As Marchas da Dignidade denuncian o "boicot" de Renfe e Fomento ao 21M

Rolda de prensa das Marchas da Dignidade galegas © Marchas da Dignidade - Galicia

As Marchas da Dignidade de Galicia denuncian o "boicot gobernamental de Renfe e o Ministerio de Fomento" á mobilización que se celebrará en Madrid o vindeiro 21 de marzo. A Columna Galega denuncia as trabas, impedimentos e "estrataxemas" que, segundo denuncian, chegan desde o Goberno central para impedir a viaxe de milleiros de persoas á manifestación que prevé repetir o éxito da celebrada hai un ano na capital do Estado. 

As Marchas denuncian un "boicot gobernamental de Renfe e Fomento" á mobilización do 21M

O 22M galego viuse obrigado a prescindir dos dous trens chárters que preacordaran xa con Renfe -en case idénticas condicións que nas que fixeran a viaxe o ano pasado- logo de que a empresa cambiase as condicións do pactado. Segundo explica a Columna Galega, a organización das Marchas acordou contratar dous ferrocarrís -un desde A Coruña e outro desde Vigo e con paradas en varias localidades do país- que habían trasladar máis de 500 persoas a Madrid e cun prezo de 50 euros por persoa. Segundo denuncian, a compañía ferroviaria aludiu primeiro á falta de maquinistas para xustificar a imposibilidade de facilitar os medios de transporte xa negociados, un problema que foi solucionado tras a mediación do CGT e o Sindicato Ferroviario, que conseguiron maquinistas que mesmo traballarían de balde nese día. 

Non obstante, e logo de varias xuntanzas, Renfe optou hai tan só dous días por cambiar as condicións pactadas, ao duplicar o importe do billete de ida e volta, que pasaría a custar 90 euros, o dobre do prezo que os manifestantes pagaron o ano pasado. Así, as Marchas da Dignidade víronse na obriga de suspender a viaxe en tren e de conseguir novos medios de transporte. Deste xeito, como denuncia o 22M, a compañía pública deixa de embolsar uns 26.000 euros por alugar un tren que está parado as fins de semana.

Renfe aludiu primeiro á falta de maquinistas e, unha vez solucionado o problema, dobrou o prezo dos billetes

“É unha decisión política de Ana Pastor e os seus secuaces para impedir que viaxemos en tren a Madrid; ímola responder aínda con máis dignidade. Comprometémonos desde aquí a levar o dobre de xente que estaba prevista nos dous trens, e sairán autobuses de toda a xeografía galega. O 21M, si ou si, imos ateigar Madrid”, respondeu Manuel Camaño, líder da CUT e voceiro da Columna Galega, que cre que a mobilización do 21M "será de novo masiva malia os atrancos que nos poñen e a pesar do apagón informativo". 

A resposta das Marchas foi en forma de autobuses. Están contratados xa 30 que sairán de distintas localidades de Galicia, facendo paradas en varios puntos da xeografía. Entre as persoas que se despracen nestes autocares e as que o fagan nos seus vehículos particulares, a Columna Galega calcula que se repetirá a afluencia galega do ano pasado polo 22M: unhas 2.700 persoas. 

“É unha decisión política de Ana Pastor e os seus secuaces para impedir que viaxemos en tren a Madrid"

Así, os autocares sairán desde Ferrol, A Coruña, Compostela, A Estrada, Ribeira, Vilagarcía, Pontevedra, Cangas, Vigo, Redondela, Tui, Nigrán, Ponteareas, Viveiro, Lugo, Sarria, O Carballiño e Ourense. Xuntarán máis xente que a prevista nos trens e desde as Marchas cren que a mobilización en Madrid será de novo un éxito. "Este boicot demostra que o poder ten medo da mobilización unitaria e pacífica que supoñen as Marchas, e por iso usa todos os medios para impedilas", di o 22M, que asegura que viaxar en tren "é unha cuestión de comodidade, seguridade e sustentabilidade, xa que contamina menos un tren que dez autobuses e xera menos problemas nas estradas"

"Hai incluso máis apagón informativo que o ano pasado, pero xa non só por parte do réxime, senón mesmo de medios progresistas", denuncia tamé Camaño, que cre que moito ten que ver coa "distorsión do momento político" que provoca "o inxenuo da ilusión municipalista". 

Ante a ausencia de trens, as Marchas contrataron xa 30 autobuses que sairán de varios puntos de Galicia

"A rebelión cívica non se fai escribindo e a quebra democrática non se consegue sen a mobilización social nin sen unidade", di Camaño, que advirte que "moitos pensaron que a mobilización no Obradoiro o 29M tamén ía ser un fracaso". "As mobilizacións masivas que cuestionan o sistema viiñeron das Marchas, non dos sindicatos maioritarios; o problema actual só se supera coa unidade e a transversalidade", conclúe. 

Acto das Marchas da Dignidade en Vigo © Marchas da Dignidade - Galicia
© Marchas da Dignidade - Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.