"Recortes nas prestacións aos usuarios, privatizacións, aumentos das listas de espera e incluso bloqueos na atención primaria ao non cubrirse as ausencias de médicos que marchan de vacacións. É algo que eu nunca vira". Con esta frase resumiu Ramón Veras, voceiro de SOS Sanidade Pública, algunha das consecuencias que está a ter a política levada a cabo pola Xunta de Galicia no sistema sanitario público galego.
SOS Sanidade Pública achega un informe detallando as consecuencias das medidas "que o PP impuxo no sistema sanitario desde 2009 en Galicia"
O colectivo presentou neste mércores o informe A sanidade galega está en risco, no que se especifican e detallan as consecuencias das medidas que o PP, desde a súa chegada ao poder na Xunta en 2009, "está impoñendo e que deterioran o sistema sanitario público e favorecen as intereses das empresas privadas, que se lucran a costa dos orzamentos públicos". Ante esta situación, SOS Sanidade Pública anuncia xa unha "gran mobilización cidadá" para o vindeiro mes de decembro en varias comarcas galegas que considera "precisa para recuperar a sanidade pública galega e poñer freo á privatización".
Antes, o vindeiro 12 de novembro, levarase a cabo un acto para presentar documental sobre as privatizacións sanitarias no que se analiza "o deterioro e a privatización progresiva da sanidade pública galega feita polo Goberno de Feijóo" e que se pode ver xa inserido nesta mesma información.
O colectivo anuncia unha gran mobilización cidadá en decembro e presenta un documental sobre "o deterioro da sanidade pública"
"A Xunta non ofrece solución ningunha. A súa resposta ante as reivindicacións que lle facemos é que este é o orzamento que teñen e que non hai máis", explicou Ramón Veras, que acudiu como representante do BNG a unha presentación onde había tamén responsables do PSdeG, do Frente Cívico, da CIG, de Comisións, de asociacións de veciños e de varios colectivos sanitarios.
"Están a desfacer a sanidade pública cunha serie de decisións impostas que poñen en serio risco a continuidade do noso sistema sanitario", conclúe o colectivo nun informe cuxas conclusións vinculan tamén cos actuais escándalos de corrupción no Estado e con "esta política de xestión pública". Segundo a análise de SOS Sanidade Pública, entre 2009 e 2014 destinouse un 12,3% menos de orzamento para o sistema sanitario público e perdéronse máis de 2.000 postos de traballo, "un auténtico ERE no Sergas". Ademais, levouse a cabo o peche de 275 camas hospitalarias e seguiuse beneficiando a sanidade privada mentres "se vampirizan os fondos do sistema público, provocando tamén a perda de coñecemento, loxística ou mantemento".
"Están a desfacer a sanidade pública con decisións impostas que poñen en serio risco a continuidade do noso sistema sanitario"
Segundo o colectivo, neste período de goberno do PP o 48,8% do orzamento foi destinado ao sector privado, mentres que tan só o 7,1% para os centros públicos. Ao tempo, en catro anos a espera cirúrxica media pasou de 71 a 83 días, engadindo así a estas listaxes uns 3.700 pacientes.
En cinco anos, segundo SOS Sanidade Pública, perdéronse 2.000 postos de traballo no Sergas e a espera cirúrxica pasou de 71 a 83 días
A vaga de privatización continua
A vaga de privatización que denuncia SOS Sanidade Pública xorde dunha concepción ideolóxica e económica das elites que teñen "os seus fontaneiros" que en Galicia representarían "Núñez Feijóo e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, que aplican as súas recetas no país desde 2009". A organización denuncia así a continua privatización e cesión ás multinacionais da xestión e planificación estratéxica da sanidade pública e que inclúe o Laboratorio Cenral de Galicia, as historias clínicas, o servizo de citas, as ambulancias, o Centro Oncolóxico de Galicia, a adquisición de quipamentos tecnolóxicos, a receita electrónica, a telecomunicación, a limpeza, o catering, o mantemento dos equipos sanitarios...
Para explicar as consecuencias, Ramón Veras puxo varios exemplos, como a privatización no mantemento dos equipos sanitarios e que está a crear "problemas serios" no sistema ao "chegar tarde os pedidos ou ao asegurarnos a empresa encargada que non ten stock dabondo". "A compañía ten o seu ritmo e non é a súa prioridade cumprir os tempos", aclara.
"A privatización provoca dificultades pra investigar calquera proxecto que non estea de acordo cos intereses empresariais"
Entre outros efectos da privatización destacou tamén o que afecta ao ámbito da investigación e que implica que mentres o Sergas paga, son ao final as empresas privadas as que deciden a compra dos aparellos para o sistema público, o que provoca "dificultades para investigar calquera proxecto que non estea de acordo cos intereses empresariais". Tamén fai referencia SOS Sanidade Pública a o novo hospital de Vigo, cuxa construción e xestión privada implica "maiores custos totais que se a construción fose pública", así como a renovación do concerto con Povisa.
"É un plan privatizador extenso e continuo que pon en perigo a supervivencia da sanidade pública en Galicia", insistiu o colectivo, que detallou tamén as consecuencias desta política privatizadora para os pacientes. Así, destaca que "a atención médica deixa de ser un dereito para todos os cidadáns" para "ser só para aquelas persoas que coticen, como se dunha aseguradora privada se tratase".
A organización destaca que "nunca antes se deran listas de espera na atención primaria" como ocorre agora
Do mesmo xeito, denuncia a "asfixia do sistema sanitario público e o traspaso de diñeiro público dos nosos impotos en beneficio de multinacionais, bancos e fondos de investimento para que privaticen a sanidade". Ademais, alertaron da "paralización" dos hospitais públicos coa supresión de horarios mentres se incrementan os dos privados, así como casos únicos "que nunca antes se deran" mesmo na atención primaria, "onde xa hai listas de espera ao facerse bloqueos polas vacacións dos profesionais", ou onde "desaparecen as revisións co especialista".
Por último, SOS Sanidade Pública advirte do "desmantelamento das áreas sanitarias e dos hopitais comarcais" e da "división de hospitais que quedan convertidos en empresiñas", en referencia ás Unidades de Xestión Clínica noas que se prima a rendibilidade económica por riba da atención. Para rematar, censuran a "introdución de novas leis para favorecer o sector privado", como a Lei de Racionalización do Sedctor Público, "que legaliza o patrocinio privado de servizos do Sergas", a Lei de Garatías de PRestacións Sanitarias -que favorece ir a un centro privado no caso de superar unha espera máxima"- ou a privatización da xestión de baixas laborais por enfermidade.
Por todo isto, o colectivo anuncia xa unha gran mobilización en varias comarcas de Galicia para o vindeiro mes de deembro, para "recuperar a sanidade pública, frear a privatización e recuperar os servizos sanitarios desmantelados e privatizados". "A cidadanía ten dereito a recibir a asistencia sanitaria axeitada e precisa, humanizada, digna e de calidade", conclúe.