Coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra este venres 10 de outubro, o Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM) presentoulles aos grupos do Parlamento Galego unha proposta de declaración institucional, co obxectivo de elevar a cuestión "ao lugar que lle corresponde nas prioridades das institucións de Goberno de Galicia".
O texto analiza "a grave situación na que se atopa a atención sanitaria, social e legal ás persoas que en Galicia sofren Trastorno Mental Grave", ao redor de 75 mil homes e mulleres, e realiza unha serie de propostas de solución. Ademais, este mesmo venres representantes do MGSM presentarán na cámara galega a súa propia declaración, coincidente en boa medida coa que buscan consensuar cos grupos parlamentarios, aínda que máis dura nas súas análises.
A declaración lembra a situación na que se atopan estas persoas, cunha esperanza de vida 20 anos inferior á poboación xeral, a máis alta taxa de suicidios, sete veces máis risco de sufrir desemprego e os máis altos índices de exclusión social. E denuncia que "a crise económica veu actuar dramaticamente nun duplo fronte". Por unha banda, "a política de recortes nos servizos públicos, nomeadamente sociais e sanitarios, conlevou un deterioramento na atención especializada e da cobertura das necesidades sociais básicas destes doentes". E, ademais, aumentou a desigualdade e os niveis de pobreza.
Miguel Anxo García Álvarez, psicólogo clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e portavoz da plataforma, sinala que "o colectivo de persoas con transtorno mental grave xa estaba moi prexudicado antes da chegada da crise e era inxustamente tratado pola sociedade e tamén polas institucións públicas". E subliña que "cando chega a crise, ao recortar os servizos públicos ou iniciar o camiño da súa transformación en negocio, o resultado é que as persoas que estaban mal agora están moito peor". García Álvarez afirma que "se seguimos o criterio de distribución equitativa do existente, a partir dunha posición neutra, debería recibir máis quen máis necesita e quen menos ten". Porén, a realidade é outra moi distinta.
García Álvarez afirma que "se seguimos o criterio de distribución equitativa do existente, a partir dunha posición neutra, debería recibir máis quen máis necesita e quen menos ten". Porén, a realidade é outra moi distinta
A declaración proposta polo MGSM insta "aos poderes públicos, institucións públicas e privadas, axentes sociais e económicos, e á sociedade no seu conxunto" a asumir "un compromiso real contra o estigma que sofren as persoas afectadas por trastornos psíquicos", que debe incluír "accións de discriminación positiva e un reflexo nos investimentos para facilitalo". Á Xunta demándalle especificamente que aumente "o seu esforzo, sensibilidade e compromiso coa atención á saúde mental", de xeito que "a atención á saúde mental debe ser prioritaria para as políticas sanitarias públicas", mediante o deseño e aplicación de estratexias e plans específicos. Demanda tamén "dotacións profesionais e materiais suficientes" e "unha organización de recursos axeitada"nesta atención sanitaria.
Porén, a proposta do MGSM vai máis aló da atención sanitaria e pide tratar as doenzas mentais de xeito integral, potenciando as medidas de protección social ás persoas afectadas por trastorno mental grave e ás súas familias. E tamén desenvolver políticas activas de emprego dirixidas especificamente a promover a incorporación e sostemento na actividade laboral normalizada destas persoas.
Neste senso, García Álvarez lembra que dentro das orientacións que se propoñen como vías de boa práctica clínica para atender as persoas con transtorno mental grave, unha parte refírense á incorporación destas persoas ao mercado de traballo. Esta inserción laboral forma parte do tratamento e encamíñase á normalización da súa situación. O portavoz do MGSM critica as posturas de quen propoñen diferenciar os tratamentos no ámbito sanitario "colonizados por tratamentos psicofarmacolóxicos dos que habería moito que dicir" -sinala- do resto das circunstancias do paciente, "dunha problemática social que, argumentan, xa non nos corresponde”. García Álvarez critica que nas políticas de emprego non se considere a estas persoas "un colectivo prioritario", cando o emprego garántelles mellores posibilidades de evolución das súas doenzas.
"A acción máis importante pro-estigma no último ano é o proxecto de reforma do Código Penal, que remove de forma moi prexuiciosa a perigosidade do enfermo mental a través dunha excepcionalidade xurídica"
Miguel Anxo García Álvarez reclama tamén unha implicación activa da administración na loita contra o estigma, un compromiso que non sempre é tan forte como debería. Ademais, denuncia que "a acción máis importante pro-estigma no último ano é o proxecto de reforma do Código Penal, que remove de forma moi prexuiciosa a perigosidade do enfermo mental a través dunha excepcionalidade xurídica. Convértese nun Código Penal preventivo, antes de que se cometa o acto". Este proxecto de reforma do Código Penal "está aínda en marcha e segue constituíndo unha ameaza e probablemente é ilegal en relación cos convenios internacionais que ten asinado España", sinala García Álvarez.