0 Gardados para despois

As touradas da Coruña tan só venderon un terzo das entradas

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O pasado sábado 5 de outubro pola mañá unhas 3.000 persoas reclamaron na Coruña a fin das touradas e das subvencións públicas que as sustentan. Coincidindo cunha concorrida carreira popular e cun partido do Deportivo, a marcha apoiada por 46 colectivos encheu as céntricas rúas para protestar contra a pervivencia deste espectáculo de tortura animal na cidade e contra as axudas públicas que recibe por parte do Concello. Ao tempo, menos de 3.000 persoas sacaron o seu billete para a xornada dese mesmo día da feira taurina que se celebrou a fin de semana na cidade.

A feira taurina tan só vendeu uns 5.600 billetes dos máis de 16.800 dispoñibles, incluíndo as entradas con descontos

Así o corroboran os datos do expediente municipal ao que tivo acceso o BNG, dos que se tira que a feira taurina que este ano se celebrou en outubro -e non durante as festas de agosto como viña sendo habitual-, vendeu un terzo das entradas dispoñibles. En concreto, e dos 16.838 billetes que se puxeron á venda para as dúas xornadas (8.419 cada día), tan só foron adquiridas 5.665, o 33,6% do total que se puxeron á venda.

En concreto, para as touradas do sábado vendéronse 2.735 entradas, entre as que se inclúen as de prezo xenérico, pero tamén as que gozaban de desconto para peñas, mozos ou as incluídas nas rebaixas ofrecidas por un portal web. Nesa mesma xornada, regaláronse 2.681 convites, case a mesma cantidade de billetes vendidos. No caso de que todas as persoas convidadas tivesen acudido á feira, o Coliseum tería superado a media entrada, algo improbable vistas as numerosas fotografías do recinto, con milleiros de asentos baleiros e unha escasa presenza de afeccionados.

Repartíronse máis de 5.200 invitacións, case tantas como billetes vendidos, pero aínda así a entrada foi moi baixa

Algo semellante ocorreu na xornada do domingo 5 de outubro, para a que se venderon 2.930 e se regalaron 2.570 convites. En total para os dous días, foron convidadas 5.251 persoas, máis do 30% do aforamento dispoñíbel no Coliseum. Ademais, Tauro Siglo XXI, a empresa organizadora do evento, recadou nas dúas xornadas algo menos de 145.000 euros (70.923,74 euros o sábado e 73.834,24 o domingo). "Nin cos descontos nin cos convites lograron ter unha entrada minimamente aceptábel", lembra o BNG.

Ademais, o grupo municipal do Bloque tamén fixo públicos os gastos que a feira taurina lle supuxo ao Concello da Coruña. O expediente municipal recolle unha cantidade desglosada de case 35.500 euros, entre os que se inclúe a montaxe da barreira, da terra, dos carteis interiores ou dunha báscula. Non obstante, advirte que a documentación non recolle outros gastos asumidos pola administración local, tales como os custos de limpeza, os da Banda Municipal de Música ou a cesión do Coliseum.

O expediente do Concello recoñece uns gastos de case 35.500 euros, pero obvia a limpeza, a banda de música ou a cesión do Coliseum

Segundo indica o BNG, a cesión do recinto custou, "como mínimo", máis de 36.700 euros. O cálculo faino en base á aplicación das taxas recollidas na ordenanza reguladora do prezo público pola prestación de servizos e utilización das intalacións de titularidade pública municipal do Concello. Xa que logo, e coincidindo coas cifras que achegou varias veces a plataforma Galicia Mellor sen Touradas (GMST), o custo das touradas para a veciñanza da Coruña ascendería a uns 100.000 euros.

Segundo os cálculos do BNG e de Galicia Mellor sen Touradas, o Concello achegou uns 100.000 euros ás touradas

O Bloque, ao igual que EU no Concello e numerosos movementos sociais e veciñais da cidade, volve "reivindicar a abolición das touradas na nosa cidade, na medida en que se trata dun espectáculo cruel baseado na tortura e no maltrato animal e en que non forman parte da nosa tradición cultural".

O Concello da Coruña, tras o fracaso de agosto, licitara de novo o concurso nun intento de atraer algunha oferta, rebaixou nun 60% (de 2.500 a 1.000 euros) o que a empresa beneficiaria debería abonar en concepto de canon polo uso do recinto municipal e fixou a posibilidade de que, ademais da corrida de outubro, a empresa adxudicataria puidese organizar a feira taurina durante os dous vindeiros anos, nos meses de xullo e agosto, nun contrato que mesmo se podería prorrogar outros dous anos.

Ademais, para facilitar o interese das empresas xestoras de espectáculos taurinos, reducira este ano (na primeira licitación, que quedou deserta) as dimensións da feira, que se celebrou unicamente en dous días (no canto de tres). De igual xeito, asegurara a subvención parcial da celebración, achegando con cartos públicos o aluguer do Coliseum, o custo da montaxe da praza de touros, e tamén cedendo de balde as actuacións da banda de música municipal. A presión do lobby taurino, que mesmo logrou que toureiros se ofrecesen gratis a participar na feira da Coruña, e as facilidades postas polo Concello permitiron a celebración deste espectáculo que volveu contar con escaso público.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.