Edgewater volve ameazar Corcoesto e advirte do apoio dunha empresa para retomar a mina

Faixa contraria á mina en Corcoesto CC-BY-SA Plataforma en Defensa de Corcoesto

Edgewater teima no proxecto de Corcoesto, ameaza con retomalo, anuncia que xa está en conversas cun potencial socio español para cumprir cos "criterios solicitados" polo Executivo galego e advirte incluso de que a Xunta non só está ao tanto destas negociacións senón que participa nelas. A mineira canadense, matriz de Mineira de Corcoesto, vén de emitir un comunicado no que di "avanzar" nun acordo que "tería os beneficios axeitados" para satisfacer os requirimentos da Administración autonómica, que denegara a denegación definitiva do polémico proxecto na comarca de Bergantiños ao non cumprir a compañía os requisitos técnicos e financeiros demandados e logo dunha forte contestacións social, política e dos veciños da zona.

Edgewater di "avanzar" nun acordo cun investidor para satisfacer os requirimentos financeiros da Xunta

A compañía conta aínda -á espera da resolución dun recurso e en contra do criterio do Valedor do Pobo- coa Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable, pero o seu proxecto fora denegado logo de que a Xunta lle exixise unha solvencia mínima do 25% sobre o investimento do proxecto, o que suporía que xuntase uns 27 millóns de euros dos 110 que prevía investir.

O xigante canadense nunca se rendeu e reviróuselle á Xunta. Comezou unha batalla xudicial tras o veto do Goberno galego e co entusiasmo do alcalde de Cabana, José Muíño (PP) -contrario á esixencia de maior solvencia financeira por ser un "cambio das regras de xogo"-, a empresa lanzouse á busca de socios ao tempo que lembraba que a DIA está vixente ata 2017. Ademais, presentou un recurso contra a decisión da Xunta que incluía unha carga política de profundidade: a transcrición dunha conversa atribuída ao director do Igape, Javier Aguilera, segundo a cal o alto cargo de Economía e Industria chegou a "avalar" o proxecto ante potenciais investidores sen sequera "coñecelo".

Mineira fala de retomar o proxecto, malia que a Xunta lle insistiu en que tería que empezar outro de cero

Agora vai máis aló e mete a Xunta nun brete ao anunciar que está a rematar un acordo dun socio español de enxeñería e construción "como posible aval interesado en adquirir unha propiedade significativa do proxecto de reactivación mineira" na comarca de Bergantiños, unha mina que ocuparía zonas de Cabana, Coristanco e Ponteceso. Fala de retomala malia que o director xeral de Minas, Bernardo Tahoces, insiste unha e outra vez en que o devandito proxecto tería que comezar de cero, o que suporía un considerable atraso nas intencións de Edgewater, e a pesar de que a propia Administración confirmou que a explotación mineira deixaba de ser "estratéxico" e de ter a condición de clave para o Executivo de Feijóo.

Tan só á suposta vixencia da DIA se agarraba a empresa, que agora dá un paso máis e decide meterlle presión á Xunta, á que sitúa como partícipe das negociacións co investidor e da que espera unha resposta "para finalizar o acordo con ese socio e retomar o proceso de desenvolvemento do permiso mineiro".

A empresa mete presión á Xunta, á que sitúa nas negociacións co investidor e da que di esperar o seu visto e prace

"Desde a adquisición do proxecto de Corcoesto en 2009, a empresa levou a cabo todos os pasos legais e administrativos necesarios para demostrar que o proxecto é economicamente viable, como confirmou o propio Goberno galego en varias ocasións no pasado, e que ademais, ese proxecto pode ser desenvolvido de acordo coa lexislación medioambiental, como demostrou a aprobación da DIA", defende no comunicado o presiente de Edgewater, George Salamis.

Expertos consultados por Praza cren que o anuncio de Edgwater non é máis que "unha nova especulación, un intento por remover as augas e crear balbordo" nun novo intento por "retomar un proxecto cando a Xunta xa lles deixou claro que a única posibilidade que tiñan era comezar outro de cero". De feito, advirten de que o momento do comunicado ten moito que ver co proxecto mineiro que AsturGold, outra empresa con base en Canadá, está a intentar aprobar en Tapia de Casariego (Asturias).

Expertos cren que a intención de Edgwater e "crear balbordo" ante a inminente decisión de Asturias sobre a mina de Salave

Malia os tres informes desfavorables da Confederación Hidrográfica do Cantábrico contra esta mina asturiana de Salave e a pesar da recollida de 50.000 sinaturas en contra, son moitos os que temen que a Junta dea o informe ambiental favorable. Mineira de Corcoesto intentaría, xa que logo, presionar a opinión pública e á propia Xunta con este visto e prace na comunidade veciña e nin tan sequera se descarte que busque colaboración co proxecto asturiano para compartir traballos e proxectos. "Están axitando a árbore para provocar algo", din coñecedores da iniciativa.

Salvemos Cabana cre que o comunicado é "unha cortina de fume" da compañía

A plataforma Salvemos Cabana xa advirte da "auténtica cortina de fume" que supoñe este comunicado "ante o masivo rexeitamento social ao proxecto e a delicada situación financeira da empresa". Así, lembra que as garantías esixibles a calquera proxecto industrial "han de ir alén das simples promesas de futuros investimentos de empresas pantasma e que o pasado ano a compañía pechou o exercicio cunhas perdas de 378.000 euros e cuns recursos que apenas rozaban o 1% do investimento anunciado, de máis de 100 millóns de euros".

O colectivo recorda que dende os seus inicios, o proxecto mineiro "demostrouse claramente inviable e non só a nivel técnico e financeiro, senón que a nivel ambiental supón unha carga de todo inasumible para unha bisbarra historicamente enraizada nos sectores produtivos agropecuario, marisqueiro, pesqueiro e turístico, que en conxunto superan amplamente os 10.000 empregos xa consolidados e que supoñen o verdadeiro soporte económico e social de Bergantiños".

"Edgewater aposta de novo pola vía especulativa e anuncia agora unha explotación de polo menos 20 anos en total contradición coa súa proposta inicial que contemplaba un período de tan só 8 de actividade extractiva e un volume de emprego de 271 persoas, 133 das cales se farían a través de subcontratas e cuxa duración podería ser tan só de meses ou mesmo semanas", insiste.

Pola súa banda, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños considera o comunicado "un globo sonda para ocultar a súa extremada debilidade financeira e  tratar de mellorar as perspectivas de cotización da empresa cuxo valor en bolsa está afundido desde outubro de 2013", cando o presidente da Xunta anunciou no Parlamento a paralización definitiva do proxecto por incumprir as garantías técnicas e económicas.

"Este comunicado vén de confirmar que Edgewater e Mineira de Corcoesto continúan coa súa coñecida estratexia de manipulación, enredo e engano á cidadanía e mesmo aos investidores", advirte o colectivo, que lembra que o actual proxecto deuse por "concluído" desde a Xunta.

Manifestación contra a megaminaría CC-BY-SA gzvideos.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.