Hai unhas semanas soubemos que a Xunta gastará ao redor de 600 mil euros nunha nova campaña publicitaria de fomento á natalidade. A medida complementa o Plan de Dinamización Demográfica, un conxunto de iniciativas con máis contido propagandístico que real, pois practicamente non achegan incentivos materiais para axudar a unha persoa que teña un fillo ou filla, alén dalgunha cativa dedución fiscal. A campaña publicitaria e o conxunto do plan foron obxecto dunha severa crítica a cargo das forzas da oposición.
Por exemplo, Carmen Gallego (PSdeG) culificou de "cínico" que o Goberno destine fondos a estas campañas mentres retira servizos públicos. Para Juan Fajardo (AGE) é "hipócrita" que "por unha banda, se anime a cidadanía a ter fillas e fillos" para "despois, deixalos abandonados á súa sorte por parte da Xunta". E para Carme Adán (BNG) resulta "indecente" desenvolver campañas coma esta mentres, por exemplo, no mercado laboral a maternidade supón un prexuízo para as mulleres ou mentres "soben o prezo das escolas infantís e da atención á dependencia".
A realidade é que Galicia presenta unha das taxas de natalidade máis baixas de toda Europa. Porén, a pesar de que dende a administración se leva exhortando os galegos e galegas a ter fillos, esta petición poucas veces abandonou o plano da retórica, ofrecendo moi escaso apoio real, económico, na duración das baixas por maternidade e paternidade ou nas fórmulas de conciliación da vida laboral. Fronte á retórica das campañas de promoción da natalidade, datos e feitos.
En Alemaña a baixa laboral por maternidade co 100% do salario é de 14 semanas, pero a ela hai que sumar unha baixa dun ano de duración co 67% do salario para a nai e outra da mesma duración e condicións para o pai
As baixas pagadas por maternidade chegan ata as 16 semanas en España, ás que se suman outras dúas semanas de baixa por paternidade. En Alemaña, a situación é ben distinta: a baixa laboral por maternidade co 100% do salario é de 14 semanas, pero a ela hai que sumar unha baixa dun ano de duración co 67% do salario para a nai e outra da mesma duración e condicións para o pai. Suecia, Austria, Reino Unido, Noruega ou Dinamarca tamén ofrecen baixas retribuídas dun ano de duración. Non é a única diferenza. En España as nais poden recibir unha axuda de 100 euros ao mes cando teñen un fillo ou filla, pero só durante tres anos e só no caso de que traballen. Pola contra, en Alemaña esta axuda é incondicional, chega aos 184 euros e dura ata que o rapaz ou rapaza fai 18 anos. Nos países nórdicos e Austria atopamos fórmulas semellantes.
España é un dos países con menor flexibilidade nos horarios laborais
Outras diferenzas importantes están nas fórmulas para a conciliación da vida laboral e familiar. España é un dos países con menor flexibilidade nos horarios laborais, o que dificulta moito a vida de nais e pais. O 88% dos e das traballadoras ten un horario ríxido, 17 puntos por riba da media europea (71%) e a moita distancia de países como Finlandia (44%). Ademais, en lugares como Noruega ou Suecia aplícanse outras medidas, coma a posibilidade de acollerse a baixas laborais retribuídas en caso de enfermidade dun fillo. Todo isto -entre outros factores- favoreceu que estes países, que nos anos 60 ou 70 presentaban algunhas das taxas de natalidade máis baixas do mundo, conseguisen incrementalas nas últimas decadas, duplicando na actualidade a taxa de nacementos que se rexistra en Galicia. E todo isto, ademais, en países nos que a incorporación da muller ao mundo laboral é practicamente unánime e nos que a porcentaxe de mulleres en cargos directivos está entre as máis altas do mundo.
A redución do número de persoas inmigrantes (maioritariamente novas) chegadas a Galicia e a España nos últimos anos, froito da crise económica, tamén fixo diminuír notablemente o número de nacementos
A taxa de natalidade en Galicia situouse en 2013 no 7,17 por mil, con menos de vinte mil nacementos fronte a máis de trinta mil defuncións. A taxa é, ademais, dous puntos máis baixa que a media do Estado Español. Chama a atención, ademais, que son as mulleres extranxeiras as que elevan un chisco o dato, tanto en Galicia coma no conxunto de España, con taxas que duplican a media. A redución do número de persoas inmigrantes (maioritariamente novas) chegadas a Galicia e a España nos últimos anos, froito da crise económica, tamén fixo diminuír notablemente o número de nacementos.
2004 | 2005 | 2006 | 2007 | 2008 | 2009 | 2010 | 2011 | 2012 | 2013 | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Galicia | 7,6 | 7,74 | 7,83 | 7,92 | 8,4 | 8,14 | 7,96 | 7,79 | 7,63 | 7,17 |
Galicia (mulleres estranxeiras) | 18,25 | 18,1 | 16,59 | 17,08 | 18,43 | 17,72 | 17,39 | 15,08 | 15,17 | 14,21 |
España | 10,57 | 10,65 | 10,85 | 10,86 | 11,28 | 10,65 | 10,42 | 10,07 | 9,69 | 9,11 |
Taxa de natalidade. Tanto por mil. Fonte: INE
A media de fillos estimados por muller (un dato coñecido como indicador coxuntural de fecundidade) sitúase en Galicia no 1,04 (datos de 2013), por debaixo da media española (1,27) e moi lonxe da media da UE (1,58, segundo datos de Eurostat de 2012), con cifras que oscilan moito pero qeu superan notablemente as rexistradas en Galicia: Alemaña: 1,38. Francia: 2,01. Italia: 1,43. Portugal: 1,28. Suecia: 1,91. Reino Unido: 1,92.
1975 | 1980 | 1985 | 1990 | 1995 | 2000 | 2005 | 2009 | 2010 | 2011 | 2012 | 2013 | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Galicia | 2,38 | 2,07 | 1,48 | 1,17 | 0,95 | 0,96 | 1,02 | 1,10 | 1,09 | 1,08 | 1,08 | 1,04 |
España | 2,8 | 2,21 | 1,64 | 1,36 | 1,17 | 1,23 | 1,33 | 1,38 | 1,37 | 1,34 | 1,32 | 1,27 |
Indicador coxuntural de fecundidade (número medio estimado de fillos por muller)
María Dolores Puga, investigadora do Instituto de Economía, Xeografía e Demografía do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC, destacaba hai uns días en entrevista en Praza que os datos de natalidade en Galicia presentaban certas particularidades que explicaban a baixa taxa global e o reducido número de nacementos. E todas elas, ademais, teñen explicacións económicas. Por unha banda, está a cada vez máis tardía idade na que as mulleres galegas teñen o seu primeiro fillo, acadando xa unha media por riba dos 31 anos de idade. As limitacións económicas e a imposibilidade de compaxinar o feito de ter un fillo con desenvolver unha carreira profesional fan imposible para moitas mulleres ter un fillo ou filla a pesar de si querer ser nais.
1975 | 1980 | 1985 | 1990 | 1995 | 2000 | 2005 | 2008 | 2009 | 2010 | 2011 | 2012 | 2013 | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Galicia | 24,6 | 24,3 | 24,8 | 26 | 27,7 | 29 | 29,9 | 30,2 | 30,5 | 30,7 | 31 | 31,1 | 31,2 |
España | 25,2 | 25,1 | 25,8 | 26,8 | 28,4 | 29,1 | 29,3 | 29,3 | 29,6 | 29,8 | 30,1 | 30,3 | 30,4 |
Idade media do nacemento do primeiro fillo en Galicia e España. Fonte: INE
Os partos cada vez se producen en idades máis avanzadas, sendo xa os 35 anos a idade na que se producen máis partos. De feito, hoxe en día hai en Galicia unha taxa de fecundidade superior nas mulleres de 40 anos ca nas mulleres de 25.
De feito, os partos cada vez se producen en idades máis avanzadas, sendo xa os 35 anos a idade na que se producen máis partos. De feito, hoxe en día hai en Galicia unha taxa de fecundidade superior nas mulleres de 40 anos ca nas mulleres de 25. "Nos discursos dos políticos repítese unha cuestión de vontade: 'temos que ter máis fillos', pero en realidade non se poñen os medios e as medidas para facilitar que iso ocorra. Nas enquisas vese que a xente si quere ter máis fillos, polo tanto o problema non é de vontade. A xente quere ter dous fillos e pico de media e acaba tendo un", destacaba María Dolores Puga, botando man de datos coma os reflectidos por algunha enquisa do CIS, na que os e as entrevistadas declaraban que o seu número ideal de fillos e fillas era de 2,74 de media. Nesa enquisa, os motivos alegados para non ter o número de fillos e fillas desexado eran a "falta de ingresos suficientes" e a "dificultade de compaxinar fillos e traballo".
1975 | 1980 | 1985 | 1990 | 1995 | 2000 | 2005 | 2009 | 2010 | 2011 | 2012 | 2013 | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
20 anos | 111,2 | 119,2 | 74 | 48,7 | 24,1 | 18,3 | 15,1 | 17,5 | 17,2 | 14,6 | 14,5 | 11,9 |
25 anos | 153,2 | 128,4 | 94,2 | 76,2 | 55,2 | 37,8 | 35,4 | 34,6 | 33 | 30,4 | 29 | 29 |
30 anos | 123,5 | 97,8 | 73,1 | 71,1 | 70,8 | 76,9 | 75,7 | 74 | 71,4 | 69,7 | 68 | 66,2 |
35 anos | 62,3 | 50,7 | 38,5 | 31,1 | 35,2 | 48,9 | 64,4 | 74,2 | 75 | 76,6 | 78,1 | 74,6 |
40 anos | 34,1 | 24,2 | 13,2 | 8 | 7,6 | 10,8 | 15,4 | 19,9 | 22,4 | 26,4 | 26,6 | 27,7 |
45 anos | 4,3 | 3,4 | 2 | 1,3 | 0,6 | 0,7 | 0,9 | 2,8 | 1,8 | 1,9 | 2,1 | 2,8 |
Evolución da taxa de fecundidade por idades en Galicia. Fonte: INE
"A falta de emprego, as políticas de vivenda..., están atrasando moito a idade media de maternidade, que xa se sitúa entre os 30 e os 35 anos, e así é complicado ter dous ou tres fillos"
"A maior parte da xente quere ter máis nenos dos que finalmente pode ter", sinalaba María Dolores Puga, pero "a falta de emprego, as políticas de vivenda..., están atrasando moito a idade media de maternidade, que xa se sitúa entre os 30 e os 35 anos, e así é complicado ter dous ou tres fillos". "Non imos volver ás cifras de hai décadas, pero certas medidas si poden favorecer que a xente teña o seu primeiro fillo nas idades nas que queren telo, xusto antes de chegar aos 30", propoñía.
Outra característica da natalidade en Galicia é que a proporción de familias que só ten un fillo é moi superior á doutros países europeos. "A xente quere ter máis dun fillo, pero normalmente queda no primeiro. Iso diferéncianos doutras sociedades, coma o Reino Unido ou Alemaña. Alí as taxas de natalidade son semellantes á nosa, algo maiores pero moi pouco, mais isto é porque hai un grupo grande da poboación que xa decide non ter fillos, e outro grupo que ten dous ou tres", destacaba Puga. "Isto non pasa en Galicia: aquí o número baixo de fillos por muller é consecuencia de que as familias teñen un só fillo, non de que haxa un grupo grande de persoas que non quere ter fillos", engadía.
"Case todas as familias galegas, aínda que sexa tarde, fan o esforzo de ter un fillo, pero non conseguen pasar do primeiro ao segundo", sinalaba Puga. "Ese é o gran problema que temos: pasar do primeiro ao segundo", concluía
Por exemplo, entre as mulleres españolas nacidas ao redor do ano 1965, a porcentaxe de nais de fillo ou filla única é do 28%, cun 12% de mulleres sen fillos, un 46% que teñen dous fillos ou fillas e ao redor dun 12% que teñen máis de dous. Pola conta, no Reino Unido, as porcentaxes son moi distintas: máis un 20% das mulleres desa idade non teñen fillos, e ao redor dun 12% teñen un fillo ou filla única; un 35% ten dous fillos e máis do 30% teñen máis de dous. "Case todas as familias galegas, aínda que sexa tarde, fan o esforzo de ter un fillo, pero non conseguen pasar do primeiro ao segundo", sinalaba Puga. "Ese é o gran problema que temos: pasar do primeiro ao segundo", concluía.