

A visita comezará o luns en Compostela, e continuará o martes en Bilbao, o mércores en Barcelona, o xoves en Palma e o venres en Madrid

A visita comezará o luns en Compostela, e continuará o martes en Bilbao, o mércores en Barcelona, o xoves en Palma e o venres en Madrid. En maio foi publicado na web do Consello de Europa o cuarto informe sobre o cumprimento da Carta remitido polo Goberno español, que abrangue o período 2010-2013. Recolle a visión do Executivo da situación das linguas e das políticas lingüísticas en cada un dos territorios do Estado con idioma propio. E tamén unha explicación de como se atenderon algunhas das cuestións propostas no informe do Comité de Expertos respecto do anterior ciclo de seguimento.

A partir do informe inicial remitido por España, e coa información obtida nestas entrevistas e visitas in situ, o grupo de traballo elaborará un informe preliminar que posteriormente será debatido polo grupo de expertos no seu conxunto. Cando se aprobe, probablemente a final de ano, enviaráselle ao Consello de Europa, que llo remitirá ao Goberno español. Nese momento coñeceremos a valoración que os expertos fan do nivel de cumprimento tanto da lei coma das súas recomendacións pasadas, presentes en informes precedentes, o máis recente moi crítico coa política lingüística da Xunta.

A partir do informe inicial remitido por España, e coa información obtida nestas entrevistas e visitas in situ, o grupo de traballo elaborará un informe preliminar que posteriormente será debatido polo grupo de expertos no seu conxunto

O informe, iso si, non é vinculante, limitándose o Comité de Expertos a facer recomendacións para que o Estado modifique a súa lexislación ou as súas políticas, sen capacidade ningunha de sanción. A Carta, flexible, pódese asumir en maior ou menor medida e España asinou o nivel máis alto de compromisos. Moitas das recomendacións do Comité diríxense máis ás políticas concretas impulsadas dende as administracións que a cambios lexislativos, aínda que o profesor Ramallo salienta un aspecto relativo á administración de xustiza que xa foi sinalado nalgunha ocasión e que de seguro volverá ser lembrado este ano. Na Carta, España asinou o compromiso de que “no caso de que algunha das partes o solicite", un xuízo "realizarase en lingua minoritaria”. Porén, o artigo 231 da Lei Orgánica 6/1985, do Poder Xudicial prevé só que se “poderán usar tamén a lingua oficial propia da Comunidade Autónoma, se ningunha das partes se opuxese”. "É unha pequena pero importante diferenza", di Ramallo.

 

Informe crítico

O informe criticaba con dureza a política lingüística da Xunta, ao destacar a escasa protección do galego en numerosos ámbitos e ao criticar a situación na que o criticado decreto do plurilingüismo deixa a lingua propia do país no ensino

En outubro de 2012 o Comité de Ministros do Consello de Europa aprobou as recomendacións a España con motivo do terceiro ciclo de seguimento do cumprimento da Carta. Mentres o documento cualificaba de "exemplar" a protección e promoción do catalán e do éuscaro por parte das administracións, no caso do galego, o comité expresaba a súa preocupación "pola redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio". O informe criticaba con dureza a política lingüística da Xunta, ao destacar a escasa protección do galego en numerosos ámbitos e ao criticar a situación na que o criticado decreto do plurilingüismo deixa a lingua propia do país no ensino. Tamén acusaba ao Goberno galego de "non colaborar" co comité de expertos.

O informe, malia non ser vinculante, non gustou no Goberno galego, que o pasado verán sinalou no Parlamento a través da Consellaría de Educación que "é rotundamente incerto afirmar que a Xunta non colaborou co Comité de Expertos", afirmando tamén que "nese documento non existe ningunha recomendación específica relativa ao sector educativo".

Fernando Ramallo, profesor da UVigo © Universidade de Vigo
Reunión do comité de expertos sobre linguas rexionais e minoritarias © Consello de Europa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.