O movemento cívico Somos Nós celebrou este sábado o seu acto fundacional. A presentación desta iniciativa tivo lugar na Facultade de Xornalismo da USC, en Compostela, e a ela asistiron máis dun cento de persoas, entre elas a maior parte dos seus impulsores e impulsoras. Nas distintas intervencións subliñouse, como xa se fixera anteriormente, que Somos Nós non nace como un movemento "para unir o nacionalismo" ou "refundalo" ou co obxectivo de ser un "competidor electoral", senón para "facer país" e "para unir a galegos e galegas".
Subliñouse que Somos Nós non nace como un movemento "para unir o nacionalismo" ou "refundalo" ou co obxectivo de ser un "competidor electoral", senón para "facer país" e "para unir a galegos e galegas"
Na presentación, o ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, fixo un chamamento a aquelas persoas "ás que lles importa Galicia, independentemente da súa condición política, nacionalistas e no nacionalistas, xente que fala en galego e xente que fala en castelán". "Temos que traballar conxuntamente", dixo, porque "os problemas sociais e económicos de Galicia non se van resolver nunca porque en Madrid goberne a, be ou ce" senón que "resolveranse se os galegos nos unimos e gobernamos nós a nosa terra dende aquí".
Noutra das intervencións, Ana Luísa Bouza destacou que a cidadanía está pedindo "outras formas de facer política", e reiterou que este movemento "non pretende ser outra vaca no millo" senón "presionar" para que "Galicia non desapareza do mapa político". Pola súa banda, Antón Losada sinalou que el estaba aí "para molestar": "estou farto de vivir nun país onde sempre mandan os que queren que non pase nada e sei que estando aquí molesto, e eu o que quero é molestalos", dixo.
Ana Luísa Bouza destacou que a cidadanía está pedindo "outras formas de facer política", e reiterou que este movemento "non pretende ser outra vaca no millo" senón "presionar" para que "Galicia non desapareza do mapa político"
Ao acto asistiron membros de Compromiso por Galicia, como Xosé Manuel Pérez Bouza, o alcalde saínte de Monforte, Severino Rodríguez, do BNG, ou figuras da cultura, a universidade ou o deporte, coma Xurxo Souto, Margarita Ledo, Lourenzo Fernández Prieto, Jorge Mira, Fermín Bouza, Fernando Vázquez.
Na súa declaración constitutiva, Somos Nós chama a "cambiar o País e facer país de forma ética, transparente e participativa", a través dunha "revolta cidadá, unha auténtica mobilización social para a afirmación de Galicia e para que sexamos respectados no escenario político estatal", facendo referencia ás Irmandades da Fala ou Nunca Máis, que tamén estiveron presentes no acto deste sábado. "Queremos que Galicia teña a oportunidade de escribir o seu futuro reclamando o dereito a ser dona e beneficiaria dos seus recursos. Queremos conformar unha forza cívica que sexa quen de promover accións sociais para a construción nacional de Galicia ou para deter actuacións que vaian en contra dos intereses da maioría da cidadanía", destaca o texto.
Dende o pasado outono, Anxo Quintana vén protagonizando diversos actos públicos nos que expresou "preocupación" pola "desgaleguización" do debate político. A intención e Somos Nós é a de traballar para que Galicia "conte e estea presente no debate sobre o novo modelo territorial do Estado".