A lei de minería non sufrirá cambios profundos. O pasado martes, o PP rexeitou a iniciativa lexislativa impulsada por AGE, que buscaba a modificación da normativa elaborada polo anterior goberno bipartito e aprobada en 2008. Os populares negáronse ao que consideraron "unha emenda á totalidade" a un texto que consideran "aproveitable" e que só precisaría cambios "puntuais". Precisamente, o BNG si aceptara tramitar a proposta de Alternativa co obxectivo de chegar a acordos, pero o PSdeG, uníndose á dereita, abstívose na defensa do texto.
PP e PSOE negáronse a tramitar a proposta impulsada por AGE para modificar a lei da minería do bipartito
Na defensa da súa proposta, AGE aclarou que procuraba "unha mellora e non unha crítica" da actual normativa, así como "un menor impacto social, no medioambiente e noutras actividades económicas previas" da actividade mineira que, lembran, "en ningún caso é ecolóxica". A iniciativa, defende Alternativa, xorde dos movementos sociais contra a megaminería contaminante, os mesmos que levan tempo loitando contra proxectos como o de Corcoesto e que advirten da "barra libre" que o Goberno lle está a dar a unha minería que debe ser "responsable" e ter un "maior control de residuos".
Pero non houbo maneira. Grupos contra a megaminería contaminante critican que se teime nesta norma sen modificación ningunha. A plataforma Salvemos Cabana, por exemplo, cualifica de "lamentable" a "falta de criterio de PPdeG e PSdeG" e advirte de que o actual texto lexislativo "prima a actividade mineira sobre outros sectores produtivos, introducindo erroneamente o concepto de minaría sostible e/ou desenvolvemento sustentable das actividades extractivas, que non deberían ser cualificadas deste modo debido a que non son perdurables no tempo".
Grupos contra a megaminería critican que se teime nesta normativa e Salvemos Cabana cre "lamentable" a "falta de criterio de PP e PSOE"
O colectivo asegura que non se pode falar de "sustentabilidade ambiental" no sector mineiro e que este, sobre todo no que se desenvolve a grande escala, "está recoñecida como a maior ameaza para o medio ambiente e os ecosistemas despois do quecemento global", así como "xeradora de importantes impactos socioculturais". "Unha actividade insostible por definición, xa que a explotación do recurso supón o seu esgotamento", di.
Salvemos Cabana censura a actitude de PP e PSOE ante unha lei que permite "acordar con carácter excepcional, logo de xustificación do interese público, o outorgamento de dereitos mineiros en caso de informes preceptivos desfavorables". En definitiva, poder aprobar calquera tipo de proxecto mineiro por riba de criterios ecolóxicos ou sociais.
A actual lexislación inclúe excepcións que permiten outorgar dereitos mineiros por riba de criterios ecolóxicos ou sociais
Ademais, lembra que os populares obviaron a creación do Consello da Minería, tal e como recolle o artigo seis da norma, un organismo que seviríra para controlar e regular calquera actividade mineira, pero que non se leva adiante "para anular a participación social e a aparición de voces críticas".
Non obstante, para a plataforma o máis grave é a atribución de plenos poderes ao Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia (Psaeg), un plan de incidencia supramunicipal "que prevalece mesmo sobre os plans urbanísticos da zona" e que inclúe a "máxima simplificación administrativa na tramitación dos expedientes mineiros", establecendo unha clara preferencia da actividade mineira por riba doutros sectores produtivos e "dando vía libre de facto a un proceso liberizador ao diminuír o control sobre o público e primar unicamente os criterios empresariais e económicos".
Salvemos Cabana cre na atribución de plenos poderes ao plan mineiro a gran eiva da estratexia mineira da Xunta
Son varios os artigos nos que se dá preponderancia ás industrias extractivas fronte á ordenación municipal e outras actividades productivas, que han de acatar a decisión das empresas mineiras.
Por outra banda, si foi na implantación do canon mineiro no que coincidiron todas as forzas da oposición. Comparten críticas e AGE, na presentación da proposición de lei, lembrou que a Xunta "pretende enganar a cidadanía" con este imposto mínimo. Na realidade, o que recolle a Lei de Acompañamento dos Orzamentos sobre a Lei de Minaría de Galicia, segundo recorda Alternativa, "non é máis que un prezo de ganga para as multinacionais de 10.000 euros por hectárea afectada, e 0,1 euros por tonelada para os depósitos de substancias perigosas". “Unha barra libre para a destrución de desartellamento territorial do noso país”, denunciou o grupo de esquerda.
En definitiva, e como denuncian os diferentes colectivos contra a megaminería contaminante, non é máis que un paso máis no enguedello legal que lle está a poñer alfombra vermella á actividade mineira máis perigosa.