0 Gardados para despois

As fórmulas legais para abaratar o prezo do tratamento contra a hepatite C

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O laboratorio californiano Gilead, fabricante de Sovaldi, fármaco que probou a súa eficacia contra os efectos da hepatite C, vende este tratamento a 72.000 euros. Se multiplicamos esta cifra polo número de pacientes aos que se lles debería administrar o fármaco nun país como España (de forma máis ou menos urxente a uns 30 mil) resultan dúas certezas: primeira, a dun lucrativo negocio para Gilead; e, en segundo lugar, a dun risco certo para o sostemento do sistema público de saúde. Porque non se trata só de Sovaldi e de Gilead. Este mesmo luns a Organización Médica Colexial (OMC) alertou de que a escalada de prezos de determinados fármacos innovadores forzada polos seus fabricantes pode provocar un "colapso" financeiro do sistema

Dende a Plataforma de Afectados pola Hepatite C lémbrase que a saúde e as vidas dos cidadáns debe estar por riba de calquera cálculo económico e destacouse que "para rescatar Bankia si se atoparon cartos"

Ante isto, cada país está adoptando unha estratexia de negociación distinta ante Gilead. E o propio Gilead está ofrecendo prezos distintos a cada país en función do seu poder adquisitivo. Así pois, o tratamento de Sovaldi ten un custe de 1.394 euros en Paquistán (outro prezo sería imposible de pagar), pero o laboratorio obterá beneficios nun territorio con dez millóns de persoas con hepatite c. España negociou un prezo de 55 mil euros por tratamento e o Reino Unido 45 mil, e ambos os dous semellan estar querendo limitar o máximo o número de beneficiarios do fármaco, para recortar tamén o groso da factura final. Outros, como Australia, directamente negáronse a incluílo na carteira de medicamentos financiados polo sistema público de saúde.

En calquera caso, dende a Plataforma de Afectados pola Hepatite C lémbrase que a saúde e as vidas dos cidadáns debe estar por riba de calquera cálculo económico e destacouse que "para rescatar Bankia si se atoparon cartos". O mesmo sinalaba hai unhas semanas Xulia Alonso, da plataforma galega de afectados: "É lamentable entrar no debate sobre o custe económico deste tratamento. É como se agora din que non se poden facer quimioterapias porque non hai cartos. Sería un escandalazo".

Na súa intervención, o presidente da OMC, Juan José Rodríguez Sendín, cualificou de "disparatados" os prezos e propuxo a creación dun fondo específico e finalista que lle dea cobertura ás necesidades que fixe o comité de expertos do plan estratéxico para a abordaxe da hepatite C, e tamén modificar o actual modelo de relación da industria farmacéutica co sistema de saúde.

Xosé María Torres Bouza: "O Goberno ten que garantir que este medicamento chegue a todas as persoas ás que os seus médicos hepatólogos, de forma libre e non mediatizados por unha comisión, llos receitaron"

O ortegano Xosé María Torres Bouza, farmacéutico e membro da ONG Farmamundi, destaca que "o Goberno ten que garantir que este medicamento chegue a todas as persoas ás que os seus médicos hepatólogos, de forma libre e non mediatizados por unha comisión, llos receitaron. Polo tanto ten adoptar as medidas necesarias para facelo". E hai alternativas dentro da legalidade, máis aló da aceptación do prezo imposto polos laboratorios ou da negociación para unha leve rebaixa no seu prezo.

A máis factible sería a emisión dunha licenza obrigatoria, que lle permitiría a España fabricar estes fármacos como produto xenérico a un prezo menor. "As licencias obrigatorias son un mecanismo contemplado no artigo 31 do Acordo para os Dereitos da Propiedade Intelectual relacionada co comercio (TRIPS), que é un dos convenios fundacionais da OMC. Está tamén regulado pola lei española de patentes, que aclara que debe facerse por Real Decreto e delimita dous campos de xeito preciso: a saúde pública e a defensa nacional", explica. Tras a emisión da licenza obrigatoria, o titular da patente (Gilead) mantería os seus dereitos sobre ela e cobraría unha parte (pequena, ao redor do 5%) do prezo de venda; o prezo debería negociarse e pode que finalmente tivese que ser decidido xudicialmente, pero sen dúbida sería moi inferior ao actual.

O simple anuncio da posible emisión dunha licenza obrigatoria "podería ser en si mesmo unha vitoria e levar a un descenso automático dos prezos"

Xosé María Torres destaca que "o simple anuncio da posta en marcha deste mecanismo podería ser en si mesmo unha vitoria e levar a un descenso automático dos prezos". Comenta casos recentes en que importantes laboratorios recortaron os seus prezos simplemente pola ameaza de emisión destas licenzas; así pasou en Colombia e tamén cando Estados Unidos no ano 2001 ante o temor á extensión dunha epidemia de ántrax ameazou a Bayer con facelo: de inmediato a empresa alemá reduciu o prezo ata un 20% do orixinal.

Torres sinala que "as licenzas obrigatorias están pouco aplicadas nos países desenvolvidos, aínda que non hai nada que impida a súa aplicación". Como únicos riscos ou elementos negativos, destaca "a reacción do laboratorio, que podería ameazar con non realizar investigacións ou investimentos no país, ou con retirar os seus produtos o que no futuro podería levar a un atraso na chegada dalgún novo fármaco ou tratamento". "Tamén habería que ter en conta" -engade- "a presión que podería exercer o país de orixe dese laboratorio, neste caso Estados Unidos. Moitas veces son só farois. Xa sucedeu algo así cando Arxentina expropiou YPF, houbo unha reacción do Goberno español pero poucas accións reais".

Recentemente India atopou unha fórmula distinta, negándolle a Gilead a exclusividade da patente do sofosbuvir (a molécula que comercializa coa marca Sovaldi), o que permitirá a produción de deste medicamento en forma de xenérico e cun prezo 45 veces inferior. Outra fórmula posible, aínda que con algúns problemas legais engadidos, sería a expropiación. Aínda que estaría apoiada pola actual Lei de Expropiación Forzosa, é posible que o caso rematase nos tribunais, adiando a solución final.

Outra fórmula posible, aínda que con algúns problemas legais engadidos, sería a expropiación

Torres comenta que a actual situación "recorda ao que pasou hai anos cos medicamentos contra a SIDA, que tamén eran moi caros" e sinala que "con distintas accións logrouse rebaixar o seu prezo". E, ao igual que en varias ocasións fixeron os voceiros da plataforma galega de afectados, lembra que se ben o gasto que neste momento debe enfrontar o Estado é elevado, tamén o é o xerado polos trasplantes de fígado, unha media de 350 cada ano en España, con custes superiores aos 120.000 euros en cada operación.

Destaca, finalmente, que no fondo desta escalada de prezos dos novos fármacos está os custes das investigacións, que son efectivamente caras e que deben ser remuneradas. Porén, no caso de Gilead e o Sovaldi dáse unha circunstancia singular: en 2011 o laboratorio pagou 11.000 millóns de dólares por Pharmasset, verdadeiro descubridor do fármaco e que dedicara nos anos anteriores ao redor de 100 millóns anuais no desenvolvemento de Sovaldo. Este pagamento tan alto levou a que Gilead elevase notablemente o prezo final do fármaco, que triplicou o orixinalmente previsto. Nos nove primeiros meses de 2014 Gilead ingresou 8.500 millóns de dólares pola venda de Sovaldi, case o mesmo que pagou por el polo resto das patentes de estruturas de Pharmasset.

 

Os afectados: "manter o tema no centro do debate político e social"

A Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C celebrou unha asemblea esta fin de semana en Milladoiro. Nela, sinalouse a importancia de manter unha "forte presencia mediática" e conseguir que o problema siga "no centro do debate político e social". "A nosa batalla vaise definir en termos de ser quen de contrarrestar os anuncio propagandísticos gobernamentais. É imprescindible conseguir que non confunda á opinión pública, facéndolle crer que o problema está resolto", destacouse.

Sinalouse, ademais, a importancia de ter forzado unha xuntanza coa conselleira de Sanidade, a pesar de que nun comezo dende o Goberno galego se ofreceu un encontro co Director Xeral de Asistencia e coa Subdirectora Xeral de Farmacia. "Unha mostra de ata que punto non querían provocar un conflito connosco", destacan. Entre as accións previstas para as vindeiras semanas, destaca o envío dunha moción a todos os grupos municipais dos concellos galegos de máis de 15.000 habitantes para a súa aprobación e pronunciamento.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.