A Defensora do Pobo alerta sobre as eivas da Xunta no control de explotacións mineiras perigosas. Así o fai no seu último informe anual remitido ás Cortes, onde se queixa da falta de colaboración das administracións en dous graves casos como son a situación das minas de lousa de Valdeorras e a contaminación e degradación ambiental provocada polo abandono da mina de ouro e cobre en Touro.
A Defensora denuncia a falta de colaboración da Xunta e o "atraso" á hora de achegar a información requirida sobre os danos das minas
As advertencias do alto comisionado do Estado á Xunta son claros e no caso das explotacións mineiras de Carballeda de Valdeorras asegura que se pode comprobar, tras as informacións da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o "atraso, en ocasións de máis de catro anos, na comprobación do cumprimento das obrigas de restauración dos danos e prexuízos" provocados ao dominio público hidráulico da zona explotada. No informe asegura tamén que a Consellería de Medio Ambiente aínda non informou dos datos solicitados malia "térselle requirido dúas veces".
No texto, a Defensora, Soledad Becerril, asegura que Medio Ambiente "non coñece con precisión" o estado das minas da comarca e explica como tivo que lembrarlle a este organismo que as atribucións da Consellería de Economía "non privan das súas ao órgano ambiental" e que este "sempre é competente para preguntar ao órgano de minas, instalo, recoller información e incluso denunciar actos e exixir o cumprimento das leis".
O alto comisionado lembra que o Goberno non responde aos seus requirimentos sobre a contaminación en Valdeorras
"Compételle sempre saber e coñecer que está ocorrendo coas explotacións mineiras en Carballeda de Valdeorras", di, algo que non estaría a facer a consellería, que nin tan sequera informa malia as peticións da institución do Defensor, como a última actuación de oficio iniciada ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a propia Xunta sobre a "contaminación nos afluentes do río Sil provocada por unhas canteiras de lousa".
Tamén acusa a Defensora a Consellería de Economía de informar de que a situación da mina de cobre e ouro de Touro "é correcta" malia que o alto comisionado "dispón de material fotográfico que amosa as condicións reais da zona". O informe aclara que xa se ten solicitado "máis información" que "aclaren as medidas previstas para evitar a contaminación das augas por escorrentía, así como os vertidos ou depósitos irregulares" para "mellorar a seguridade na mina a través de novos valados, canalizacións ou sistemas de depuración".
A Xunta non informou a Defensora dos problemas en Touro e asegurou que a situación era "correcta" malia as evidencias que achega o alto comisionado
A alusión de Soledad Becerril derívase da denuncia presentada pola plataforma Salvemos Cabana e contradí así a versión da Consellería de Economía, que segundo deuncia o colectivo, "non achegou a información requirida por vía urxente polo alto comisionado a finais do mes de xaneiro". Porque foi a Xunta a que asegurou o pasado ano que non destecta problema ningún de seguirdade na mina de Touro que que toda a explotación estaba valada e os seus accesos sinalizados con carteis que advertían do perigo. Algo que nega a entidade, que asegura que na data da queixa non había vixilancia, nin selado correcto nin avisos.
Doutra banda, a Consellería afirmou igualmente que a presenza de augas ácidas no ámbito de Touro ten unha orixe natural pola presenza de sulfuros na zona, cando en realidade é o compoñente artificial inherente á actividade extractiva a que "acentuou o problema da contaminación provocado pola drenaxe ácida de mina (DAM) a graden escala".
"O sucedido en Touro e Valdeorras demostra o escaso compromiso da Xunta coa fiscalización do sector mineiro en Galicia", di Salvemos Cabana
Segundo Salvemos Cabana, o sucedido en Touro demostra "o escaso compromiso das actuais autoridades da Xunta coa fiscalización do sector extractivo a nivel galego" e lembra que a Lei de Ordenación da Minaría aclara que é o Goberno quen debe comprobar e facer garantir a normativa aplicable.
"Os repetidos conceptos de 'minaría sostible' e 'minaría responsable' ao que reiteradamente se apela dende a actual administración autonómica e a Cámara Oficial Mineira non deixan de converterse en papel mollado ante a realidade demostrada en Touro e outros enclaves como Valdeorras", remata a plataforma.
Manancial contaminado en Porto do Son
Ademais destas críticas á actitude medioambiental da Xunta, o informe da Defensora advirte tamén que segue coas "actuacións" pola contaminación dun manancial en Porto do Son e censura o Concello por ter "obstaculizado" as devanditas actuacións e do que censura que "aínda non proporcionase a información solicitada".
O informe do Defensor denuncia que o Concello de Porto do Son "obstaculiza" as actuacións pola contaminación dun manancial
Ao tempo, o alto comisionado asegura que logo da súa comunicación, a Consellería de Medio Rural iniciou un procedemento sancionador tras o corte masivo de árbores sen autorización nun monte de Palavea, na cidade da Coruña. Tamén na cidade, e na construción do vial de conexión da autovía AC-14 coa AP-9 teríanse levado a cabo varias actuacións "que incumpren os procedementos legalmente establecidos na normativa de estadas e medioambiental", ademais de non xustificar a posible "determinación de interese público, social ou económico", ao non considerarse axeitadamente "as repercusións que a obra pode ter en tales ámbitos".