A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto volverá saír á rúa este luns. A pesar de que o pasado mes de setembro a mobilización cidadá sostida botou abaixo a polémica reforma impulsada polo goberno de Mariano Rajoy, o Partido Popular quixo contentar os grupos máis retrógrados e a súa á dereita, impoñendo unha modificación que recorta o dereito ao aborto das mulleres de 16 e 17 anos, que necesitarán o permiso dos seus proxenitores. Esta pequena contrarreforma anunciouse unhas poucas semanas antes da manifestación que os colectivos antiabortistas teñen convocada en Madrid para o vindeiro 14 de marzo.
"Este Goberno anúlalles o dereito á educación, á saúde sexual e á prevención por mor dos grandes recortes nestes temas e iso é o que realmente evitaría embarazos non desexados"
Seis cidades galegas acollerán este luns ás 20 horas concentracións de protesta contra a intención do Goberno de limitar os dereitos das mozas entre 16 e 18 anos, así coma das mulleres con capacidade modificada. Na Coruña, Compostela, Ferrol e Ourense os actos están convocados ante as sedes locais do PP; en Pontevedra será ante a sede provincial deste partido; e en Vigo a cita é na Farola de Urzáiz. Nas concentracións do pasado 28 de setembro, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto xa advertira de que "non baixamos a garda; gañamos unha batalla máis pero a loita feminista continúa". A Plataforma denuncia que "este goberno quere deixar as mulleres novas sen ter a capacidade de decidir sobre o seu propio corpo, sobre os seus dereitos sexuais e reprodutivos. Anúlalles o dereito á educación, á saúde sexual e á prevención por mor dos grandes recortes nestes temas e iso é o que realmente evitaría embarazos non desexados".
De igual xeito, a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) vén de facer pública a súa oposición á proposición de Lei Orgánica que pretende modificar a actual Lei do Aborto. AGAMME sinala que "o dereito das persoas menores de idade a seren escoitadas en aspectos cruciais na súa vida aparece reflectido na Convención dos Dereitos do Neno e da Nena como un dos dereitos piares. Con 16 e 17 anos, as mozas están a un paso de acadar a maioría de idade, a decisión sobre a súa maternidade debe ser exclusivamente súa".
"Con 16 e 17 anos, as mozas están a un paso de acadar a maioría de idade, a decisión sobre a súa maternidade debe ser exclusivamente súa"
Lembra que "o marco lexislativo referente ás persoas menores de idade no Estado español establece que desde os 14 anos os nenos e nenas teñen responsabilidade penal con 16 poden incorporarse ao mercado laboral e a esta idade poden acadar a emancipación". "Non é sustentable esa falta de coherencia: responsable penal pero non para decidir sobre o seu propio corpo", engaden. Tamén alertan dos "riscos para a saúde" de moitas mozas que pode provocar esta modificación lexislativa: "négaselles unha asistencia pública, cualificada e legal, o cal non significa que estas non vaian procurar outros medios (non cualificados, non legais, non públicos)".
"O aborto en mozas de 16 e 17 anos representou o 3,6% do total de abortos realizados entre xaneiro e setembro de 2014 e que na maioría dos casos (87,62%) as rapazas acudían acompañadas dos seus titores"
Finalmente, subliñan que a modificación da vixente lei do aborto é "innecesaria", e fan referencia ao informe da Asociación de Clínicas Acreditadas para la Interrupción del Embarazo, que revela que o aborto en mozas de 16 e 17 anos representou o 3,6% do total de abortos realizados entre xaneiro e setembro de 2014 e que na maioría dos casos (87,62%) as rapazas acudían acompañadas dos seus titores. "Se analizamos os motivos alegados polo 12,38% restante concluiremos que esta lei implica un marcado nesgo discriminatorio contra as rapazas embarazadas en situación de desamparo, maltrato no ámbito familiar, inmigración...", conclúen. De feito, atendendo as estatísticas oficiais do Servizo Galego de Saúde no ano 2013 -dato máis recente dispoñible- realizáronse en Galicia 104 abortos a mozas destas idades, un 3% do total. Aplicando a Galicia a proporción de abortos nos que as mozas non foron acompañadas polos seus titores legais, podemos estar falando cunha cifra ao redor de 12.
"As mozas tiñan moi boas razóns para non contalo na casa, ou ben por medo ou porque están seguras de que van a ser obrigadas a ter ese fillo ou filla por razóns de índole relixiosa"
Segundo AGAMME, os motivos alegados por estas rapazas (113 no total do Estado) para non ter informado sobre o seu embarazo foron desamparo familiar, familias desestruturadas, proxenitores en prisión, risco de sufrir malos tratos, enfermidade invalidante dos titores, negativa dos titores a acompañalas, ou posturas abertamente contrarias ao aborto. AGAMME conclúe que "podemos aseverar que as condicións nas que esas mozas terían que afrontar a maternidade serían a todas luces precarias, o cal nos leva á conclusión de que o Goberno, no canto de preocuparse por corrixir as situacións de desprotección nas que se atopan as menores de idade opta por sometelas á decisión que os seus titores adopten respecto a esa maternidade".
De igual xeito a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto lembra que "o aborto de menores sen consentimento paterno, materno ou de titores da menor o ano pasado representou só o 0,44% do total. Nestes casos as mozas tiñan moi boas razóns para non contalo na casa, ou ben por medo, mesmo medo físico ou porque están seguras de que van a ser obrigadas a ter ese fillo ou filla por razóns de índole relixiosa".