Medio millón de galegos atópase en situación de exclusión social

Un mendigo nunha rúa CC-BY-SA Eric Pouhier

Uns 174.000 fogares galegos atópanse en exclusión social. Son arredor de medio millón de persoas as que no país sufrirían situacións que lle impiden satisfacer necesidades básicas de traballo, vivenda, educación ou acceso á sanidade e, xa que logo, a súa participación plena na sociedade. Supoñen o 18% da poboación. Ese é tan só un dos datos que ofrece o I Informe sobre exclusión y desarrollo social en Galicia elaborado pola Fundación Foessa e que foi presentado este xoves por Cáritas e a Fundación Barrié.

Medio millón de persoas atópanse en exclusión social en Galicia, 130.000 delas en situación severa

O documento, que analiza con detalle os datos na autonomía a raíz das cifras xerais no conxunto do Estado, detaca que o espazo de exclusión social incrementouse tanto en España como en Galicia desde o comezo da crise -entre 2007 e 2013- e advirte da necesidade de "atención de urxencia" aos 55.000 fogares galegos (unhas 130.000 persoas) que se atopan en situación de exclusión social severa.

Os datos arrepían, aínda que Guillermo Fernández, do equipo de estudos de Cáritas, advertiu que Galicia aínda está lixeiramente menos afectada que o conxunto do Estado pola exclusión social, onde esta abranque a máis do 25% da poboación. Non obstante, no que si destaca o país é que é unha das comunidades autónomas que máis sofre os problemas "en ámbitos como a educación, a sanidade ou as pensións". "Ser maior de 65 anos en Galicia multiplica por tres o risco de exclusión social", dixo o representante a ONG, que destacou que dous terzos do medio millón de persoas en situación de exclusión xa o estaban antes da crise.

"Ser maior de 65 anos en Galicia multiplica por tres o risco de exclusión social"

Ademais, o informe tamén fai fincapé nas distintas formas de exclusión e no feito de que, porcentualmente, é maior a poboación excluída que non se atopa en situación de pobreza, pero si con outras problemáticas que teñen que ver coa vivenda ou a formación. E aquí o envellecemento e perda de poboación nos últimos sete anos é clave, xa que supón "un constante aumento da taxa de dependencia, o que fai esperar un incremento importante da demanda de coidados para as persoas". Por outra banda, Galicia "supera o máximo tolerable (o 30% de ingresos)" de gasto en vivenda, o que se une ao aumento considerable do gasto medio por fogar nos últimos anos, ao igual que o gasto medio en saúde.

Para os autores do informe, Galicia aínda se sitúa como unha das comunidades con menor risco de pobreza e exclusión social no Estado. Non obstante, identifican aqueles espazos máis vulnerables na sociedade galega: o aumento da desigualdade, o incremento da baixa intensidade laboral nos fogares e o importante crecemento da carencia materal severa, especialmente no que se refire a manter a casa nunha temperatura axeitada, así como que cada vez haxa máis xente que asegura ter moita dificultade para chegar a fin de mes.

O colectivo máis vulnerable é o das 177.000 persoas afectada pola exclusión e en situación de pobreza

En canto aos casos de maior dificultade, o informe identifica os segmentos da poboación galega que contan con maiores dificultades e que son máis vulnerables: a poboación afectada por procesos de exclusión e situación de pobreza, unhas 177.000 persoas nuns 59.000 fogares. Ademais, repara na situación de risco fronte á extensión da pobreza dos fogares excluídos que se sitúan por riba do limiar da pobreza, xa que "a súa situación suponlles unha maior vulnerabilidade fronte ao contexto de crise de emprego", ao igual que aqueles fogares que están xa situados na "pobreza integrada", na que a persistencia desta situación "pódelles dificultar manterse plenamente integrados".

Así, as situacións máis habituais de exclusión da poboación galega concéntranse principalmente no eixo económico, 7 de cada 10 persoas, e o eixo político e de cidadanía, 8 de cada 10 persoas en exclusión social. Por outra banda, o eixo social-relacional afecta ao 22,5% da poboación excluída. En concreto, os problemas de exclusión que máis afectan aos galegos son os relacionados co emprego, a vivenda e a saúde.

En definitiva, e de considerarmos a taxa de exclusión social dos fogares e da poboación, en temros de probabilidade de sufriresta característica, o risco de exclusión social dos fogares en Galicia é do 16,9% fronte ao 17,9% en referencia á poboación. Se analizamos estes dous aspectos, hai algunhas características entre as que este risco é notablemente superior á media e que permiten identificar as situacións de maior perigo de afastamento do espazo integrado.

O traballo irregular cuadriplica a taxa de exclusión social entre a poboación galega

Así, o traballo irregular cuadriplica a taxa de exclusión social entre a poboación galega, mentres que o desemprego e o de longa duración o duplica. Estas mesmas características incrementan o risco de exclusión entre os fogares de Galicia, ao mesmo tempo que os fogares dos barrios degradados ou marxinais (47%), os fogares con baixa intensidade laboral (46%), con persoas maiores de 18 anos (32%) e aqueles con algunha persoa con discapacidade (28%) completan o perfil das familias con maior risco de exclusión social.

Un mendigo nunha rúa CC-BY-SA Eric Pouhier

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.