0 Gardados para despois

Hai remedio para o descenso no uso do galego?

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O estudo máis recente sobre a situación do galego elaborado polo IGE volve traer malas noticias para a lingua propia, que xa non é a habitual da maioría da poboación. Os datos amosan que, no período comprendido entre 2001 e 2011, as persoas que din falar "sempre" galego caeron trece puntos.

Os falantes habituais de galego pasan de achegarse ao 60% a non acadar nin o 45% en tan só dez anos

Na anterior vaga deste estudo o 57% da poboación do país tiña o galego como lingua de uso cotián. Mentres, o 30% sinalaba que o empregaba "ás veces" e o 13%, nunca. Unha década despois os falantes habituais de galego pasan de achegarse ao 60% a non acadar nin o 45%. Concretamente, quen usan "sempre" o idioma propio de Galicia son o 44% do total, mentres que é falado "ás veces" polo 45% da poboación e "nunca", polo 11%. A Xunta, ante esta nova estatística, presume de datos e "valora positivamente" o leve incremento do bilingüismo. Non obstante, expertos e grupos activistas pola normalización advirten da precaria situación da lingua propia e volven reclamar medidas que freen a deriva.

"Hai remedio", coinciden todos os expertos e colectivos consultados por Praza, que cren que malia que á sociedade tamén lle queda por facer, pouco se poderá avanzar se a Administración autonómica non cambia a estratexia da súa política lingüística e a súa posición de "desprestixio" cara á lingua propia. Un discurso prexudicial liderado polos actuais xestores da Xunta, que accederon ao poder difundindo "unha mentira e unha falacia" que falaba dunha "imposición do galego" tan irreal e surrealista como volven demostrar os últimos datos estatísticos.

"Noutros tempos, polo menos había unha política de prestixio do idioma, pero agora nin tan sequera hai iso", di Xosé Luís Regueira

"Remedio ten, pero outra cousa é que sexa fácil. Desde logo, a política lingüística seguida pola Xunta non está tratando de poñerlle remedio á situación, senón deixando a cousa ir, mantendo unha mínima e precaria alimentación para a lingua", di Xosé Luís Regueira, catedrático de Lingua Galega, membro do Instituto da Lingua Galega e académico da RAG. "Noutros tempos, polo menos había unha política de prestixio do idioma, pero nin iso hai agora. Trátase de deixa ir, sen máis", insiste.

Xabier P. Docampo, escritor e membro de Prolingua, tamén cre que a caída no uso do galego ten solución. "Remedio teno todo, pero é cuestión de vontade política. Do mesmo xeito que a situación actual é provocada por decisións políticas, estas tamén son reversibles", asegura quen cre que todo pasa "por esa vontade de poñer algo tan sagrado para unha nación como é o idioma por riba de rifas partidarias; trátase de conseguir ese consenso que manteña viva a lingua, porque é de todos e non pode ser materia de continua liorta sobre quen é maís amante do galego ou máis rexeitante del".

"Todo é cuestión da vontade política para poñer algo tan sagrado como o galego por riba de rifas partidarias", di Xabier P. Docampo

"O que fai falta é que haxa implicación do Goberno galego para, a partir de aí, ir poñendo as cousas no seu sitio para que se produza un cambio na sociedade que poida repoñer o idioma no lugar que lle corresponde", engade Marcos Maceira, presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, que cre que "se pode reverter a situación" e que advirte de "exemplos como o catalán, o vasco ou mesmo o aranés" que o demostran. "Claro que ten remedio e non sería o primeiro caso no que unha lingua nun territorio concreto recupera falantes", coincide tamén Miguel R. Penas, presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL).

"É necesario mudar as estratexias normalizadoras, que deben ser converxentes co galego que se fala fóra de Galiza", cre a AGAL

"É necesario mudar as estratexias do proceso normalizador, tamén por suposto da Administación", insiste Penas, que cre que esa nova estratexia "debe ser converxente co galego que se fala fóra da Galiza". "Non cremos que sexa a variña máxica, pero si que pode ser unha axuda e un elemento dinamizador moi importante, aínda que ten que haber máis", insiste.

 

O dano do discurso da "imposición"

Todos eles coinciden en que o primeiro paso ten que pasar, obviamente, pola política lingüística que xorde do Goberno autonómico. "Claro que a sociedade ten que mellorar, pero a súa actitude é tamén un reflexo das políticas que se fan desde a Xunta", lembra Marcos Maceira, que advirte da "situación total de desprestixio e de non uso" que fomenta o Executivo. "Na medida na que se actúa doutra maneira, a cidadanía tamén está máis viva para defender o idioma; o que ocorre coa lingua é tamén un reflexo da frustración do pobo galego en moitos outros ámbitos", reflexiona nun discurso coincidente.

"A sociedade ten que mellorar, pero a súa actitude é un refelxo das políticas da Xunta", asegura A Mesa

"A sociedade ten que cambiar tamén, pero o que é demostrable é que a sociedade é totalmente educable e ten que saber cal é o valor da lingua; aqueles que teñen o deber de rexer o idioma teñen que poñérllelo de fronte á xente, explicarlle cales son as razóns para fomentar e defender o idioma", asegura Xabier P. Docampo, que cre que "máis aló de que cadaquén teña a liberdade falar o que queira", a Administración "ten a obriga de defender a lingua propia".

Xosé Luís Regueira vai incluso máis aló. "Estamos centrándonos moito no ensino, pero ese non é o único remedio, senón un elemento importante do que depende que a poboación teña competencia lingüística en galego (e que cada vez é menor)", di o académico, que aclara que o feito de que "a xente sexa bilingüe" non quere dicir "que vaia usar o galego". "Só o fará se o necesita. Cal é a motivación que unha persoa ten para falar galego? Pode ser ligar, acceder a un posto de traballo ou incluso ser moderno, pero se a propia Xunta desprestixia o idioma, reduce ou limita o seu uso na escola ou non exixe aos funcionarios que o teñan que saber, para que se vai esforzar a xente?", asegura.

"Cal é a motivación dunha persoa para falar galego se a propia Xunta desprestixia o idioma?", pregúntase Xosé Luís Regueira

Porque todos os consultados coinciden no "dano" que fixo o discurso liderado por Feijóo e o seu partido antes de que o PP recuperase o poder. "Segue tendo efectos; había moita xente contraria á normalización do galego que non se atrevía a dicilo, pero a Xunta deulles voz, altofalantes e portadas", engade Regueira, que lembra que se "creou un discurso de que o galego non era necesario, de que só estaba ben para certas cousas". "Iso prendeu e continúa a ter efectos de desprestixio... Aquela certa recuperación do prestixio do idioma está freada e as que se descomplexizaron foron as ideoloxías antigalegas", insiste.

"Cando algo se fundamenta en mentiras, algo que sabían perfectamente, acaba por derrubarse. Isto foi o que lles pasou", di Xabier P. Docampo cando lembra aquela campaña da "imposición", as manifestacións contra a normalización do galego e o "tres ao caldeiro". "Aquilo era unha falacia e unha mentira que é continuamente desmontada pero que xa desmente o feito de que haxa case 500 disposicións xurídicas para favorecer o castelán e escasas para o galego que nin tan sequera se aplican", defende Marcos Maceira, que veu naquela falsa propaganda algo positivo. "Houbo resposta social; a pesar de todo, a maioría dos galegos sabían e saben que a situación do idioma propio é de inferioridade".

"Temos dúas linguas útiles e das de maior puxanza no mundo e unha delas non a aproveitamos"

"Todo o mundo ten a opinión xeral de que o bilingüismo é bo e nós apoiámolo, pero a idea que se intentou transmitir é que o castelán estaba en período de extinción cando a realidade mostra que é exactamente o contrario", di Miguel R. Penas, que aclara que "de dúas linguas que temos, útiles e das de maior puxanza no mundo, unha non a aproveitamos" e que, malia todo, ve "moitas actitudes positivas cara á lingua e tamén cara ao reintegracionismo". "Teño esperanzas, pero o que nos falta é unha Administración que aposte decididamente polo galego e polo galego cunha estratexia que o faga unha lingua extensa e útil", asegura.

"Na sociedade, a pesar de todo, hai interese de moita xente para dar o paso e falar o galego, tal e como se vía nas multitudinarias mobilizacións a prol da lingua, onde había xente que falaba español pero que é posible que dea o paso no futuro. O que non ten son condicións que faciliten ese paso e a sociedade debe responder, pero sen as condicións axeitadas non é posible", reflexiona Marcos Maceira.

"Aplicar de verdade o PXNL sería un grande avance respecto do que había e do que hai hoxe"

Xosé Luís Regueira cre que "un primeiro paso" para frear a caída do galego sería "aplicar de verdade o Plan Xeral de Normalización Lingüística". "Aínda sendo escaso e voluntarista, atacaba distintos ámbitos e sería un grande avance respecto do que había e do que hai hoxe; todo depende da vontade política por levalo a cabo", insiste. "Houbo casos peores nos que as linguas se recuperaron, pero a sociedade debe rearmarse", completa o presidente d'A Mesa, que advirte que os datos da enquisa do IGE "poden ser aínda peores" do que mostran, pero que "mentres haxa persoas que loiten polo galego, sempre haberá posibilidades de reverter a situación".

"A estatística é enganosa porque quen di que usa as dúas lingua pode ser aquel que di 'riquiño' ou o que de cando en vez di algo en español", aclara Xabier P. Docampo, que coincide con Regueira en que "as contestacións da xente tamen varían segundo as percepcións sociais da lingua". "Nin antes a realidade era tan boa nin agora é tan mala", di. "O que é evidente é que entre os máis novos, sobre todo nas cidades, a porcentaxe de uso do galego é ínfima e habería que ver a calidade dos usos desa xente moza que se di galegofalante... Claro que pode ser peor", engade Miguel R. Penas.

E malia todo isto, todos os consultados en que "hai remedio". Unha solución que pasa por moitas cousas, pero que non poderá ser de non acabar o Goberno galego coa súa política de inacción e de "desprestixio cara ao galego". A mesma Xunta que, logo de analizar os resultados, conclúe en "valoralos positivamente".

Evolución no uso do galego por concellos

CC BY-SA Carlos Neira

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

O BNG cre que asistimos á "lenta morte do galego" e acusa a Xunta de "soterralo"

A deputada do BNG, Ana Pontón, analizou os datos do IGE que reflicten un novo descenso no número de galegofalantes, que cre que "van confirmando unha lenta e paseniña morte do noso idioma". "É inaudito que ante esta situación, a Xunta faga unha valoración positiva que só se entende de quen renegou da lingua e de quen fai unha política xenocida contra o idioma".

"É inaudito que a Xunta faga unha valoración positiva que só se entende de quen renegou da lingua"

A parlamentaria nacionalista anunciou que o Bloque rexistrará novas iniciativas para que se "dea cumprimento ao Plan Xeral de Normalización Lingüística" e cualificou de "esperpéntico" que a Cámara e a Xunta vaian conmemorar o décimo aniversario da aprobación deste Plan "soterrado" ao mesmo tempo que "están a soterrar o noso idioma".

"É unha tristura que no Executivo, lonxe de estar na defensa da lingua, haxa persoas que a atacan e que impiden que o galego se poida normalizar", rematou.

Uso da lingua galega

CC BY-SA Praza Pública