Así incumpre España as normas internacionais que a obrigan a perseguir o franquismo

Homenaxe realizada en Ames ás vítimas do franquismo © Concello de Ames

Arxentina ordena a detención de vinte franquistas. Acúsaos de crimes contra a humanidade. Ao seu arresto seguiríalle a extradición e procesamento na única causa que no mundo xulga o franquismo, a denominada querela arxentina que impulsou o galego Darío Rivas desde Bos Aires. Todo, en aplicación de tratados internacionais que España, ao non dar curso á petición arxentina, incumpre. Que fixo entón e que non fixo, até o de agora, o Goberno español?

Como sinalou o ministro de Xustiza, Rafael Catalá, España denegará a entrega a Arxentina destes últimos vinte acusados pola xustiza deste país ao ampararse na Lei de Amnistía de 1977 e a prescrición dos delitos.

Martín Villa, Utrera Molina e o resto de imputados serían detidos se saen de España por violacións dos dereitos humanos

De cruzaren a fronteira, non obstante, ex ministros como Rodolfo Martín Vila ou José Utrera Molina e o resto dos imputados serían detidos por violacións de dereitos humanos. En calquera lugar do mundo. "Son criminais coas mans manchadas de sangue que deben ser postos a disposición inmediata da xustiza", apuntan desde  a Coordinadora Estatal de apoio á Querela Arxentina (CeAQUA). España, segundo as mesmas fontes, incumpre "as súas obrigas internacionais". E Inés García Holgado, outra das promotoras da causa, preguntábase en Praza como a UE non tomaba medidas contra un dos seus membros, que incumpre sistematicamente as leis de xustiza internacional.

Entre os buscados pola Interpol está o galego Antonio Carro, último minisro da Presidencia do franquismo

Entre os imputados está tamén o galego Antonio Carro Martínez, último ministro da Presidencia do franquismo -entre 1974 e 1975- e deputado polo PP no Congreso dos Deputados durante catro lexislaturas. Acúsano de convalidar coa súa sinatura a sentenza de morte de Saslvador Puig Antich e dos últimois fisilamentos do réxime franquista en setembro de 1975, nos que foron executados José Humberto Baena Alonso, José Luís Sánchez Bravo Sollas, Ramón García Sanz, Juan Paredes Manot e Ángel Otaegui Echeverría. É fillo predilecto da provincia de Lugo e fillo adoptivo de Santiago de Compostela.

Os pasos que España non dá

Cales son os pasos a dar? Logo do auto de imputación do Xulgado Federal 1 de Bos Aires a cargo de María Servini, a sección arxentina de Interpol notifica á de Madrid a detención preventiva con fins de extradición. Son trámites xa consumados. A partir de aquí "pasividade", din en CeAQUA. Primeiro, xustiza e policía españolas, no marco da cooperación internacional, deben facilitar os datos de identificación persoal coñecidos. Os rexistros filiatorios que posúan para evitar posibles confusións por razóns de homonimia.

O Goberno incumpre varias leis propias e o tratado bilateral de extradición con Arxentina

Seguen os incumprimentos. Segundo: unha vez cursada e recibida orde de arresto, as autoridades competentes deben proceder á detención dos reclamados. Terceiro, segundo a Lei de Extradición Pasiva española, a vintena de imputados (menos o ex ministro Antonio Barrera de Irimo, falecido recentemente, o que extinguiu a acción penal) pasan a disposición do Xulgado Central de Instrución da Audiencia Nacional que estea de garda. Nun prazo non superior a 24 horas.

Cuarto. O xulgado decreta prisión provisional para os acusados ou ben dispón a súa liberdade con medidas cautelares para evitar a súa fuga: retirada de pasaporte, vixilancia de domicilio, orde de non ausentarse dun lugar determinado sen autorización xudicial ou de presentarse periodicamente ante a autoridade designada e prestación de fianza. Quinto, España comunica a Arxentina que pode solicitar a extradición no prazo que determine. A detención preventiva non pode prolongarse máis aló de 40 días.

"Os últimos responsables vivos da represión"

As disposicións anteriores coinciden co Tratado Bilateral de Extradición e Asistencia Xurídica en materia penal subscrito en Bos Aires -o 3 de marzo de 1987- entre o Reino de España e a República Arxentina. "Até a data, ningunha das medidas previstas legalmente foi adoptada", sinalan fontes de CeAQUA. E trátase, continúan, "dos últimos responsables vivos da represión franquista, algúns con penas previstas de cadea perpetua".

Que ocorreu a vez anterior? A Audiencia Nacional desestimou a extradición. O ex garda civil  Jesús Muñecas e o ex policía e membro da Brigada Político Social Juan Antonio González Pacheco, alcumado Billy el Niño, chegaron a declarar ante a Sala do Penal. Pero saíron libres de culpa. A Audiencia Nacional estimou que os crimes que lles atribuían prescribiron había 35 e 30 anos, respectivamente. Segundo os querelantes, Muñecas e Billy el Niño eran torturadores durante o réxime franquista. Delitos de lesa humanidade, para a xuíza Servini.

O rexeitamente á extradición visibilizou de novo a impunidade vixente do franquismo en España

Que significan estes pasos para a querela arxentina? O rexeitamento ao pedido de extradición dos represores policiais supuxo un revés para as vítimas. E visibilizou, con todo, unha mostra palpable de que a impunidade do franquismo segue vixente. A Audiencia Nacional nin tan sequera se escudou na Lei de Amnistía, norma obxecto de numerosas críticas por organismos internacionais.

A dificultade de xulgar os crimes do fascismo español ten un primeiro reflexo temporal que arrinca o 17 de xullo de 1936. Case nove décadas desde o alzamento militar e os represaliados estenden as súas reclamacións na busca, subliñan, de verdade, xustiza e reparación. Unha luva que recolle Arxentina e que, até o de agora, España non acaba de devolver.

Vítimas do franquismo denuncian a "artimaña" do Goberno español

Interpol España alega ante a súa xecretaría xeral, con sede en Lión (Francia), para non deter as vinte persoas reclamadas pola xustiza arxentina. A reclamación, aceptada, permite non aplicar o distintivo vermello que afecta á situación de persoas buscadas internacionalmente con orde de arresto. Unha "artimaña", denuncian vítimas do franquismo.

As vítimas meditan presentar denuncias "masivas" nos xulgados españois e manterán encontros con varios grupos parlamentarios

"Parécenos vergoñento que de forma tan descarada se protexa estes criminais", sinala o avogado Carlos Slepoy. A actuación da oficina Interpol España, incardinada na Dirección Xeral da Policía, significa a "impunidade" destes delitos.

As vítimas non descartan presentar denuncias "masivas" ante xulgados españois e prevén manter encontros con varios grupos parlamentarios. O letrado, un dos impulsores da querela arxentina por crimes do franquismo, apunta a posibilidade de que a xuíza María Servini pida a extradición. Isto obrigaría a pronunciarse, a favor ou en contra e de maneira sucesiva, ao Consello de Ministros, a Audiencia Nacional e ao Executivo, que tería a decisión final.

Antonio Carro Martínez © Congreso dos Deputados
Martín Villa e Utrera Molina © eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.