As forzas progresistas únense na promesa de eliminar os símbolos franquistas na Coruña

Placa da rúa División Azul na Coruña CC-BY Drow male

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña amosou este mércores a unión de todos os partidos e organizacións progresistas da Coruña, comprometidos a incorporar no seu programa de cara ás municipais a proposta da entidade para a retirada dos máis de trinta símbolos franquistas aínda presentes na cidade e para o cumprimento da Lei da Memoria Histórica. 

Todas as formacións progresistas da Coruña comprométense a retirar a simboloxía franquista e incluír a proposta no seu programa

Representantes de dez formacións (BNG, Anova, Cerna, Compromiso por Galicia, Marea Atlántica, Podemos, EU, PSOE, Equo e Espazo Ecosociaista) apoiaron a Comisión e comprometéronse así, no caso de ter responsabilidades de goberno, a dar cumprimento aos acordos municipais do propio goberno local para a supresión desta simboloxía fascista que se mantén no rueiro coruñés. "Representan unha gran maioría social ao unir todas as organizacións progresistas da cidade; é a unión popular", explicou Rubén Afonso, secretario da CRMH, que aclarou que son ata 16 o total de organizacións da comarca que se adheriron á proposta.

"O éxito ten que ser da cidadanía porque será a presión social a que acabe con isto", insistiu Afonso, que asegura "non entender por que se mantén aínda a simboloxía franquista", aínda que aludiu a "intereses electorais" por parte do alcalde Carlos Negreira para non cumprir coa lei e mesmo con acordos do pleno municipal. "Ten un grupo de votantes que son contrarios a retirar esa simboloxía, que el considera importantes e determinantes e que non quere perder; entre 5.000 e 7.000 votos", di Afonso, secretario dunha CRMH que xa enviou ao rexedor a mesma proposta para a retirada do rueiro fascista. Será, non obstante, o resultado electoral quen determine o futuro do rueiro que exalta a ditadura: só a maioría absoluta do PP impediría que non se eliminase de vez. 

"Negreira mantén aínda a simboloxía franquista por intereses electorais", di a CRMH

Logo de que o xulgado do contencioso-administrativo número 4 da Coruña admitise a trámite o recurso interposto pola CRMH polo incumprimento dos acordos municipais, o que obrigará ao Concello a responder ante a xustiza por manter rúas franquistas, a Comisión asegura agora o compromiso de todas as forzas progresistas para acabar con esta anomalía histórica. 

Nesta proposta, a CRMH solicita a supresión da simboloxía franquista que aínda queda na cidade "no prazo de tres meses" e en cumprimento así do acordo plenario de setembro de 2009 xa que, malia ser licitada a retirada das placas, nada nunca se fixo. A Comisión lembra que deberían suprimirse as denominacións de diferentes lugares como a avenida Calvo Sotelo, peirao de Calvo Sotelo, praza de José Toubes, avenida Salgado Torres, peirao Almirante Vierna, Diego Delicado Marañón, Disciplina (recuperando o seu nome tradicional de Liberdade) ou avenida de Primo de Rivera.

Tamén se reclama, entre outras, a eliminación da distinción honorífica de fillo adoptivo a Manuel Fraga, concedida en 1968 polos "servizos prestados á ditadura franquista", así como a Laureano López Rodó, ministro da ditadura; Diego Delicado Marañón, presidente da Deputación no franquismo, José Manuel Pardo de Santayana, gobernador civil na ditadura e xefe provincial do Movimiento e José Calvo Sotelo, que tamén é fillo predilecto. Ademais, a proposición reclama unha lembranza aos funcionarios municipais represaliados e o recoñecemento a todas as vítimas do franquismo por parte do Concello. 

 

Denuncia a tres alcaldes galegos por manter símbolos franquistas

O compromiso de todas as forzas progresistas na Coruña chega un día despois de que o TSXG dese a razón ao alcalde socialista de Vigo, Abel Caballero, e permitise manter en pé a Cruz do Castro franquista da cidade, cuxa derruba fora admitida por un xulgado da urbe. O presidente da CRMH da Coruña, Rubén Afonso, amosou a súa disconformidade co ditame e dixo estar "de acordo" co voto particular dunha maxistrada que considera que a supresión do símbolo debería terse levado a cabo en cumprimento coa Lei da Memoria Histórica. "Non é só unha cruz relixiosa, é unha conmemoración das matanzas e fusilamentos levadas a cabo nese lugar por parte dos franquistas", lembrou. 

Os alcaldes de Vigo, Lugo e Verín son denunciados por manter simboloxía franquista nunha querela que abrangue 38 municipios do Estado, pero non A Coruña

Precisamente, Vigo é unha das cidades cuxo alcalde será denunciado por desobediencia ao acusalo de ter incumprido presuntamente a Lei de Memoria Histórica ras non retirar os símbolos que conmemoran a Guerra Civil e a ditadura. Son un total de 38 os rexedores da querela impulsada polo avogado Eduardo Ranz Alonso, entre os que se inclúen tamén o de Lugo e Verín. 

Curiosamente, A Coruña -unha das capitais que máis símbolos franquistas mantén- non está na listaxe. "Faremos todo o que poidamos para colaborar nunha iniciativa que hai que aplaudir e apoiar", aseguran desde a CRMH da Coruña, que xa levou aos tribunais ao Concello tamén polo incumprimento da mesma lexislación e do acordo plenario.  

Os escritos de denuncia acusan os alcaldes de desobediencia por ter incumprido a normativa vixente desde 2007 que establece que "as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura". 

Membros das organizacións políticas xunto a Rubén Afonso, da CRMH CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.