Chegar a Lugo ás oito da mañá (tendo en conta que os e as pacientes poden vir de calquera punto da provincia lucense), subir a unha ambulancia compartida con outra media ducia de enfermos e enfermas, viaxar ao hospital de referencia doutra provincia para recibir un tratamento de 15 minutos. Agardar ao redor de dúas horas até que todos os desprazados e desprazadas dende Lugo rematen os seus tratamentos, para regresar a Lugo e dende aí aos seus concellos de orixe. E así unha e outra vez.
Este é o percorrido que os e as lucenses enfermas de cancro deben realizar para recibir o tratamento de radioterapia, lembra a plataforma cidadá que reclama o prometido servizo de hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear para o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). E iso a pesar de que dende a mesa inauguración do Hospital, o 26 de febreiro de 2011, o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo prometeu que o centro contaría con estes servizos.
Pasaron xa tres anos e medio, numerosas e moi diferentes mobilizacións, e mesmo unha ILP que pide o mesmo que prometeu Feijóo en 2011. Porén, esta mesma ILP atópase paralizada a efectos prácticos no Parlamento, despois de que o PP introducise emendas que dilúen os compromisos fixados na ILP e dilatan o seu cumprimento ata o ano 2016.
A plataforma vai convidar este mesmo xoves un total de 18 políticos e políticas galegas, de distintos partidos, para que realicen a "ruta do cancro"
Por este motivo, e seguindo coa súa campaña de mobilización e concienciación, a plataforma vai convidar este mesmo xoves un total de 18 políticos e políticas galegas, de distintos partidos, para que realicen a "ruta do cancro", acompañando ao longo de todo un día a pacientes no percorrido que deben facer para seren atendidos noutras provincias. "Hai casos nos que o paciente, ademais de compartir o seu problema co dos seus seis acompañantes, ten unha viaxe de máis de 12 horas", destaca a plataforma, "unha peregrinaxe inadmisible en pleno século XXI".
A plataforma vai convidar, en concreto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera e a catro altos cargos do SERGAS. Tamén aos deputados do PP Pedro Puy, Miguel Santalices e Jaime Castiñeira. A José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo, aos deputados do PSdeG-PSOE José Luis Méndez Romeu e Juan Carlos González Santín, aos deputados de AGE Xosé Manuel Beiras, Yolanda Díaz e Ramón Vázquez, e aos deputados do BNG Francisco Jorquera e Cosme Pombo.