Un pulo colectivo a prol da nosa lingua

Cartaz da manifestación Dominio Público Queremos Galego

Unha manifestación, que se prevé multitudinaria, percorrerá as rúas de Compostela este domingo a partir das 12 da mañá baixo o lema “Polas fillas dos nosos fillos” e en defensa da lingua propia de Galicia. A marcha, convocada polas máis de 600 entidades que conforman a plataforma Queremos Galego, quere ser unha resposta á situación de devalo no uso da lingua, sobre todo por parte da mocidade, posta de manifesto por estudos do IGE e do INE. Porén, tamén supón unha denuncia da política lingüística exercida polos gobernos de Alberto Núñez Feijoo, “atacando a oficialidade conseguida hai máis de 30 anos coa mobilización social e excluíndoo o noso idioma de todas as etapas educativas através do decretazo contra o galego que por primeira vez prohibe o seu uso en determinadas materias”.

"A transmisión da lingua é a garantía de que o galego vai chegar vivo ao século XXII”, salienta a plataforma, facendo fincapé nos “miles de pais e nais que fan esforzos enormes para poderen transmitir a nosa lingua, mesmo cun sobrecuste económico”

Queremos Galego publicou nos últimos días dous vídeos nos que distintos persoeiros públicos apoian a convocatoria e lembran as moitas razóns que a fan necesaria. Os actores e actrices Ricardo de Barreiro, Quico Cadaval, Pepe Penabade, Laura Ponte, Lucho Penabade, Pepe Penabade, Isabel Risco, Teresa Rodríguez e Iria Sobrado fan un chamamento á participación, sobre todo pensando na "transmisión xeracional do idioma". "A transmisión da lingua é a garantía de que o galego vai chegar vivo ao século XXII”, salienta a plataforma, facendo fincapé nos “miles de pais e nais que fan esforzos enormes para poderen transmitir a nosa lingua, mesmo cun sobrecuste económico” e lembrando que “o público infantil non ten acceso a DVD dos seus filmes favoritos en galego, que non hai opción de xoguetes infantís en galego, que as editoriais e a produción musical e escénica está viva e activa só grazas ao público”.

A difícil situación da lingua foi lembrada tamén polas organizacións políticas e sociais que apoian a convocatoria e que nos últimos días e que fixeron chamamentos á participación, dende o BNG a Podemos, pasando por Anova, Esquerda Unida ou, Compromiso ou o PSdeG-PSOE. Tamén por sindicatos e entidades culturais e educativas: por exemplo, Nova Escola Galega publicou o pasado 31 de xaneiro a declaración O devalo lingüístico, na que reclamou "a necesidade dunha planificación que, en clave de país e de futuro, convoque aos distintos sectores sociais nun pulo colectivo a prol da nosa lingua e da nosa cultura". O mesmo fixo a Real Academia Galega, que demandou a derrogación do decreto de plurilingüismo aprobado en 2010 "e o establecemento dun marco legal que permita unha presenza suficiente do galego no ensino". Ou a Mesa, cando denunciou ante a ONU "as diferentes discriminacións que os galegofalantes sofren no seu propio país".

Tamén a AGAL fixo unha interesante achega ao debate, a través dun manifesto que sinalaba que "na Galiza levam-se três décadas aplicando a mesma estratégia no ámbito da língua, e levamos o mesmo tempo recebendo os mesmos dados, negativos, sobre o seu uso social" e apostaba por un new-deal para o galego, un "novo consenso" que tomase como punto de partida a Lei Paz Andrade e un "espaço para o português na Galiza sem necessidade de que ninguém perda o seu".

Xaime Subiela: "Somos os galego-falantes quen promovemos unha sociedade multilingüe oposta a unha sociedade monolingüe en castelán que promoven, activa ou pasivamente, os detractores do galego"

De igual xeito, puidemos ler moitas e moi interesantes reflexións en forma de artigo de opinión, coma a que nos ofrecía Valentina Formoso: "Este é seu Plan, o da ideoloxía lingüística que afianza o imaxinario social do galego como unha lingua B (...) Faise mediante centos de mensaxes indirectas, semi-indirectas e directísimas de que o galego é unha lingua de segunda, xa entrada en anos". Ou a de Xaime Subiela, que lembraba que "somos os galego-falantes quen promovemos unha sociedade multilingüe oposta a unha sociedade monolingüe en castelán que promoven, activa ou pasivamente, os detractores do galego" e engadía que, sen compartir "a idea que todo o feito ata o momento na promoción do galego fose un desastre", "hai moitos anos que está esgotado e que deberíamos andar a outra cousa. Fomos perdendo forza e hoxe boa parte da normalización é entropía, enerxía incapaz de realizar traballo útil".

Cartaz da manifestación Dominio Público Queremos Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.