Hai alternativas saudables e sustentables nos comedores escolares

Algúns dos produtos de Lentura © Lentura Agricultura Sostible

Os recortes no financiamento e a política ditada pola Consellaría de Educación levan anos provocando que os comedores escolares galegos recorran cada vez máis aos servizos externos de catering (cando se decide o peche das cociñas dos centros) ou ás centrais de compra para a adquisición dos produtos que alimentan os nenos e nenas. Nos últimos tempos cada vez é máis frecuente escoitar noticias de protestas da comunidade escolar nos colexios e institutos que denuncian a mala calidade ou o mal sabor destes produtos achegados por estas empresas, a súa falta de frescura e outras deficiencias. 

Nas últimas semanas foron os alumnos e alumnas do colexio Tomás de Lemos de Ribadavia, que recorren á alternativa do bocadillo, nunha iniciativa impulsada pola ANPA, ante o que cualifican de "mal servicio de cátering". En xuño o Concello de Ferrol decidiu multar a Serunion, empresa que serve comidas nos comedores de oito colexios da cidade, por usar aceite de xirasol e non de oliva, incumprindo así o seu contrato e a oferta coa que se fixo coas concesións meses atrás. De igual xeito, os pais, nais, alumnos e alumnas do CEIP de Manzaneda mobilizáronse dende antes do verán pola substitución do servizo de cociña polas bandexas fornecidas, precisamente, por Serunion. Finalmente o Concello e a ANPA chegaron a un acordo para facerse cargo da cociña, demostrando ademais que o servizos externos non supoñen aforro económico ningún de cartos públicos, pois a Xunta pagará un 14% menos do que acordara coa empresa privada. Nos últimos días foi en León onde a presenza de vermes causou alarma entre as nais e pais.

Entidades coma o Sindicato Labrego Galego (SLG), Amigos da Terra ou Veterinarios sen Fronteiras levan tempo alertando contra os prexuízos causados por estas políticas de externalización dos servizos de comedor. O pasado ano organizaron unha xornada sobre compra pública de alimentos na que denunciaron que a metade dos tres mil millóns de cartos públicos gastados cada ano en España en alimentación "acaban nas arcas de nove grandes empresas de cátering", das cales dúas -Serunion e Eurestcompass-  levan o 21% do total, despois de pasar por unha cadea comercial na que habitualmente hai seis intermediarios entre quen produce o alimento e quen o consume.

"Hai quince anos a maioría dos colexios tiñan cociñas xestionadas directamente por eles, e a maior parte da compra facíase no comercio máis próximo. A tendencia dos últimos anos foi a introducir a adquisición de produtos a través de centrais de compra"

Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, lembra que "hai dez ou quince anos a maioría dos colexios tiñan cociñas xestionadas directamente por eles, e a maior parte da compra facíase no comercio máis próximo. A tendencia dos últimos anos foi a introducir a adquisición de produtos a través de centrais de compra". Estes almacenistas adoitan optar polos produtos máis baratos sen ter en conta a súa procedencia, impacto medioambiental ou frescura. O seguinte paso foi a implantación das empresas de catering.

Para Vilalba, este sistema "reforza a presenza dun modelo de produción industrial, con produtos nos que está presente un grande uso de fertilizantes e de agroquímicos". Denuncia que "a lexislación española permite unha gran presenza de residuos, nuns niveis que toman como referencia case sempre as dimensións dun home adulto, pero que son excesivas para os nenos e nenas". Ademais, alerta dos efectos na saúde dunha dieta na que a presenza dos alimentos requentados é tan importante.

O SLG alerta igualmente dos crecentes obstáculos para que os labregos e labregas poidan vender os seus produtos para fornecer os comedores escolares

O SLG alerta igualmente dos crecentes obstáculos para que os labregos e labregas poidan vender os seus produtos para fornecer os comedores escolares. "Nos últimos anos asistimos a un reforzamento de lexislacións e normativas que facilitan a presenza desa gran distribución e dificultan a actividade e a venda dos pequenos produtores. Ti se hoxe en Galicia crías polos ou coellos de produción ecolóxica, legalmente non o podes servir nas escolas", explica Isabel Vilalba.

A actividade dos produtores e produtoras locais xera máis emprego e máis diverso. Ademais, os sistemas alimentarios locais teñen unha serie de beneficios ambientais sobre os chamados alimentos quilométricos (os que en todos os seus procesos percorren un longo treito entre o seu lugar de produción e o seu lugar de consumo): a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro, unha menor demanda enerxética sobre todo de enerxía fósil (a base do sistema alimentario globalizado é o petróleo necesario para fertilizantes, praguicidas, mecanización, transporte ou envasado), unha menor contaminación e o freo á alarmante perda de biodiversidade agrícola e de espazos agroambientais.

Isabel Vilalba: "Ao final non hai un aforro real, simplemente intentan favorecer un modelo determinado, promovendo que este servizo pase a ser xestionado por unhas empresas coas que existen outros intereses"

Vilalba conclúe que "aforrar en saúde pode resultar moito máis caro". "Constantemente cuestiónase o custe económico dos comedores públicos dos colexios, da compra de produtos de calidade, cando estamos falando da alimentación dos nosos nenos e nenas", engade. "Pero en realidade ao final non hai un aforro real, simplemente intentan favorecer un modelo determinado, promovendo que este servizo pase a ser xestionado por unhas empresas coas que existen outros intereses. En realidade, mercar de xeito local, sen intermediarios, é máis rendible. Dá a impresión de que simplemente interesase darlle beneficio a estas empresas".

 

Hai alternativas

Un dos aspectos máis criticados polas nais e pais do CEIP Manzaneda cando foron forzados a aceptar a solución de catering externo para a alimentación das súas fillas e fillos era o paradoxo de que nunha zona rural, con ampla produción de produtos frescos, os alimentos chegasen de moi lonxe e se consumisen requentados. "O servizo de catering vén de moi lonxe", destacaba Iria, presidenta da Anpa do centro, "os nutrientes pérdense no camiño, a comida chega nunha temperatura que non é a adecuada, e abusan de comida precociñada, con poucos alimentos frescos". "Nós vivimos no rural porque apostamos por un estilo de vida saudable, e para nada queremos un catering para os nosos nenos e nenas", engadía.

Son moitos os centros que funcionan cun servizo de catering, pero afortunadamente moitos outros seguen traballando doutro xeito, con cociñeiros. E algúns outros, ademais, mercan os seus produtos directamente a labregos e labregas da contorna, garantindo o consumo de froitas, verduras e outros alimentos frescos, de calidade e de tempada. É o caso da cooperativa Lentura, un grupo de 18 labregos e labregas da comarca de Santiago, aos que entrevistamos en Praza hai uns meses. Dende hai sete anos Lentura Agricultura Sostible fornece de produtos a cinco centros escolares de Ames, amais de facelo en mercados como o Lusco e Fusco ou a cooperativas e grupos de consumo responsable. A iniciativa xurdiu ao abeiro do proxecto Amorodo, unha iniciativa dos concellos de Ames, Rois e Dodro para a promoción da agricultura sustentable nas comarcas da Amaía e do Sar. 

Xan Carlos, de Lentura, destaca que este xeito de traballar, a compra directa e de proximidade, sen intermediarios, supón ademais un aforro para os propios colexios

Un dos seus responsables, Xan Carlos, destaca que o feito de que os comedores escolares de Ames sexan xestionados directamente polo Concello de Ames facilita o acordo, grazas ao que os ao redor de mil nenos e nenas destes centros consomen mazás, porros ou faba fresca, todos produtos de tempada. "A nosa produción non chega para todos os nenos todos os días. Hai veces que só lle servimos a dous dos colexios, ou só a unha das dúas cociñas que teñen entre os cinco. En función do que nos pidan. E o resto mércanllo a un maiorista", explica Xan Carlos, que destaca que este xeito de traballar, a compra directa e de proximidade, sen intermediarios, supón ademais un aforro para os propios colexios.

O mesmo sucede no colexio de Boqueixón, que lle merca dende o pasado ano parte dos produtos que serve no seu comedor a unha produtora local, Beatriz. Esta labrega, que habitualmente vende no mercado dos Tilos, fornece ao centro de grelos, repolos, xudías, tomates, cebolas ou porros outros produtos de tempada, entrou en contacto coa dirección do centro, que aprobou a proposta. Beatriz destaca que "o ano pasado os nenos e nenas cando probaban as xudías, sorprendíanse polo seu sabor, notaban unha gran diferenza entre a conxelada e a fresca".

Beatriz destaca que "o ano pasado os nenos e nenas cando probaban as xudías, sorprendíanse polo seu sabor, notaban unha gran diferenza entre a conxelada e a fresca"

Porén, sinala que moitas veces os obstáculos para que un centro de ensino non accedan a mercar estes produtos procede da falta de información es dúbidas legais: "Nalgúns lugares o problema é que non saben se poden mercar ou non. No meu caso, ao comezo tampouco estaban seguros de se podían mercar directamente os produtos a unha produtora local", explica.

Algúns dos produtos de Lentura © Lentura Agricultura Sostible
Comedor nun colexio galego © CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.