Europa rexeita unificar o criterio sobre os transxénicos e reaviva o debate en Galicia

A nova normativa da UE permite aos Estados decidir sobre os transxénicos © PGA

Europa rexeitou unificar a súa normativa respecto dos cultivos transxénicos. Este martes, o Parlamento Europeo, co apoio maioritario de populares e socialdemócratas, aprobou a reforma da directiva comunitaria que ofrece a posibilidade de que sexan os diferentes gobernos dos Estados os que veten uns cultivos que, pola contra, si poden ser admitidos noutros. O cambio supón que esas autorizacións para sementes modificadas xeneticamente, que eran aplicables en todos os países da UE, dependan agora de cada territorio. Unha postura diferenciada que abrirá máis a fenda entre os dous grandes bloques enfrontados.

Europa rexeitou unificar a súa normativa e agora cada Estado decidirá sobre as autorizacións de cultivos transxénicos

As consecuencias desta nova normativa non contentan a ninguén. Nin entre os partidarios dos transxénicos nin entre os que os rexeitan hai acordo sobre as posibilidades que se abren, e en ambos os dous casos ven cousas positivas e negativas na regulamentación. Tanto os principais produtores destas sementes -Monsanto é o máis importante- como o Goberno de España -destacado e principal produtor de cultivos en Europa- consideran que esta reforma ataca o mercado único e que a suposta axilización dos trámites non é tanta. Os grupos ecoloxistas, pola contra, cren que pode supor a entrada masiva de organismos xeneticamente modificados (OXM), aínda que tamén interprentan que os cambios permitirían que as comunidades autónomas que xa amosaron a súa disposición a vetalos puidesen levar a cabo esta prohibición. Esta última opción parece, non obstante, moi complicada xa que as autorizacións dependen directamente do Ministerio de Agricultura e de Madrid, que non parece disposta a aceptar as propostas que cheguen das comunidades.

Grupos ecoloxistas cren que a reforma permitiría que as autonomías vetasen os transxénicos, aínda que as autorizacións son estatais

Greenpeace, por exemplo, anima as comunidades autónomas a prohibir o cultivo de transxénicos no seu territorio e a seguir o exemplo do País Vasco, que manifestou a súa intención de vetalos. Cita incluso a Galicia como un dos lugares que "mostrou o rexeitamento" a estes cultivos, en alusión a un acordo parlamentario unánime de 2008 no que se "insta a Xunta a que, no ámbito das súas competencias, non contemple a produción dos cultivos transxénicos destinados ao consumo humano e animal". Non obstante, pouco ou nada se cumpriu deste pacto que acaba sendo máis simbólico de non ter detrás unha iniciativa política clara sobre un tema no que o Estado decide.

O acordo pedía "incentivar as producións agrogandeiras tradicionais, de calidade e os cultivos ecolóxicos e impedir a súa hibridación e/ou polinización por outros organismos modificados xeneticamente", asi como "establecer sistemas de identificación e control", detallar ao consumidor sobre a procedencia dos produtos, a "incentivación da investigación en biotecnoloxía e enxeñería xenética" e a información e formación á cidadanía e sobre todo aos profesionais agrogandeiros de "todos os aspectos e efectos relacionados cos OXM".

Un acordo unánime do Parlamento galego en 2008 instaba a Xunta a "non contemplar a produción de cultivos transxénicos"

Xa o pasado mes de novembro, AGE presentara no Parlamento unha proposición, rexeitada polo PP, na que se exixía á Xunta que se comprometese coa produción agrogandeira "sostíbel, de calidade e de cercanía" e que que se cumprise e actualizase aquel acordo parlamentario "incumprido flagrantemente". O deputado que presentara aquela iniciativa, Antón Sánchez, anuncia xa que o seu grupo -e ante a reforma da normativa na UE- vén de presentar iniciativas para que o Parlamento galego debata sobre o asunto.

“O combate por un modelo agrario sostíbel baseado na agricultura local e de proximidade e fóra do control das multinacionais agroindustriais”, sinala Sánchez, “esixe necesariamente unha política común europea, debido ás características dos cultivos transxénicos e á posibilidade de contaminación entre Estados”. O parlamentario reclama que "Galiza encabece a loita contra os alimentos transxénicos".

AGE vén de presentar iniciativas para que se debata o tema e co obxectivo de que "Galiza lidere aloita contra os transxénicos"

 

España, líder en cultivos transxénicos

En todo caso, e malia que España si que destaca como principal produtor en Europa, non ten unha plantación masiva de transxénicos. Desde hai xa anos, cultívase millo transxénicos de maneira experimental en concellos como Arzúa, ARteixo, Mesía, Ribeira, Touro, Chantada, Val do Dubra, Vilalba ou Lalín, entre outros, moitas veces sen que as administracións locais saiban destas plantacións, que son autorizadas polo Estado e negociadas con propietarios por parte de empresas como Monsanto.

En Galicia varios concellos acollen cultivos experimentais de transxénicos autorizados polo Estado e malia declararse 'zona libre' destes produtos

De feito, algúns deses mesmos concellos que os acollen declaráronse Zona Libre de Transxénicos na iniciativa levada a cabo pola Plataforma Galega Antitransxénicos. Son 27 localidades entre as que se inclúen Val do Dubra, Lalín, Teo, Compostela, Muros, Ribadavia ou Allariz.

Moi diferente é o caso do Estado, onde se cultiva esta variedade MON810 de maínzo modificado xeneticamente nun total de 13.500 hectáreas propiedades de Monsanto. Supoñen máis do 30% de todo o millo en gran que se cultiva en España e detrás, a moita distancia, viría Portugal con 8.500 hectáreas, seguido de República Checa, Eslovaquia ou Romanía, onde tamén se permiten estas plantacións. Pola contra, Francia e Alemaña lideran o bloque totalmente contrario ao desenvolvemento destes OXM.

Malia as dúbidas que supón esta nova normativa europea, os colectivos que lideran a loita contra os cultivos transxénicos ven tamén nela a posibilidade de volver abrir un debate que levaba algúns anos adormecido. A postura de España é clara, xa que é a porta pola que os OXM entran en Europa e o territorio onde máis facilidades se lles dá.

En Europa, Lidia Senra, eurodeputada de AGE en Europa (AGEe) e representante do grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica na Comisión de Agricultura, cualificou de “farsa” a resolución aprobada e de “delirio” que alguén poida crer "a coexistencia de cultivos ecolóxicos e transxénicos sen contaminación dos primeiros". Así, demandou unha directiva que prohiba os cultivos e alimentos transxénicos na UE e a "inmediata paralización do TTIP".

Manifestación contra os cultivos transxénicos © PGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.