"Non só non nos calarán, senón que seguiremos adiante... E despois da experiencia da pasada noite, con máis azos e esperanza ca nunca". Así de claro se manifestou en Praza Emilio Suárez, sacerdote en Coia e un dos voceiros da Asemblea Aberta do barrio, logo de que o Concello levase a cabo a colocación do polémico barco Alfageme na rotonda, entre un enorme despregamento policial, coa oposición dos veciños e tras meses de loita social. Unha loita que, anuncia, non rematará.
"Non mandaron militares de milagre, e todo contra a xente que está a defender os dereitos sociais", di Emilio Suárez, voceiro da Asemblea de Coia
"Non mandaron militares de milagre, e todo contra unha xente que está a defender os dereitos sociais e un maior investimento nas necesidades da xente máis necesitada", insiste Suárez, testemuña como moitos outros centos de veciños do navegar do buque polas rúas de Vigo, escoltado por centos de policías nacionais e locais e cos cidadáns contrarios á súa instalación retidos detrás dun cordón ou separados con cargas policiais.
Como sempre, Suárez e a Asemblea Aberta de Coia aclaran que o barco "tan só é o símbolo do desbalde de cartos públicos en cousas non necesarias, mentres se evita gastar diñeiro en cousas que si son urxentes e moito máis necesarias". "Hai moitas familias no barrio nunha situación límite e cando denunciamos que non hai axudas ou que estas chegan tarde, no Concello sempre nos responden que son cousas da burocracia ou mesmo advertíndonos de que non hai fondos", aclara o sacerdote, que destaca que "si hai cartos" para "enviar centos de policías para reprimir e intentar calar a boca á cidadanía".
"Non é o final da pelexa; seguiremos loitando para un maior investimento social e contra este símbolo do desbalde"
O barco xa está colocado e o Concello prevé facer a inauguración oficial da rotonda nos vindeiros días. A Asemblea Aberta, pola súa banda, volverá reunirse e concentrarse contra a obra na tarde deste xoves para decidir accións futuras. O que teñen claro é que a súa loita non parará. "Non é o final da pelexa; a defensa dos dereitos sociais seguirá ata que consigamos máis para a xente máis pobre e necesitada. Seguiremos loitando para un maior investimento social e contra este símbolo do desbalde", aclara quen xa non "espera nada" do alcalde Abel Caballero.
"Foxe disto porque el sempre presentou a súa acción social como modélica e das mellores de España, pero ata os traballadores sociais caeron en depresión ante a falta de medios para a demanda que teñen", recorda Emilio Suárez, que se pregunta que ten o rexedor vigués "contra os que intentan ser a voz dos empobrecidos".
Malia todo, a unión dos veciños e a loita conxunta dálle "máis esperanza" e xa advirte de que "a posibilidade de que o barco non acabe na rotonda existe". "Terá que acabar no museo, que é onde o quere a xente, e non só a xente, senón o pleno municipal, que en dúas ocasións rexeitou esta obra cos votos en contra de PP e BNG, que están a representar a cidadanía tamén". "A Caballeor deulle todo iugal porque se cre un monarca absoluto; el impuxo o barco aquí a pesar dos cartos que se perden e dos investimentos que se deixan de facer... E ademais é unha imaxe incrible, un pegote sen sentido", remata.
"A Caballero deulle todo igual e impuxo o barco na rotonda porque se cre un monarca absoluto", critica o sacerdote de Coia
A polémica do barco vén de lonxe. A cidadanía critica o elevado custo da obra (de cando menos 100.000 euros, como recoñece o goberno local), que se sumarían a outros gastos xerados por este barco, que dende que foi adquirido polo Concello acumula un desbaldimento de cartos públicos de case un millón de euros. Lembran que en todo o concello hai 32.000 persoas desempregadas. Propoñen tamén localizacións alternativas para a instalación deste barco, como por exemplo o Museo do Mar de Galicia, situado na cidade, unha proposta que foi aprobada pola maioría do pleno municipal, ou tamén na finca Zulueta, próxima ao museo. Pero o alcalde Caballero e o grupo socialista, malia a oposición de PP e BNG, seguiu adiante cun proxecto cuxas protestas levan xa varios detidos, algúns deles con importantes acusacións e pendentes de sentenza xudicial, e unha importante mobilización da cidadanía. O pleno municipal -cos votos de populares e nacionalistas- votou en contra das obras o pasado 22 de decembro, tal e como fixera dous meses antes.